Xosé Regueira: “O turismo ten que xerar oportunidades e mellores cotas de benestar para as persoas que vivimos aquí”
Poñer o foco no turismo como xerador de riqueza e oportunidades no eido local, xestionar os fluxos para que quen nos visita percorra toda a provincia e lograr que o faga en calquera época do ano son as principais estratexias polas que aposta o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. O tamén deputado de Promoción Turística, Artesanía, Comercio e Cadea Agroalimentaria recíbenos na sede do ente provincial na cidade herculina para falar destas e doutras cuestións dun sector clave na nosa economía.
Como se presenta este verán para o turismo da provincia?
Eu creo que Galicia en xeral vai seguir medrando tanto en número de visitantes como en volume de negocio para o sector. Mais penso que debemos estudar o que está a pasar para non morrer de éxito. Temos que intentar ter instrumentos de medida fiables para que o turismo sexa cada vez máis forte e de máis calidade, evitando caer en problemas que hai noutros destinos.
Que medidas estades tomando entón na Deputación para evitar caer na masificación?
Levamos dende o ano 2015 intentando poñer o foco en territorios que son menos recoñecidos desde o punto de vista turístico. Por exemplo, co proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, que recibe un tipo de visitante un pouco diferente, un turismo científico. Ou no Parque Natural das Fraguas do Eume, no que temos un proxecto dos Fondos europeos Next Generation, ou na cidade de Ferrol, na que estamos impulsando a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade. É un territorio moi rico, diverso, moi diferente ao turismo de sol e praia ou Xacobeo, con intereses científicos, culturais, ambientais... Todo iso serve para xestionar fluxos, que non se concentren en certos puntos, senón que se dispersen ao longo dun territorio máis amplo para evitar aglomeracións e masificación.
Estamos traballando tamén no xeodestino da Costa da Morte, que ten un foco que empeza a ser un punto negro. Refírome á chegada masiva de peregrinos ao Cabo Fisterra e a Muxía. Nós, para equilibrar, estamos tratando de impulsar a zona do río Anllóns. Tamén o territorio de Barbanza – Arousa e o interior da provincia, que é unha zona con moito que ofrecer.
As dúas principais cidades da provincia, Santiago e A Coruña, están avanzando na posta en marcha dunha taxa turística. Como o ven dende o ente provincial?
Creo que Compostela e a Coruña acaban de iniciar un camiño que en pouco tempo, se o turismo en Galicia segue medrando, van a iniciar tamén outras cidades. A min sempre me gusta dicir que se o turismo non ten unha rendibilidade para a poboación residente, estamos facendo mal as cousas. Traer turismo por traelo non vale para nada. Ten que servir para xerar oportunidades e mellores cotas de benestar para as persoas que vivimos aquí.
Nun momento de boom turístico como o actual, hai que poñer medidas. Estas medidas teñen que servir para protexer ao sector, porque o turismo non se debe converter en algo que rexeite a poboación residente.
Nese senso, cre que existe na provincia a chamada ‘turismofobia’?
Eu penso que é máis impostado que real. Pero é certo que a xente que traballamos no turismo, tanto no sector público como no privado, vendemos moi mal a súa rendibilidade, o que representa para as persoas que vivimos aquí. Moita xente que reacciona en contra el non é consciente do que nos está dando. E isto non quere dicir que non haxa xa algúns problemas que fagan que teñamos algunha reacción. Se o turismo ocasiona que teñamos que pagar por un café 1,70 € ou que sexamos incapaces de conseguir unha vivenda, entendo que efectivamente nesa localidade empece a haber certa reacción en contra. Por iso creo que nestes momentos é cando ás administracións públicas nos toca xogar cartas, ver de que maneira evitamos todo iso e que medidas tomamos.
Unha desas medidas podería ser apostar pola sustentabilidade turística?
Si. A sustentabilidade é un equilibrio, aínda que hai xente que o confunde coa ecoloxía. Por iso cando falamos de turismo, falamos de gastronomía, de sector primario, de pesca... Porque hai dúas cuestións que destacan as persoas que nos visitan: a paisaxe e o ben que se come. Hoxe en día temos un sector profesional de restauración moi potente. Que ademais é moi consciente de que a calidade pasa por confiar nas persoas que están xusto ao lado do seu local, que producen alimentos de primeira calidade e que logo chegan as mesas do seu restaurante.
Non nos interesa o turismo estacional, que vén aquí a facer sendeirismo ou ir á praia durante unha época moi concreta do ano. Iso ademais xera outro dos problemas que ten agora mesmo o sector, que é a dignificación da man de obra que traballa en hostalería. Hai unha parte moi grande do territorio da provincia onde a hostalaría pecha nunha porcentaxe moi alta en inverno, outono e primavera.
E como podemos avanzar na desestacionalización?
Temos que empezar a tomalo máis en serio. E iso faise desde o punto de vista económico. Eu cando viaxo son un romántico, pero cando recibo turistas, o que busco é que dean oportunidades á xente que vive aquí. E temos que ter unha estratexia. Non chamar a todo o mundo, senón a quen nos poder facer ser máis competitivos ao longo de todo o ano. Ao turismo asiático ou o norteamericano interésalles moitísimo a nosa gastronomía, a paisaxe, a tradición, a historia... E deixan moito diñeiro en destino. Un norteamericano gasta ao redor de 200 euros, mentres que un italiano gasta sobre 100 ou 80. Por tanto, con menos turistas americanos facemos moito máis negocio que con xentes doutros lugares.
É tamén moi importante mellorar a conectividade. Sobre todo, a aérea. Un dos nosos hándicaps é que para nós, desgraciadamente, o aeroporto de referencia está sendo Oporto.
En canto ao turismo gastronómico, a Deputación ten lanzado como moito éxito a campaña ‘A paisaxe que sabe’.
Si, esta campaña na que mesturamos turismo e economía agroalimentaria estanos dando pé a coñecer un mundo moi interesante. Un sector moi comprometido co territorio e a sustentabilidade.
Aquí temos a fortuna de que a maioría da xente segue producindo os alimentos case como facían seus pais, as súas nais... Entón cando nos falan de economía circular, nós levámolo facendo toda a vida. Probablemente con outras palabras, pero coa mesma autenticidade. Temos profesionais que están traballando os viñedos, recuperando cepas centenarias autóctonas, producindo viños cada vez de máis calidade... E nós cada vez que os levamos a un evento de carácter gastronómico, tanto aos grandes tipo Madrid Fusión como os que facemos en zonas tan exixentes como Euskadi, sorprenden moitísimo.
En canto á produción agrícola, hai xente nas nosas aldeas que está producindo para Estrelas Michelin a nivel europeo. Desde Coristanco estamos exportando o chícharo bágoa para toda Europa. Tamén no ámbito das conservas, tanto de mar como de terra, estanse facendo as cousas moi ben. A min dáme a sensación que temos un potencial enorme! E temos proxectos magníficos como o de Amas da Terra de Lucía Freitas. Xa digo, temos un sector produtivo e de restauración que nestes momentos teñen un altísimo compromiso coa sustentabilidade.
Falando disto non podemos esquecer as festas gastronómicas que se celebran na provincia. Cal nos recomendaría?
Esta é unha pregunta que pon en problemas a calquera! (risos). O que sempre digo é que na provincia da Coruña o mellor é tirar un dardo ao mapa e onde caia, vaise acertar si ou si.
En canto ás festas, témolas de todo tipo de produtos, algunhas máis tradicionais, outras máis innovadoras... Somos un país que nos gusta divertirnos e no que entendemos que pasalo ben é sempre con algo que levar á boca, sexa de comer ou de beber. Iso forma comunidade, pero tamén é moi atractivo para as persoas que nos visitan. Mentres que noutros países do mundo, ao mellor teñen un produto característico e amplamente recoñecido, aquí somos capaces de pelexarnos por un mesmo nun territorio a dez quilómetros de distancia. Cal é o mellor percebe de Galicia? O do Roncudo, o da Punta da Barca, o de Cedeira, o de Laxe...?
Entón non me atrevo a elixir unha festa. Pero se teño que dicir unha, decántome pola do Congro de Muxía, que se celebra en abril e que me serve tamén para reivindicar os secadoiros da zona. Hai que salvar un oficio e unha maneira de entender o tratamento dese peixe centenario e ademais é unha festa que representa a tradición, a arquitectura, a paisaxe, a gastronomía... Paga moito a pena!

8 xeodestinos por descubrir
FERROLTERRA:
“Unha das nosas grandes xoias naturais, patrimoniais e históricas, cunha cidade con moito por descubrir”
AS MARIÑAS:
“Unha cidade iluminada polo faro romano máis antigo en funcionamento, ao lado dunha idílica ría, con infinidade de praias e o encanto natural da Reserva da Biosfera”
COSTA DA MORTE:
“Natureza en estado puro, praias salvaxes, solpores que atrapan , e unha gastronomía do mar e da terra que reflicte a autenticidade do territorio”
TERRAS DE SANTIAGO:
“A fin dun camiño repleto de patrimonio cultural, aprendizaxes e hospitalidade, que conforma unha experiencia completa e equilibrada entre o urbano e o rural”
RÍA DE MUROS-NOIA:
“A autenticidade dunha ría que alberga dúas vilas mariñeiras con incribles paisaxes e unha profunda tradición ligada ao mar”
BARBANZA-AROUSA:
“As praias e calas máis paradisíacas da provincia con azuis claros dun mar que nos regala produtos da mellor calidade”
TERRAS DE ORDES:
“O corazón verde da provincia que late con forza entre dúas cidades”
ULLA – TAMBRE – MANDEO:
“Tres ríos e miles de historias.
O interior que flúe”