‘As tolas que non o eran’ Carmen V. Valiña recupera a memoria das mulleres encerradas en Conxo

Entrar nos arquivos do manicomio de Conxo é escoitar as voces esquecidas de centos de mulleres galegas. Mulleres ás que a historia relegou a un recuncho escuro, encerradas durante décadas non tanto por unha doenza mental, senón por non encaixar no papel que lles tiña reservado a sociedade do primeiro terzo do século XX. Falamos con Carmen V. Valiña (A Coruña, 1985), investigadora, divulgadora e directora da escola de feminismos Periféricas. Especializada na recuperación da memoria das mulleres silenciadas, ‘As tolas que non o eran’ (Editorial Galaxia) é a súa obra máis persoal e emotiva.
Carmen, como naceu a idea de contar a historia destas mulleres encerradas en Conxo?
Levo anos traballando na recuperación da memoria de mulleres anónimas e na igualdade de xénero, tanto desde o ámbito da investigación como coa miña escola de feminismos, Periféricas. Descubrín que no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, en Santiago, se conservaban os expedientes do manicomio de Conxo. Intuía que alí había historias silenciadas, de mulleres humildes, analfabetas e rurais, ingresadas na beneficencia. Cando confirmei que era así, quixen contar as súas vidas non desde a documentación médica fría, senón dende a memoria e o que os seus documentos persoais permitían reconstruír.
Que atopaches nos arquivos? Sorprendeuche o volume de documentación?
Sorprendeume moitísimo. Conxo é un arquivo psiquiátrico especialmente rico: ademais das historias clínicas escritas polos psiquiatras, hai correspondencia, historias familiares, pequenos obxectos, fotografías... Incluso cuestionarios de ingreso onde elas contaban que botaban de menos ou como se sentían. Moitas eran analfabetas, pero atoparon quen escribise por elas. Os psiquiatras tamén recolleron parte dos seus discursos. Isto converteu o proxecto, que inicialmente era académico, nun libro moito máis centrado na memoria e nas vidas silenciadas.
Foi un traballo de arquivo moi emocional, polo que contas.
Si, absolutamente. Sempre digo que este non é un arquivo que simplemente amarela co tempo; é un arquivo que súa, que sangra, que se sente. Vin as súas fotos, lin as súas cartas, coñecín as súas historias. Sendo muller, galega e do rural, sentín que eu mesma podería ter sido unha delas noutro tempo. Por iso o libro está tan claramente posicionado ao carón desas mulleres.
O termo “tola” usouse moitas veces como escusa para encerralas?
Totalmente. De aí o título do libro. Había quen tiña un diagnóstico claro, si, pero moitas simplemente non encaixaban nos roles de xénero da época: solteiras, alcohólicas, mozas que tiñan relacións antes do matrimonio... Eran incómodas. As familias non as querían preto, e Conxo converteuse no destino para todas elas.
Aínda hoxe persisten estes estigmas?
Si. A palabra “tola” segue usándose para desacreditar ás mulleres. Igual que “histérica”, que foi un diagnóstico psiquiátrico usado ata comezos do século XX e que aínda hoxe resoa con ese mesmo ton despectivo. Son etiquetas que se nos poñen a nós, non aos homes.
Falamos de mulleres encerradas durante décadas sen apenas visitas. Houbo algún tipo de recoñecemento da inxustiza que se cometeu?
Si, pero tardou en chegar. Nos anos 80 e 90, cando comezaron a entrar profesionais cunha mirada diferente —médicos, traballadoras sociais, psicólogos—, algúns recoñeceron que moitas non tiñan ningún trastorno, que simplemente eran distintas. Mesmo quedaron horrorizados co feito de que moitas levasen 60 anos ingresadas sen tratamento algún. Admitiron o erro histórico, pero tamén recoñecían que, despois de tanto tempo, Conxo xa era o seu único fogar.
A pesar desa vulnerabilidade, tamén salientas a forza destas mulleres.
Claro. Foron vulnerables polo contexto, pero tremendamente fortes na súa loita diaria: seguían escribindo, reclamando a súa cordura, mantendo o fío co exterior, preguntando polas súas familias... Tiñan unha capacidade de resistencia admirable.
En canto á saúde mental, que queda por facer?
Avanzamos, por exemplo, na normalización de acudir ao psicólogo. Pero aínda hai moitos trastornos que seguen sendo tabú, sobre todo aqueles que se manifestan dun xeito máis visible. E penso que as mulleres seguimos moi expostas a caer nestas situacións: pola conciliación, a desigualdade salarial, a violencia machista... A sociedade segue tendo a capacidade de “volvernos tolas” a todas, por dicilo así.
Agora estás na fase de presentar o libro. Cales son os teus próximos pasos?
Estamos facendo presentacións pola provincia da Coruña, que é onde vivo, e pouco a pouco iremos a outras zonas de Galicia. Tamén quero achegar o libro a institutos, concellos e espazos accesibles para un público máis amplo. O importante é facer visibles estas historias e entender que nós tamén puidemos ser elas.
Se naceramos fai 50 anos, posiblemente estariamos aí, tras os muros de Conxo. Historias coma estas lembran o necesario que é seguir poñendo luz onde antes só había silencio.