Sara Lúa e Teresa Abalde: “A comida galega é produto, tradición, familia e sabor”
Por Ana Romero
Sara Lúa e Teresa, Teresa e Sara Lúa. Faladoras, risoñas, extravertidas. Xuntas nunha cociña, que pode pasar!
Ambas adoran a gastronomía, as dúas pasaron polas cociñas do mediático concurso Masterchef, pero ningunha das dúas dedica hoxe a súa carreira profesional aos fogóns. Quedamos con elas para charlar de cociña en Pencil & Fork, un espazo na Coruña no que tomar algo, asistir a un evento ou participar nun taller.
A coruñesa Sara Lúa Barreiro, aínda que traballou toda a súa vida na moda, agora dedícase ao asesoramento inmobiliario. Non ten recordos que non estean relacionados coas súas comidas familiares. A súa familia sacábaa a xantar todas as fins de semana, non só para aprender a comer, senón tamén para adquirir costumes na mesa. Antes non cociñaba na casa nin suxería pratos, pero agora é ela quen lle prepara os ‘tuppers’ á súa nai. É extremadamente organizada en todo e na cociña asegura que facer ‘Batch Cooking’ (preparar á vez diferentes receitas) os domingos salva toda a semana.
A compostelá Teresa Abalde, pola contra, di ser totalmente diferente a ela niso, aínda que entre elas hai unha fermosa amizade e complicidade. Ela compra, cociña e come dependendo do día e do que sinta en cada momento. Tamén segundo os produtos de tempada que se atopan diariamente no mercado. O seu traballo actual como fotógrafa permítelle a liberdade de vivir o día a día, gastronomicamente falando. Ademais, na casa son ela e o seu marido, o que lles facilita a planificación segundo as estacións; por exemplo, en xullo, xa que o tempo non era bo e era cando tería que comer ensaladas, tomaron sopas de todo tipo.
Ámbalas dúas son de comida da avoa máis que de cociña molecular. É a que lles apetece cociñar e comer. Teresa di que lle encanta saír a cear cos amigos para compartir eses momentos e a Sara, por exemplo, encántalle a tortilla cuns pementos e unha ensalada. Compara a súa vida agora coa que tiña en Barcelona, cando non podía permitirse o luxo de comer nin comprar bos produtos. Teresa di que estamos afeitos á calidade en Galicia, que cando o produto é tan bo non necesita nada. Canto menos se transforme, mellor. Procede dunha familia de cociñeiras caseiras, a súa nai, a súa tía, as súas avoas... aínda que ninguén se dedica á hostalería. Fixeron matanza, ela mesma fixo morcilla coa súa avoa, e así herdou esa paixón.
Teresa Abalde: “Gústame todo, son cero ‘repunantiña’. Pero algo que non fago na casa é pasta fresca, son moi preguiceira”
Sara Lúa: “Eu comería ovos fritidos todo o día, con patacas fritas e pementos vermellos, e cun bo pan”
Por que participastes en Masterchef?
Teresa: Gústame cociñar e gústame a televisión, de feito, eu tiña unha sección na TVG antes de entrar no programa e quería vivir a experiencia, non quería cambiar de vida. A primeira vez que me presentei, nin sequera pasei o primeiro ‘casting’ en liña.
Sara: Eu, para aprender máis. Tamén me emocionaba moito coñecer a chefs.
Teresa: Iso é algo que confunde moito a xente, pensan que porque cociñas ou apareces no programa xa coñeces todas as Estrelas Michelin de España, e para nada!
E que pratos levastes?
Teresa: Eu cocín patacas con grelos e mexillóns cunha allada por riba, moi ‘Galician Style’. Cheguei ao ‘casting’, vin esferas, fume... e pensei: pero por que vén esta xente se xa o sabe todo?
Sara: Eu levei unha ensalada de lumbrigante cunhas herbas das marisma. As mesturas de sabores estaban moi boas e moi galegas.
Que significa para vos a comida galega?
Teresa: Produto, tradición e familia. Nunha reunión familiar, sabes cando comezas, pero nunca sabes cando remata.
Sara: Produto, calidade e sabor.
Teresa, onde debería ir comer Sara a Santiago?
Teresa: O bo de Santiago é que agora tes todas as opcións do universo.
Sara: Santiago a nivel gastronómico agora está moi ben.
Teresa: Levaríaa á Praza de Abastos para tomar un bo polbo, unhas ostras e despois ao Abastos 2.0. Foron os primeiros en facer cociña de mercado e quilómetro 0, ou mellor dito, metro 0. Non teñen menú, traballan segundo o que atopan cada día no mercado. Agora fano moitos, pero eles foron os primeiros.
E Sara, onde levarías a Teresa na Coruña?
Sara: Levaríaa ao meu restaurante favorito, Terreo, sen dubidalo, para que puideses gozar de Ana e Kike. Son marabillosos, adaptan os pratos, podes pedir o que queiras e atopan a forma de preparalo e desfrutalo. Despois a Bonilla para un chocolate con churros e a xeadaría Colón, para un xeado.
Teresa: Tería que ir mercar roupa nova porque non cabería! (risos)
Sara: Tamén Triay, que acaba de recibir un premio e seguro que che gustaría, é moi divertido!
E se pasa a noite na túa casa, que almorzo lle prepararías?
Sara: Uf, eu fago ‘brunch’ todos os días, almorzo moito, como froita constantemente, así que poñería un pouco de iogur de Xanceda con mandarina, por exemplo, unha granola caseira, rela de lima e noces. Ao lado, unha torrada de tomate, queixo gouda, noces e aceite. Tamén café con leite e zume variado, de cítricos e xenxibre.
Teresa: E todo isto sen ter que ir para a cama xuntas? (máis risos)
Sara: Só para que veñas verme!
E Teresa, que lle prepararías para cear a Sara?
Teresa: Unha cuncha ao vapor, ameixas, mexillóns... ademais de algo verde coma un tatín de allo porro. Encántame cociñar con forno porque funciona só, deixas todo dentro e podes tomar un aperitivo cun viño. E despois, unha das miñas marabillosas sobremesas, un xeado fresco de plátano conxelado, crema de queixo, nata... xenial!, cun chisco de chocolate por riba.
Que prepara unha filla para a súa nai como ‘tupper’?
Sara: De todo! Lentellas, polo ao curry... O bo é que os pratos de culler melloran cos días. É un ‘tupper’ ben xeitoso!
Teresa: A min encántame o momento ensalada. O truco é poñer un frasco cos ingredientes sen aderezar. Fas a vinagreta nunha cunca pequena e engádese á ensalada cunha base verde, unha proteína, uns queixos... A min encántame o feta, os galegos, os curados... Tomate de Santiago e froitos secos para o toque crocante.
E un ingrediente que se vos resista?
Sara: As miudanzas, non podo con elas. Pasei todo o concurso estudando sobre os miúdos (vísceras de animais como o corazón, o pulmón etc., que se aproveitan para comer), pero por sorte non me tocou.
Teresa: Gústame todo, son cero ‘repunantiña’. Pero, por exemplo, algo que non fago na casa é pasta fresca, son moi preguiceira.
Que truco de cociña herdastes?
Teresa: O meu non é un truco, pero é unha receita que non vin moito e encántame, é a receita da ensalada rusa. Sen maionesa, chea de vinagre e con abundante cebola, que se note.
Sara: Miña nai facíaa en grandes cantidades porque nos gustaba moito. Facíaa de tres formas: sen e con maionesa e outra con remolacha, unha ensalada rusa rosa!
Teresa: Na miña casa tamén era moi típico facer arroz con leite e deixalo nunha bandexa na neveira.
Sara: Non podo comer arroz con leite, non son capaz. Creo que ata podería vomitar. É o único que non probei na miña vida. Dáme mal pensar que vou comer arroz mollado en leite. Porén, é a sobremesa favorita do meu mozo, fíxenllo para el!
Pensades que gustan máis as receitas saudables ou outras con máis ‘porcalladas’?
Teresa: Creo que conviven as dúas.
Sara: Eu comería ovos fritidos todo o día, con patacas fritas e pementos vermellos, e cun bo pan.
E se tedes que escoller, doce ou salgado?
Sara: Salgado.
Teresa: Mmmmm... A quen amas máis, a papá ou a mamá? Depende do día... arroz con leite! (gargalladas).
Sara: Non, por favor!
Teresa: Pois cando era pequena, cando viña a leiteira co leite, cociamos o leite, quedaba a capa de nata e eu facía bocadillos de crema con azucre.
Sara: buffff.
É posible comer san, bo e barato?
Teresa: Barato non sei, rico e san si.
Sara: Depende das tempadas...
Teresa: Si, pero na carne non hai tempada.
Sara: Pero no peixe si, as sardiñas por exemplo están moi ben de prezo, unhas parrochas, un xurelo en escabeche...
Teresa: Sobre todo as verduras.
Sara: Agora comeza unha tendencia de cociñar verduras e a xente cómeas mellor.
Teresa: Creo que o problema é que temos pouco tempo. Eu mando os meus pratos ás miñas amigas, pero logo nunca os fan. Así que, ao final, é máis rápido mercar unha bolsa preparada para o microondas que facer ti mesmo as verduras.
Sara: En Galicia creo que se pode comer ben e barato se te fías das temporadas, dos tomates, dos cogomelos...
A última, a que sabe a vosa vida?
Sara: A ovos fritidos.
Teresa: Creo que a polbo e a mar.