#somospinchaCompostelaGastronomía

Julia Escobar Castellot e a súa historia de amor por Compostela

Julia Escobar Castellot ten 31 anos, naceu en Almería, pero vive desde fai cinco anos en Santiago. Foto: Iván Barreiro
Julia Escobar Castellot ten 31 anos, naceu en Almería, pero vive desde fai cinco anos en Santiago. Foto: Iván Barreiro

En outubro recibimos no correo de Pincha unha proposta para publicar unha reportaxe sobre 3Café, un novo local na Zona Vella compostelá. Era de Julia Escobar Castellot. Explicaba dela mesma que era xornalista, andaluza de nacemento, e que chegou a Santiago case por casualidade ata rematar namorándose da cidade e “especialmente desas pequenas historias que ás veces pasan desapercibidas, pero que din moito das persoas que a habitan”.

Pequenas historias como a súa propia que non queriamos deixar de contar.

Levas cinco anos vivindo en Santiago, como chegas aquí?

Nacín en Almería, de onde é meu pai. Miña nai é de Zaragoza. Ata os 15 anos estiven en Andalucía e despois mudámonos á República Dominicana, onde estudiei bacharelato. Volvín a España para facer a carreira de Xornalismo en Madrid. Na Universidade fixen unha amiga con familia en Monforte de Lemos e empezamos a pasar os veráns entre Galicia e Almería. Un día viñemos a Santiago, que foi o único dese verán que non choveu aquí (Enganoume Compostela! -di entre risos) e pensaba: que marabilla, unha cidade pequena, con máis calma... Había pouco que deixara o meu traballo e estaba pensando que facer. Atopei un máster de igualdade na USC, colléronme e viaxei aquí sen ter nada! Fun de Airbnb en Airbnb ata que tiven a sorte de atopar un piso! Empecei a traballar en El Correo Gallego pola mañá e polas tardes facía o máster. Así estiven máis dun ano. Coñecín ao meu mozo, montei unha consultoría de igualdade... e xa quedei!

E cando coñeces 3Café?

Descubrino en Instagram. Este verán diagnosticáronme celiaquía e cando vin aquí por primeira vez preguntei por un leite vexetal sen glute e María, a propietaria, empezou a mirar os bricks e a min o feito de que se preocupase da miña saúde, xa me ganou! Senteime a tomar un café, empezou a entrar xente e isto era como un patio de veciñas! Non nos coñeciamos de absolutamente nada e recordo pensar: “Que bo o que está a pasar nestes momentos!”. Vir aquí é sentir que estás no salón da túa casa e que vas facer novas amizades! Ademais de que María é un amor. Por exemplo, comprou unhas galletiñas sen glute para darme cando veño! E se tes algo importante na túa vida, sempre pregunta: “Que tal o médico?”, “Como foi a entrevista de traballo?”, “Que tal está a túa nai?”... O día do meu aniversario foi martes e 3Cafe pecha ese día. María abriu e comproume unha torta.

Ti es de moito café?

Pois mira, con 15 anos empecei a tomar café e era das que se metían a bomba atómica do ‘Café Bombón’, que leva leite condensado. Logo ao ir crecendo, descubrín que son intolerante á lactosa e comecei a tomalo só. Aquí en 3Café adoito bebelo con leite de améndoas.

A rutina do café ensinouma meu avó, como esa escusa para reunirse ou para pasar un día mal... Se noto á miña nai frouxa, dígolle: “Tomamos un café?”. É como o meu anaquiño para min!

E como descobres Pincha e decides escribirnos para publicar un artigo?

Escribín o texto porque estaba inspirada esa tarde... Cando o tiña rematado, ensineillo a María, gustoulle moito, comenteillo á miña parella... E foi el o que me falou de Pincha. Animoume a mandalo e díxome: “O peor que pode pasar é que non che contesten”. E cando me respondiches, foi cando llo contei a María! (Risos). Creo que foi como a miña decisión de vir a Santiago, que por un cúmulo de circunstancias, acabou pasando! E eu, feliz!

3Café un lugar onde quedar cando todo invita a marchar

Por Julia Escobar Castellot

Julia, no interior de 3Café. Foto: Iván Barreiro
Julia, no interior de 3Café. Foto: Iván Barreiro

Nunha pequena rúa de Santiago de Compostela, María Brazal creou algo máis ca unha cafetería: un lugar onde as persoas descoñecidas conversan, as présas quedan fóra e facer barrio volve ter sentido.

Hai lugares nos que unha persoa entra buscando un café e dos que sae atopando algo máis. 3Café é un deles. Non ten un grande escaparate nin precisa chamar demasiado a atención. Está no número 4 da rúa Travesa, case agochado entre o bar La Flor e a libraría Lila de Lilith, nunha desas rúas de Compostela polas que podemos pasar ducias de veces sen deternos a mirar. Pero paga a pena facelo.

Ao outro lado da porta está María. E probablemente, antes mesmo de que decidas onde sentar, xa te reciba cun sorriso e cun “Que che poño?”. Dá igual como comezase a súa mañá ou se tivo un deses días nos que todo parece saír mal. María ten unha maneira de atender que fai que calquera se sinta benvido. Non hai grandes cerimonias nin frases ensaiadas. Hai algo moito máis sinxelo e, quizais por iso, cada vez máis difícil de atopar: alguén que te trata co mesmo agarimo co que recibiría unha amizade na súa propia casa.

Porque 3Café ten algo de sala de estar familiar. É pequeno, acolledor e non pretende ser outra cousa. Aquí non se vén necesariamente tomar o café máis sofisticado da cidade nin fotografar o almorzo perfecto. Vense estar. A almorzar sen mirar constantemente o reloxo, a ler unhas páxinas dun libro ou, simplemente, a sentar xunto á ventá e observar como transcorre a mañá.

E que ventá!

Desde ela contémplase a igrexa de Santa María do Camiño. Hai mañás nas que a luz entra dun xeito especial, ilumina as mesas e converte ese pequeno recuncho nun deses lugares nos que apetece quedar un anaco máis. Non sei se é a luz, o café quente entre as mans ou esa sensación de que, durante uns minutos, o mundo pode agardar. Pero hai algo reconfortante en comezar alí o día.

Facer barrio, case sen propoñelo

O curioso de 3Café é o que acontece entre as súas paredes. Persoas que entran soas e acaban conversando con alguén a quen non coñecían de nada. Veciños que falan de como revitalizar o barrio, dos cambios que está a experimentar Santiago ou desa maneira tan particular que ten Compostela de sentirse cando chega o outono.

As conversas xorden sen necesidade de organizalas. Alguén fai un comentario, outra persoa responde desde a mesa do lado e, case sen decatarse, tres descoñecidos levan vinte minutos falando coma se se coñecesen de toda a vida.

Quizais sexa iso o que significa facer barrio. Non organizar grandes acontecementos nin encher as rúas de actividades, senón conseguir que as persoas volvan mirarse, recoñecerse e falar entre elas. María conségueo desde detrás dunha barra.

Aínda que Compostela a acolleu hai uns anos, ela é alacantina. E hai pequenos detalles que delatan as súas orixes. Entre cafés, torradas, bolaría e refrescos tamén hai sitio para a orchata, os fartóns e a limoada. Un anaquiño da súa terra que atopou acubillo nunha rúa compostelá.

Non parece que a súa intención sexa competir coas grandes cafeterías nin seguir todas as tendencias da hostalaría. A súa proposta é moito máis sinxela: ofrecer algo rico, coidar de quen entra e conseguir que queira volver. Non necesariamente polo que consumiu, senón por como se sentiu.

O terceiro lugar

Pero, por que 3Café? O nome non é casual. Hai tempo, María leu sobre a teoría dos tres espazos, un concepto desenvolvido polo sociólogo estadounidense Ray Oldenburg que defende a importancia de contar con espazos de encontro máis alá das dúas grandes esferas da nosa vida cotiá.

O primeiro lugar é o fogar. O segundo, o traballo. E o terceiro é ese espazo ao que acudimos por elección, onde podemos relacionarnos, conversar e sentirnos parte dunha comunidade. Pode ser unha cafetería, unha libraría, unha praza ou calquera recuncho no que as relacións humanas teñan máis importancia ca as obrigas.

A María, aquela idea fíxolle pensar no tipo de lugar que quería crear. Non se trataba simplemente de abrir unha cafetería, senón de construír ese terceiro espazo que tantas veces botamos en falta sen saber sequera que o necesitamos. E así naceu 3Café.

Nunha época na que podemos pasar horas conectados sen falar con ninguén, lugares coma este lembran que a vida dunha cidade tamén acontece nos seus pequenos establecementos. Nas conversas improvisadas, nos saúdos cotiáns, na persoa que atende detrás da barra e lembra como che gusta o café ou nesa outra coa que acabas falando, aínda que non saibas o seu nome.

Porque o valor dun terceiro lugar non está unicamente nas súas paredes, na súa decoración ou no que ofrece a súa carta. Está, sobre todo, nas relacións que se constrúen dentro.

E pode que esa sexa a mellor maneira de explicar o que acontece no número 4 da Rúa Travesa. María abriu unha cafetería, si. Pero, dalgún xeito, tamén lle abriu as portas da súa casa a todo un barrio.

E nunha cidade que ás veces parece ter demasiada présa, atopar un lugar onde ninguén te invita a marchar é unha sorte que todos merecemos sentir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.