O Festival Flamenco Riquela celebra a súa segunda edición do 29 ao 31 de maio
O Festival Flamenco Riquela celebra a súa segunda edición na capital galega do 29 ao 31 de maio, consolidándose como o único festival dedicado ao flamenco en Galicia.
Organizado por Riquela Music e co apoio de Martín Códax, ofrece unha coidada programación que percorre as diferentes formas da arte jondo contemporáneo, desde o máis puro ata as súas fusións máis atrevidas. Coincidindo coas Festas da Ascensión, o festival súmase como unha proposta cultural diferente ao amplo abanico de actividades que acolle a cidade nestas datas.
XOVES 29 DE MAIO
A primeira xornada abrirase cunha noite de coplas e boleros, unha proposta emotiva e íntima que combina a tradición bolerística co carácter e sensibilidade do flamenco actual. Sobre o escenario do Riquela Club estarán a cantante madrileña Elena Salguero con ‘Rollo Boleros’, un espectáculo que mestura boleros, flamenco e música negra; Alana Sinkëy, artista de raíces guineanas e figura clave na fusión entre soul, flamenco e músicas do mundo; o lendario guitarrista Juan José Suárez “Pakete”, membro fundador de La Barbaría del Sur e gañador de dous premios Grammy; o flautista malagueño Alejandro Escalera e o recoñecido percusionista compostelán Moisés Fernández. Actuarán de forma conxunta, aínda que haberá momentos máis íntimos, nunha noite deseñada para gozar da arte en directo como unha experiencia irrepetible.
VENRES 30 DE MAIO
A segunda noite do Festival Flamenco Riquela contará coa presenza de Diego del Morao, un dos guitarristas máis aclamados do flamenco actual, herdeiro do legado dos Morao e colaborador habitual de figuras como José Mercé, Miguel Poveda ou Diego el Cigala. Tamén actuará o cantaor madrileño José del Curro, unha das voces emerxentes máis prometedoras do flamenco, con influencias que van desde Camarón a Juan Talega.
SÁBADO 31 DE MAIO
O festival despídese cunha xornada que une palabra, memoria e flamenco radical. Antonia Jiménez, considerada pioneira e a máis representativa de guitarristas femininas no flamenco na actualidade. Xunto a ela estarán a cantaora Loreto De Diego, cunha amplia traxectoria e recoñecida no cante tradicional e o percusionista Kike Terrón, un dos referentes actuais da percusión flamenca.
A programación complétase coa presentación do libro ‘Candela. Memoria social do Madrid flamenco’ de Jacobo Rivero, xornalista e escritor premiado, que repasa a historia do mítico local do barrio de Lavapiés. O acto terá lugar en ElMuelle1931 shop.
Este festival é unha aposta única en Galicia polo flamenco de calidade, aberto ao diálogo con outros xéneros e con artistas de primeiro nivel. Máis que un evento musical, o Festival Flamenco Riquela é unha experiencia que permite vivir o flamenco desde dentro, con toda a emoción que só o directo pode ofrecer. Con esta segunda edición, consolídase como unha cita imprescindible para a amantes da arte jondo e quen desexa descubrilo de preto.