A CoruñaGastronomíaNovas

Galicia Fórum Gastrónomico, unha #gastroexplosión con innovación, produto local e creatividade

Finalistas do Campionato Estrella Galicia de TiraXe de Cervexa.
Finalistas do Campionato Estrella Galicia de TiraXe de Cervexa.

Máis de 200 expositores e empresas están a participar ata mañá, martes 25 de marzo, no Galicia Fórum Gastrónomico que se celebra en ExpoCoruña. Polo evento, que espera superar os 25.000 asistentes nesta décima edición, pasarán 27 estrelas Michelin: “Todo o que temos hoxe, mañá e pasado aquí é grazas ao traballo de cociñeiros e cociñeiras, pero tamén de produtores, comerciantes, traballadores do campo e mar que cada día fannos chegar o mellor da terra ao prato”, destacou a alcaldesa herculina Inés Rey, que puxo en valor a colaboración das diferentes administracións para facer deste “un dos mellores eventos do ano en Galicia”.

Ademais da alcaldesa, na xornada de inauguración do domingo interviñeron o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o director de Trade Marketing & RRPP de Hijos de Rivera, Manel Piñón, o director de programa de Galicia Fórum Gastronómico, Pep Palau, e a directora de Galicia Fórum Gastronómico, Ana Trevisani. “O Galicia Fórum Gastronómico é o mellor escaparate posible para o talento culinario da Coruña e de Galicia”, apuntou Inés Rey.

Logo da apertura, a rexedora e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, achegáronse a diversos postos locais. O evento contará estes días con figuras de talla mundial como Joan Roca, Elena Arzak, Marcos Morán, Rita Magro, Ricard Camarena, Lucía Freitas, Kanji Kobayashi, Marsia Taha ou Javier Olleros, entre moitos outros.

A nosa directora, Rebeca Munín, (no centro), co resto do xurado. Foto: La Diapo

Pincha no xurado do Campionato o Estrella Galicia de TiraXe de Cervexa

Na segunda xornada do Galicia Fórum Gastrónomico, que se celebrou este luns, o recinto de Expocoruña encheuse durante todo o día de visitantes que puideron gozar de numerosas propostas en torno ao mundo do viño, a coctelería e os cafés, entre as que non faltou a Gran Final da Batalla de Sumilleres.

Ademais, tivo lugar o Campionato Estrella Galicia de TiraXe de Cervexa, co obxectivo de atopar ao maior experto no servizo de cervexa da comunidade. O xurado estivo formado por Carlos Ávila (Cultura de Cerveza de Hijos de Rivera), César Nine (Xefe de sala en restaurantes como Maca de Castro, Jardín, Andana), Maite Carreira Trigo (Campiona de BMS Edición Galicia e Subcampiona de España), Ramiro Fernández (Sumiller xefe de Casa Marcelo) e Rebeca Munín (Directora da Revista Pincha).

A gañadora foi Sonia Falcón, da Cervecería Krazzy Kray de Cambados, mentres que Xavier Álvarez Parada, do restaurante Simpar de Santiago, quedou en segunda posición.

Os outros tres finalistas entre os 20 aspirantes foron Nicolas Kenneth Couston de Twin Fin na Coruña, Francisco José García de Asador Caminito de Lugo e Fernando Daniel Ribas da Costa de Auriga en Ourense.

Joan Roca, na súa intervención no Galicia Fórum Gastronómico.
Joan Roca, na súa intervención no Galicia Fórum Gastronómico.

Xornada de Clausura

A décima edición de Galicia Fórum Gastronómico chegará mañá martes 25 ao seu fin cunha nova axenda de actividades como os relatorios de Xavier Pellicer, do mellor restaurante do mundo de verduras en 2018; o xaponés Kanji Kobayashi, que actuará con Lucía Freitas como anfitriona, ou representantes da cociña galega como Iñaki Bretal, Pepe Solla e Javier Olleros, encargado ademais da sesión de clausura.

Por outra banda, a xornada do martes tamén acollerá a final do certame Desafío X Chef Galicia de Cervexas 1906 para recoñecer o esforzo dos cociñeiros por introducir boas prácticas nos seus establecementos, formando parte así dunha comunidade que actúa en favor de alcanzar un impacto positivo e consciente na sociedade, e cuxos finalistas galegos son Manuel Triay da Taberna Triay na Coruña, Adrián Pérez de Sinxelo en Ferrol, José Ramón Meigo de O Lagar da Estrela na Coruña e Fátima Olga Otero de Paprica en Lugo.

Ademais, levará a cabo o II Concurso de Empanadas, que contou cunha altísima participación que o afianza e consolida dentro das actividades do Fórum, e a entrega dos Premios Picadillo, un dos momentos máis emotivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.