DOGO: Tranquilo que non morden!
Por César Varela [Rock Compostelán]

A primeira vez que vin a DOGO foi en vivo e en directo, nunha especie de festival que se montaron en Potemkin coas bandas que ensaiaban alí. Non cheguei ao principio, pero si a tempo de ver a estes tres tipos no escenario. O primeiro que me veu á cabeza foi ver a Kurt Cobain no meu subconsciente. Tiña a sensación de estar en Seattle nos anos 90. Saín súper contento dese concertazo e logo fun darlles a noraboa e pedirlles o contacto. Por fin unha banda que paga a pena ver e escoitar en directo!
DOGO son unha banda orixinaria de Santiago de Compostela, formada no 2023 por: Xoán Escudero (Baixo e Voz), Carlos Beiró (Guitarra e Voz) e Ángel Refojo (Batería). DOGO xurdiu de xuntarse para facer música sen ningunha pretensión e ir evolucionando a medida que ían compoñendo temas propios, a través dunha serie de influencias como o post-punk, o shoegaze, noise e rock alternativo dos 90’s…
Despois de dous sinxelos ‘Revolución’ e ‘Fume’, agora, por fin chega o seu novo e agardado traballo discográfico ‘Brutalismo’, composto por catro temas ‘Sangue’, ‘C.I.O.’, ‘Aí Ven Ela’ e ‘Voltar’, gravados nos Estudios Mans en decembro de 2024. ‘Brutalismo’ xa está dispoñible en tódalas plataformas coñecidas e por suposto en formato físico (polo momento C.D.) dende o 4 de xuño de 2025.
DOGO soan Brutalísimos! Son coma tres criaturas, que veñen doutro planeta, para facernos vibrar co seu Power-Pop-Rock, envolto nunha gran distorsión sonora e cantando na nosa propia lingua. Recórdanme a coma se o Xixón Sound e o Getxo Sound dos 90’s volvese de novo a facerse un oco, neste ecosistema tan diverso. Eu de ti non mos perdería, se tivese a ocasión de velos e escoitalos en directo.
Sobra dicir que podes atopalos no Instagram (somos.dogo), onde te vas informar dos seus últimos movementos e saber como conseguir o disco físico, que mola moito máis, aínda que agora as plataformas sonoras estean moi de moda e sexan moi doadas de localizar. Eu como sempre, recoméndovolos escoitar no Bandcamp (dogo-musica.bandcamp.com).
Non esquezas darlles de comer!