Crusat & CostasGastronomía

Crusat e Costas: Viños para este Nadal

LORENA COSTAS |

Aló, Pincheirxs! Xa había un tempiño, eh? Xa sabedes que nós, despois do verán entre vendimas e demais, retornamos a Pincha como o turrón, polo Nadal... aínda que os turróns dentro de pouco estarán nas tendas en xullo como sigamos así!

Ben, nós ao noso, que é o viño. Desta vez non imos falar dun viño concreto, senón que vos traemos oito viños para oito ocasións distintas de celebracións en torno ao Nadal. Ben, non? Pois empezamos:

 

Un viño para a Noiteboa. Tal vez a data máis significativa do Nadal, non adoita ser o mellor momento para improvisar con viños demasiado radicais ou novidosos, mais dentro diso, tampouco temos por que irnos aos clásicos que xa están un pouco ‘demodé’. Evidentemente un só viño para toda a cea de Noiteboa antóllaseme un tanto pobre, pero como teño que recomendar un, propoño que comecemos cun Tras da Viña de Bodegas Zárate, un albariño 100% que reúne para min, moitas das cousas que me gustan: nariz austero fronte aos albariños comerciais, acidez equilibrada non excesiva e profundidade e elegancia para combinar con todo tipo de pratos ese día (Prezo: sobre 38€).

Un viño para o xantar de Nadal. Despois dos excesos da noite anterior, e sabendo que nas mesas galegas sempre hai comida dabondo como para un exército, pode vir moi ben para limpar a boca un escumoso lixeiro e doado de beber. Propoño un Górgola Blanc de Noirs, da adega Cabana das Bolboretas, un viño de burbulla elaborado mediante o método tradicional ou ‘champenoise’ coa peculiaridade de que a uva é tinta; 100% caíño. Elegancia, complexidade e frescura. (Prezo: sobre 45€).

 

Un viño para unha quedada coas amizades. Aquí xa estamos en terreo de innovar e arriscar un pouquiño, non? Unha quedada antes das uvas ou antes da cea familiar de Noiteboa ben merece sorprender ás amizades cun tinto fresco e diferente, afastado dos perfís estruturados aos que a xente adoita estar afeita. Propoño un XanLedo de adegas Viñedos do Gabián, un dos meus tintos favoritos sen dúbida. Saímos das Rías Baixas e entramos no Ribeiro sen perder un ápice de frescura. 60% caíño longo, 35% brancellao e 5% espadeiro: elegancia e equilibrio neste viño fluído, de acidez precisa e do que non poderás beber só unha botella. (Prezo: sobre 25€).

 

Un viño para regalar. Xa que imos regalar un viño, cómpre estirarse e non mercar un calquera! Se hai unha variedade, ademais do albariño, que sexa ben característica da nosa terra e unha zona ben coñecida fóra das nosas fronteiras pola súa beleza, sen dúbida, esas son a Ribeira Sacra e a uva mencía. E por iso a miña proposta para regalar e quedar ben si ou si é Finca Pombeiras de adegas Guímaro. A moitos de vós seguro que vos soa un viño chamado A Penitencia, de Raúl Pérez; pois ben, a metade do viño desta parcela emprégase para a súa elaboración. Centrándonos en Finca Pombeiras, está elaborado cun 80% de mencía e 20% de outras variedades (caíño, sousón, brancellao...) Viticultura heroica nesta parcela de pendentes pronunciadas, para producir un viño de marcado carácter fresco, atlántico, elegante e lixeiro sen perder profundidade. (Prezo: sobre 45€)

JOSÉ CRUSAT |

Moi boas, rapazada! Dende a dirección desta a vosa revista máis ‘molona’ pedironnos que vos arranxásemos o tema do viños para estas festas que se veñen enriba. Ou sexa, que desta vez nada de como medran as videiras nin as súas características, só opcións para gozar e quedar ben diante da familia -o dos cuñados xa é outro cantar, que sabedes que son insaciables e sempre teñen a razón. Vós collede viños cos que desfrutedes vós, se ao “tipo” non lle gusta a escolla, mellor agarrade a botella e ides para a cociña a bebela todiña vós mesmos!

Toca pois recomendarvos un viño para cada un dos momentos de Nadal que me tocaron a min. Ou quizais sexan dous ou o que me pete e se me vaia ocorrendo a medida que escribo este artigo.

Un viño para a Noitevella. O que vos propoño é despedir o ano co mellor viño de España segundo un dos máis importantes prescritores a nivel mundial (buscade nas redes e non é Parker). Trátase de O Raio da Vella 2024 de Forxas do Salnés. Albariño salino, procedente de viñas a carón do mar en Meaño. Vén de cepas relativamente de nova plantación pero con madeira de cepas moi antigas. Un viño de presente, con pasado e con moito futuro. Como non, beberémolo compartindo coa familia unha centola desas que están de bo mirar. (Prezo: sobre 55€).

Un viño para o Aninovo. Imos celebrar, pero celebraremos o Aninovo xa pasada a noite das uvas, no primeiro día e trala resaca case que obrigatoria da noite anterior. Buscaremos equilibrar o Ph cun espumante elaborado en Betanzos, trátase do Bordelar Espumoso de Adegas Bordel. É un viño elaborado polo método tradicional con uva Branco Lexitimo, un chisco de agudelo e outro nadiña de godello. Viño espumante de burbulla fina e acidez perfecta para acompañar duns ovos fritidos. (Prezo: sobre 35€).

Un viño para a cea de empresa. Non estamos a dar pistas do xefe da empresa, simplemente queremos gozar coma porcos nun charco de lama. Estamos ante un viño, o Quinta da Muradella Bastardo 2022, o  mítico do viñateiro mais “borgoñón” da nosa terra. Un intérprete do terruño, creador de finura na copa. Desfrutarémolo na cea da empresa co menú acordado, que en Santiago e Coruña hai ben onde escoller. (Prezo: sobre 58€).

Un viño para a noite de Reis. Imos deixarlle un pouco de viño aos Reis na noite máxica. Propóñovos un viño doce, neste caso o Doce de Golpe a Golpe, no que se empregan tres técnicas de concentración de azucre nunha proporción que varía un pouco segundo as circunstancias de cada ano. Por unha banda, temos uvas que se deixan sobre madurar na viña; por outro lado, temos tamén outras que pacifican en caixas sobre unha cama de palla, e por outra banda, deshidrátase unha parte do mosto mediante unha lixeira cocción. Convidade aos Magos a unha pouca de rosca para que teñan forzas no seu retorno. (Prezo: sobre 22€)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.