Crusat & CostasGaliciaGastronomíaJosé CrusatLorena Costas

Crusat e Costas: Ruxe Ruxe 2022

As simbioses que nos gustan

Aló Pincheir@s! Que xa chegou o verán! Pois nós non nos movemos da Ribeira Sacra nesta ocasión, que, aínda que a praia non está preto, ten lugares estupendos onde refrescarse e sobre todo unha paisaxe única, irrepetíbel e da que deberiamos presumir máis.

Se no anterior número decidiamos escribir dun viño feito con Godello en lugar do habitual nesta zona, que son os tintos, agora si que nos poñemos “clásicos” e tiramos de Mencía para falarvos deste proxecto e dunha das súas elaboracións: Ruxe Ruxe.

Sabedes que gustamos sempre de falarvos de proxectos especiais e que poñemos o énfase nas persoas que fan antes do produto (que tamén é importante), así que desta vez o noso foco vai cara esta curiosa simbiose galaico-catalá, que comeza cando a enóloga Andrea Obenza, tras unhas prácticas na Ribeira Sacra, marcha a Tarragona a estudar a Licenciatura en Enoloxía e coñece a Toni Coca, un dos seus profesores. Conxeniaron ben e coincidiron noutros proxectos en Terra Alta, confirmando que tiñan un sentir moi parecido á hora de entender o viño. Andrea contoulle o seu soño de facer algo na Ribeira Sacra algún día e sorpresa! Toni Coca chamouna para dicirlle que formaría parte do proxecto xunto co seu irmán.

Así nace “Tolo do Xisto”, en 2013, con dous irmáns contaxiados pola paixón de Andrea pola Ribeira Sacra e a súa particularidade paisaxística, que tanto nos namora a todos. Non imos a descubrirvos agora nada que non teñamos dito xa, referente a unha terra incriblemente complicada de traballar pola súa verticalidade, pero cunha configuración única e con solos moi gratificantes á hora de elaborar viños con personalidade. Como poderedes imaxinar, o xisto (pizarra en castelán) é o tipo de solo predominante e fío condutor deste proxecto. Dito por eles, “Tolo do Xisto é unha homenaxe ás paisaxes do atlántico, á persistencia dos viticultores e á beleza salvaxe da Ribeira Sacra”.

As viñas, as cepas de Mencía, nacen en Val do Frade (Vilachá de Salvadur); a adega, a vinificación, sitúase en Rubín, preto de Monforte de Lemos e xa sabedes, de todos eses procesos máis técnicos contaravos, coma sempre, o Crusat, que ademais de ser “experto” en maridaxes e “cocinillas” pro, tamén sabe algo disto de facer viño

Ruxe Ruxe nace como o viño tinto novo da adega, procedente de diversas fincas, buscando a froita e frescura; da súa elaboración tamén vos falará Crusat. A adega fai outros dous viños tintos na Ribeira Sacra e un branco no Ribeiro en colaboración con outros viticultores. Invítovos a que lle botedes unha ollada á súa web, que ofrece información moi interesante do proxecto, da zona e de distintos aspectos. Gustei moito de ler as maridaxes que propón para os viños, particularmente as harmonizacións musicais. Agardo que vos gusten tanto coma a min!

Pracer da Ribeira Sacra

Tolo do Xisto é unha adega que trata de capturar a esencia da Ribeira Sacra, situada no Val de Frades na zona de Quiroga-Bibei, en pendentes sobre chan de Xisto (de onde sairá o nome?). Xa contou antes Lorena que naceu da colaboración de Galicia e Cataluña, cousa que é moi propia nesta terra, recordade a orixe da conserva nas Rías Baixas, pero tamén os cataláns trouxeron as castes americanas para loitar coa filoxera. E por iso temos eses viños de híbridos catalán branco, roxo e negro.

Neste viño do que falamos hoxe traballan uva Mencía 100% procedente de cepas de entre 50 e 60 anos de idade adaptada perfectamente as condición difíciles da zona, pero onde é capaz de expresar todo o seu potencial. Xa temos falado moito desta unha das nosas uvas principais, sobre todo na zona mais oriental da nosa Galicia, polo que imos falar do xeito que traballan a uva nesta adega.

A viticultura pretende ser o máis respectuosa co medio empregando o traballo manual, escapando dos insecticidas e empregando técnicas de confusión sexual para defenderse dos insectos, nomeadamente as avelaíñas que deixan os seus ovos nos bagos de uva que despois comen os vermes causando podremias.

Tamén indicar que a Mencía sendo unha uva que ás veces pode ser excesivamente produtiva, neste caso por mor do escaso chan de pedra, e pouco profundo, equilibra a carga de froito de xeito natural producindo unha uva equilibrada e cargada de aromas, só hai que esperar a súa óptima maduración polifenólica.

En canto á vinificación, é un traballo sinxelo sen intervir excesivamente, uva recollida no punto óptimo de cada unha das parcelas, procedes a debagar para despois ter unha maceración coas peles para a extracción dos aromas e cores que saíron da viña. Posteriormente xa dependendo do viño, este ten una crianza máis ou menos longa.

Catémolo agora, imos ver que é un viño de cor vermella picota cun reborde de tons violáceos e cunha capa media. No nariz atopamos frescura, froita vermella madura de certa acidez, grosellas, flores de violeta. Xa na boca é un viño franco que o que nos indicaba no nariz aparece xa dun xeito máis marcado, frescura, froita vermella, arandos, e grosellas, unha boa acidez, estrutura e mineralidade, con toques tamén especiados e herbas. Viño para desfrutar bebendo del e, coma non, comendo. 

Cando saia este número da revista Pincha á rúa, estaremos en tempada alta de peixes azuis coma a sardiña ou o bonito. Que vos parece pois harmonizar este viño do que falamos cunhas ventrechas de bonito de Burela á brasa. E se queremos algo de vexetais, propoño unhas flores de cabaciña fritidas e recheas dunha crema de queixo do Cebreiro ou requeixo das Neves (xa decidides vós) e un pouco de mel de castiñeiro por riba

FICHA DO VIÑO

Adega:
Tolo do Xisto
D.O.:
Ribeira Sacra
Variedades:
100% Mencía
Grao: 14º
Colleita: 2022
Prezo: En torno aos 13€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.