A CoruñaCompostelaCulturaEntrevistasNovasRebeca Munín

Natividade González, deputada de Cultura: “É moi importante dotar de espazos e recursos para o seu traballo aos creadores e creadoras deste país”

Reunímonos con Natividade González, deputada do BNG, no patio de butacas do Teatro Colón.Foto: Iván Barreiro
Reunímonos con Natividade González, deputada do BNG, no patio de butacas do Teatro Colón.Foto: Iván Barreiro

Este verán fixo un ano desde que Natividade González (Ourense, 1973) é responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña. A nacionalista define este etapa como unha “experiencia marabillosa” na que pode gozar do “grandísimo talento” que temos na nosa provincia e apoiar o traballo de “moitísimas entidades que fan comunidade”. “É algo que está latente en todos os espazos e vertentes”, apunta.

Charlo con ela sobre os próximos obxectivos do seu departamento no patio de butacas dun dos buques insignia da programación cultural coruñesa, o Teatro Colón.  O abano de proxectos culturais que financia ou nos que colabora a Deputación é inmenso, pasando pola Rede Cultural que desenvolve catro programas cun orzamento total de 2 millóns de euros (‘Escena ao Vivo’, ‘Visións’, ‘Alicerce’ e ‘Lingua a Escena!’) ata a súa liña de apoio aos máis importantes festivais que hai en Galicia (como Curtocircuíto ou Cineuropa en Compostela), ademais das subvencións tanto a profesionais como a entidades sen ánimo de lucro; e a súa ampla serie de certames e premios dirixidos a fomentar e visibilizar a creación en moi diferentes disciplinas.

A lingua galega, a transformación social e o territorio son os tres piares nos que baseaches este primeiro ano de traballo. Seguirá sendo así a partires de agora?

Efectivamente. A lingua é transversal a todo e cremos que ten que estar presente porque é a nosa identidade e o noso patrimonio. E logo o territorio é o todo, é dicir, desenvolvémonos como galegos e galegas porque pertencemos aquí; é como nos criamos, como nos movemos, como colaboramos co resto da comunidade, que é outra das palabras clave para nós. Esa cultura do benestar, que xera felicidade, que nos fai sentir mellores en todos os aspectos, a nivel emocional, mellores persoas... Ese debe ser o noso obxectivo como sociedade. E eu creo que a cultura nos achega a todo iso.

Un dos vosos proxectos clave son as Residencias Artísticas de Mariñán, que este ano celebraron a súa segunda edición, permitindo desenvolver o traballo de 8 artistas galegos. Por que apostar por este tipo de iniciativas?

Porque é moi importante poder dotar aos creadores e creadoras deste país de espazos e recursos para o seu traballo. Todos vemos sempre o seu produto final, pero non somos conscientes de todo o que hai detrás. E cremos que hai que empezar a velo e valorar a cultura doutra forma. Para que ese produto final exista e sexa de calidade, ten que ter un apoio detrás. Na Deputación da Coruña somos punteiros niso e agora imos dar un paso firme porque nos gustaría medrar un pouco máis neste aspecto. Sobre todo hai que dotalos de medios, porque senón, só as grandes compañías son as que poden crear; e co talento que temos neste país temos que colaborar, incentivar e motivar a todo o mundo.

Neste senso, segue sendo necesario apoiar máis ás mulleres artistas? Ségueno tendo máis complicado que os homes á hora de crear?

As mulleres, en xeral, dentro e fóra da cultura, seguimos a necesitar ese maior apoio. Non existe esa igualdade real. Estamos moi lonxe de conseguila. Si que existe nas leis, pero a vida diaria é distinta. E mentres exista discriminación, nós temos que estar apoiando desde as administracións públicas esa balanza. Na Deputación da Coruña temos liñas de axudas para apoiar a mulleres artistas emerxentes, premios específicos, etc.

Pero a pesar de todo este esforzo, dedicarse á cultura profesionalmente segue sendo moi complicado...

Si, a cultura neste país é moi precaria. Temos que dignificar a profesión, que o seu traballo sexa realmente o que elixiron; se é músico ou fai teatro, que esa sexa a súa forma de vida e non que teña que combinalo con outras cousas. Primeiro temos que cambiar os lentes e ver que o que fan ten un valor. E facer unha importante reflexión para saber a onde queremos ir. O sector ten que profesionalizarse.

En canto ao fomento da cultura inclusiva, para persoas con discapacidade física ou intelectual, cal é a postura da Deputación da Coruña?

Moi a favor. Estamos traballando con profesionais para tratar de mellorar en canto á inclusión de todos os colectivos. Seguramente aínda non estaremos á altura, pero imos nesa liña. Por exemplo, este ano o ‘Escora Danza’, que é un programa de danza que temos na comarca da Costa da Morte, fíxose totalmente accesible. Puxéronse todos os recursos necesarios para que todo o mundo que quixese participar puidese facelo.

Atopámonos neste marabilloso Teatro Colón, propiedade da Deputación da Coruña aínda que cedido ao Concello da Coruña para a súa xestión. Que lugar dirías que ocupa dentro da cultura galega este espazo?

Creo que para os veciños e veciñas da Coruña é un símbolo. E tamén para outra xente da provincia que se achega ata aquí para seguir a súa programación. É un privilexio poder contar con el, pero dende a Deputación tamén promovemos levar os eventos a outros moitos lugares, sobre todo a pequenos concellos que son os que teñen menor acceso á cultura.

Falando dos concellos, como é a vosa colaboración entre as distintas institucións públicas? E coa Xunta?

Hai moi boa sintonía. Coa Xunta tamén. Creo que na Deputación da Coruña somos un exemplo coa nosa rede cultural porque podemos chegar a todos os concellos, de todas as cores, coas nosas liñas de axudas. Ao longo da semana visito unha media de tres ou catro localidades para as presentacións de distintas programacións. Debemos ser capaces de remar todos na mesma dirección porque para quen estamos traballando é para os galegos e as galegas.

Cales son as iniciativas máis destacadas do departamento de Cultura para estes últimos meses do 2024 que temos por diante?

Temos a Rede Cultural que se achega a todos os Concellos e da que, ata finais de ano, imos a estar participando. Tamén ímonos sentar a estudar as nosas liñas de axudas, porque algunhas somos conscientes de que lles temos que dar unha volta. Queremos facelas máis participativas. E, por outro lado, imos ir afianzando espazos que tiñamos como o ciclo de concertos de ‘Músicas Posíbeis’ ou ‘Mover os marcos’, que é un novo proxecto dirixido á mocidade, que se desenvolverá en outubro en Santiago. Nel imos tratar as temáticas que lle interesan á xente moza: vivenda, saúde mental, traballo... Tamén en Compostela entregaremos os ‘Premios Narf’ para grupos e artistas musicais en novembro.

En outubro comezarán as actividades paralelas do Premio Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación. O centro Ágora da Coruña acollerá dous obradoiros con Chema Madoz, Premio Nacional de Fotografía, e con Sandra Balsells, Premio Ortega y Gasset El País. Tamén haberá unha exposición no Museo do Pobo Galego, en Santiago. E faremos unha homenaxe ao fotógrafo histórico Luis Zamora.

Estamos, por outro lado, a punto de sacar as bases do ‘I Certame de proxectos singulares’, no que premiaremos ideas de proxectos para poder darlle unha continuidade. E este ano tamén organizaremos por primeira vez as ‘Xornadas de Arte e Saúde’. Creo que temos que formar aos nosos técnicos de cultura de toda a provincia da importancia que ten a saúde no aspecto cultural. Serán en decembro no Pazo de Mariñán.

“Temos moito talento, pero a cultura neste país é moi precaria. Hai que dignificala”

A titular de Cultura da Deputación da Coruña accedeu ao seu cargo hai pouco máis dun ano. Foto: Iván Barreiro

RECUNCHO PERSOAL

Ir de bares ou quedar a comer na casa?

Gústame ir de bares. Creo que forma parte da nosa cultura, durante o noso tempo de ocio ter eses momentos de compartir, de tomar uns viños, de ir comer e coñecer novos espazos...

Que tal cociñas?

Moi ben! Gústame. Non teño moito tempo, pero cando podo, a miña parella e eu aproveitamos para probar algunha nova receita.

Cal é o teu prato estrela?

Diría que as paellas.

E un prato co que te conquisten?

Ovos fritidos con chourizo e patacas.

Cal é a música que máis escoitas?

Case de todo. Pero a que máis me chega sería a dos anos 70, David Bowie...

Unha película ou serie que recomendarías.

Ultimamente vexo poucas series. Diría algunha do pasado, como ‘Os Soprano’. E películas diría varias, pero se teño que elixir, escollo algunha das últimas galegas como ‘O corno’ ou ‘Matria’.

Cal foi o último libro que liches?

Estou lendo o último de Ledicia Costas.

E unha exposición que destacarías?

A nosa itinerante do XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo, que amosa as obras que participaron no concurso.

Un evento que che gustaría ver na provincia.

Non son de grandes eventos. O que me gustaría e ir vendo cousas distintas en todos os concellos, que a cultura chegue a moitos espazos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.