CulturaEntrevistasNovasSandra Rego

Lúa Mosquetera: “A tenrura é punky”

Por Sandra Rego

 Lúa Mosquetera. Foto: Andrea Sánchez
Lúa Mosquetera. Foto: Andrea Sánchez

Non recordo a primeira vez que vin recitar a Lúa. Aínda que podo asegurar que despois da primeira viñeron moitas máis. Xa na universidade escoitara falar dela e da marca de roupa que fixera coa súa irmá. Anos despois, en 2021, coñecina noutra faceta: gañadora do Poetry Slam Compostela. A partir de aí, comezouse a instaurar en Galicia unha nova xeración de slammers e poetas que se inspiraban nela. Moitas quixemos ser Lúa algunha vez, con ese estilo indiscutiblemente seu e esa forza que transmite no escenario. O spoken word de Lúa pode levarte do pranto a risa nun verso. Os seus textos son persoais, guerreiros e próximos e, xunto as melodías de Pablo Seijas á guitarra, convérteos no tándem perfecto.

Xa levas cinco libros publicados. Como cambiou Lúa dende que publicou ‘Aunque seas rara y seas pájaro’?

Pois... no profesional tampouco cambiou tanto, en realidade. No persoal cambiei, pero de maneira natural, quero dicir, como cambiaría calquera. Non é que a nivel creativo cambiase moito. E a nivel profesional, pois tampouco.

Cando publiquei ‘Aunque seas rara y seas pájaro’, que o autoeditei, pensaba que chegar a un maior número de lectores e chegar a un maior recoñecemento ía levar a publicar con editoriais e a que a miña situación laboral no mundo da escritura fose máis estable, dalgunha forma. Para o que me serviron estes anos é para aprender que non. Que o sector editorial é durísimo, que é inxusto en moitos aspectos e que a mellor opción segue sendo, cinco anos despois, autoeditarse.

Pero tamén tiveches algún libro con editorial.

Si, ‘Espíderman’ saíu con Galaxia e a novela ‘Yo vivo’ saíu con La Moderna. A experiencia de publicar cunha editorial está ben vivila. Pero non creo que sexa a ideal. Dá igual que sexas novel ou que esteas consagrado, creo que economicamente e por razóns que teñen que ver co produto final, coas presentacións, con xestión, digamos, do proxecto en xeral, segue compensando a autoedición.

Actúas o 11 de xullo no Teatro Colón da Coruña, cóntanos que imos ver. Vai ser un formato diferente?

A verdade é que non. Xa antes de quedarme embarazada pensaba en facer un pequeno parón. Sobre todo porque este é un repertorio que xa levo usando desde fai cinco anos, e xa me parece que está un pouco gastado dalgunha forma. Entón, parecíame que a mellor opción para facer un repertorio completo novo, e darlle un pouco máis de frescura era parar, escribir, facer música con Pablo e logo pois saír de novo. 

Por outro lado, dáme mágoa que se deixen de escoitar estes poemas, non pola xente que repite, que lles agradezo todo e non o entendo (fai a broma), senón máis ben pola xente que non me escoitou nunca, xa que non vou ter oportunidade de chegar a eles e se cadra nunca máis os volvo a recitar. É unha sorte de última oportunidade pero non, non é nada distinto. Son os poemas de sempre, pero unha vez máis, digamos.

En principio, a do Colón será a última actuación. Agosto tomareino de descanso e en setembro xa chega o novo membro da familia, así que é unha última oportunidade de verdade.

En moitos dos teus poemas falas da túa nai, de Otto... dos teus seres queridos, e quería saber se esta nova etapa de ser nai inspírate ou che inspirará para crear novos textos.

Hai días que en absoluto, supoño que isto é normal e que lle pasará a moitas mulleres autónomas e artistas, tanto cando están embarazadas como maternando, pero é que todo o artístico, o que non é práctico, o que é un pouco pragmático, paréceche que é inútil; porque é como que tes que pasar á acción e facer cousas que consideras máis relevantes nese momento. Para as mulleres autónomas é complicado porque non temos baixa.

Logo noutros momentos, si. Hai unha cousa que é moi biolóxica, que ten que ver co animal, non? E acórdaste de todas as mulleres que maternaron, as nais, as avoas…

E que é o que che move á hora de escribir?

O que máis me move é o cotián. Isto lle pasa a moitos artistas hoxe en día, porque se cadra antes, movíanos máis o transcendental, a complexidade dun sentimento. Agora para min a tenrura é o punky.

Haberá algunha colaboración musical proximamente como fixeras con Bala ou con Pablo Seijas?

Con Pablo sempre, aparte que non me queda outra porque convivimos (risos). De feito, dende que o coñezo e dende que traballamos xuntos, as composicións nacen música e texto xuntos. Polo que a seguinte etapa que veña virá sempre da man del, o traballo entre os dous vai ser continuo.

Logo colaboracións, pois claro, encantaríame, ademais é que para min, un dos meus obxectivos como poeta é sacar a poesía dos escenarios típicos, dos recitais de poesía. Con Bala foi un proxecto no que houbo moita química e que funcionou tan ben que non pode quedar aí. Seguramente haxa noticias tarde ou cedo sobre ese proxecto conxunto.

Como ves o movemento poético galego actual, concretamente o spoken word?

Sempre o dixen, e ao longo destes anos subo a aposta, que estamos a vivir un momento bastante bo a nivel poético. Non sei se tanto de spoken word, pero si de poesía en xeral, de escritores, de poetas, e de spoken word tamén. Síntome súper orgullosa de saberme contemporánea doutras artistas como Nuria Vil, como Andrea Nunes ou Pompa e Boato.

E como se sinte unha poeta saíndo nunha campaña de Adolfo Domínguez que, ademais, viviches a experiencia dúas veces.

Si, dúas veces. O primeiro ano contactáronme polas temáticas dos meus poemas, sobre a miña nai, a maternidade, etc. E este ano convidáronme de novo porque se decataron de que ía ser nai e poder pechar un pouco o círculo. Posicionar a poesía noutros escenarios é importante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.