A mellor música contemporánea de vangarda volve á Coruña do 25 de abril ao 31 de maio no festival RESIS
RESIS, o Festival Internacional de Música Contemporánea da Coruña, chega este ano á súa oitava cita, que volverá contar co patrocinio da Deputación da Coruña. Presentouse nun acto no que interviron a deputada de Cultura, Natividade González; o edil de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; o director territorial da Consellería de Cultura, Severino Álvarez; a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García, e o director do festival, Hugo Gómez-Chao.
A programación, do 25 de abril ao 31 de maio, inclúe 12 concertos, 12 estreas absolutas, 4 encargas, exposicións, clases maxistrais, coloquios, conferencias e propostas de arte sonora e dixital. Poderán gozarse en espazos de destacado valor patrimonial, arquitectónico e paisaxístico da cidade: a igrexa das Capuchinas, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón, o Pazo da Ópera, o Museo de Belas Artes da Coruña, a DOMUS e a sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT).
Durante as cinco semanas de programa, o festival reunirá a formacións coma Quatuor Diotima, Arxis Ensemble, Quartet Gerhard, Evo Ensemble e a Orquestra e Coro da Sinfónica de Galicia; a directores como Armando Merino, Fabián Panisello, Jordi Francés, Daniel Huertas e Javier Fajardo, e a solistas como Virginia Guidi, Florian Hoelscher e Florentin Ginot.
Na súa intervención, Natividade González reafirmou o “firme compromiso” do departamento de Cultura da Deputación “co apoio a iniciativas que, coma esta, abren camiños para a experimentación, a creación contemporánea e o diálogo entre diferentes disciplinas artísticas”.
“O Resis”, afirmou, “é moito máis ca un festival de música contemporánea e un dos encontros máis vangardistas e necesarios do panorama cultural galego: é unha plataforma que pon en valor a creación sonora do noso tempo, combinándoa con outras artes vivas, a tecnoloxía e a reflexión sobre o espazo e a sociedade”. “Ano tras ano”, engadiu, “esta cita reafirma a provincia da Coruña como un epicentro da cultura de vangarda, atraendo artistas de prestixio internacional e dando voz a novos creadores que atopan aquí un lugar para innovar e compartir o seu talento”.
Para González, a Deputación “ten a obriga de apoiar proxectos coma o Resis, que non só ofrecen unha programación de altísima calidade, senón que tamén fomentan o acceso á cultura e a educación artística, cunha clara vocación de proximidade e inclusión”.
“Desde o Goberno de Inés Rey levamos anos impulsando este certame e nesta edición podemos comprobar o froito da nosa colaboración, cunha programación que traspasa as fronteiras da cidade e amosa o poder cultural coruñés en Santiago, Madrid ou Roma”, sinalou o concelleiro Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro. O RESIS dará comezo co concerto de Arxis Ensemble xunto ao Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, o venres 25 de abril no Teatro Rosalía de Castro.
O RESIS, cunha programación experimental e híbrida, desenvolverá ao longo destes 30 días concertos, arte sonora, tecnoloxía e dixital, exposicións, cine, masterclasses, coloquios e conferencias que se encadrarán nunha ducia de espazos de alto nivel patrimonial, arquitectónico e paisaxístico no centro da cidade da Coruña. As entradas aos concertos e actividades serán gratuítas, reservándose en ataquilla.com ou de maneira presencial no quiosco da Praza de Ourense. Toda a programación pode ser consultada na páxina web www.resisfestival.gal.
A entrada a todos os concertos e actividades é de balde, e a localidades pódense retirar no quiosco da praza de Ourense ou na web ataquilla.com.