CulturaEntrevistasNovasSandra Rego

Cris Iglesias, actriz: “Quedan moitas historias de mulleres por contar e, sobre todo, historias xustas”

Por  Sandra Rego

Cris Iglesias fixo teatro con Chévere e formou parte do elenco de series como ‘Valeria’, ‘Fariña’ ou ‘Clanes’.
Cris Iglesias fixo teatro con Chévere e formou parte do elenco de series como ‘Valeria’, ‘Fariña’ ou ‘Clanes’.

A súa cara pode resultarvos familiar por interpretar recentemente a Virxinia Pereira, muller de Castelao, na película ‘Antes de nós’, pero Cris Iglesias, veciña do barrio coruñés Agra do Orzán, leva anos de traxectoria nas artes escénicas. Comezou estudando música e danza, para máis tarde meterse de cheo nunha das agrupacións teatrais de maior renome en Galicia, Chévere. Debutou no cine con ‘Eroski Paraíso’ e formou parte do elenco de series como ‘Valeria’, ‘Fariña’ ou ‘Clanes’.

Quedamos con ela nun clásico bar do centro de A Coruña tres semanas despois da estrea do filme dirixido por Ángeles Huerta e escrito por Pepe Coira, para saber como foi a experiencia e coñecer parte do seu percorrido artístico como actriz.

Quedade a ser testemuñas desta conversa, que todo indica que Cris Iglesias está no seu prime.

Comecemos pola película ‘Antes de nós’, porque creo que foi unha oportunidade especial para ti facer de Virxinia e queremos saber que supuxo aceptar este reto.

Foi unha oportunidade súper especial e unha responsabilidade grande. Contar parte desta historia como galega é brutal. Pero sobre todo polo compromiso de redescubrir a unha muller como Virxinia, completamente invisibilizada. Sempre escoitamos “mulleres invisibles”, pero non, se nos invisibiliza e a historia é moi inxusta co relato. Virxinia foi unha muller espectacular. Sempre se di que detrás dun gran home hai unha gran muller, a min gústame dicir que, grazas a grandes mulleres, houbo homes que chegaron lonxe. Ela non só foi coidadora, senón tamén compañeira ideolóxica, e responsable de que o legado de Castelao estea en Galicia.

Como te documentaches para facer dela?

Partimos da base de coñecer o contexto socio-político da época. O acceso á información sobre Virxinia é limitado, pero o maior lugar de documentación foi o guión. Para documentarme sobre ela estudei un libro que se titula A vida incerta, a biografía que escribe Montse Fajardo, que recolecta toda a información sobre ela.

Que foi o que máis te atraeu da personaxe?

Interesoume moito que saíu dos patróns marcados e fixo un camiño propio: atreveuse, posicionouse... Tamén sobre a súa relación con Castelao, xa que eles pasaron por moitas crises. Comprender e ao mesmo tempo seguir estando aí faise dende unha resiliencia moi intelixente.

A min iso dábame unha información dunha muller moi forte. Tamén aprendín cousas diferentes a min: esta muller era moi católica e eu non o son.

Quero pensar que ela nos libros e na cultura atopaba portas para ser máis libre. En realidade, o que pensas sempre pode ser libre na túa mente, así que poderán coartar a liberdade pero nunca na cabeza, non? Aínda que esteamos condicionados pola época.

Ademais, eles perden un fillo e únense máis. Nunha parella isto adoita ser unha crise grande. Virxinia era unha coidadora, amaba dunha maneira brutal, era leal á súa parella, ao seu fillo, á súa terra. Esa lealdade, os coidados, o amor, deberían ser algo fundamental, básico e universal e non quedar relegado tan só nas mulleres.

Cres que o cine é necesario que dea a coñecer máis historias de mulleres invisibilizadas?

Por suposto. Hai unha frase que di Montse Fajardo na biografía (de Virxinia Pereira): hai un inimigo das mulleres peor que non ser tidas en conta, que é que a historia sexa inxusta cos seus relatos.

Virxinia, sobre todo despois de que morra Castelao, escribiu moitísimas cartas a pensadores da época, Otero Pedrayo, Paz Andrade, etc. Só Otero a tratou como igual.

Quedan moitas historias de mulleres por contar e, sobre todo, historias xustas. Que o relato sexa o real, o verdadeiro, e non contado por un señor.

Como se pode conseguir iso?

Escribindo; necesitamos guionistas e produtoras que conten historias de mulleres. Non ten nada que ver o que escribe unha muller: o punto de partida da sensibilidade e onde está colocado o ego é outro lugar.

Necesitamos que as mulleres escriban historias de mulleres para sentirnos identificadas porque son elas as que coñecen o que nos sucede e gustaríame que eses relatos foran universais.

Por que non podemos facer un ‘biopic’ de Virxinia? Ou de Maruja Mayo? Que sexan historias de mulleres, pero non só para mulleres.

Chamoume moito a atención da película o léxico da época e o acento. Como se traballou iso?

Tiven a sorte de atoparme con Rosa Moledo, tradutora, filóloga e coach de actores. Cando fixemos ‘Eroski paraíso’ traballamos con ela e quedouse para sempre. Cada vez que traballo en galego, teño a responsabilidade de coidar a miña lingua porque é o meu instrumento de traballo.

Cando entramos neste proxecto, demos moita importancia á lingua, non só por dignificala, senón por incluír as variantes dialectais daquela época. O galego que falamos agora está moitísimo máis contaminado polo español do que estaba antes, porque a xente non se desprazaba tanto.

A melodía que escoitas no cine ou no teatro forma parte de toda a  paisaxe, da atmosfera. Como imos facer un Castelao ou unha Virxinia cun galego mal falado?

A danza e a música forman parte de ti, como se alimenta o teu oficio como actriz disto?

Dende moi pequeniña estudiei música no Conservatorio. Despois, fixen moita danza. Todo enriquece, porque son artes escénicas.

Hai un nexo común que reivindico moito, o ritmo. Síntome agradecida de ter estudado e especializarme en ritmo, porque considero que a propia vida é ritmo. O ritmo conecta música, danza e tamén é interpretación. Considero que dominar o ritmo musical e na danza enriquece moitísimo o meu instrumento actual. O ritmo ten que ver coa escoita. Son moitos anos traballando no ritmo e na escoita e son dous piares da interpretación.

Despois está a empatía, o saber estar presente, esta conexión do corpo e mente. Na música tes que ser un todo, xa que es ti o teu propio instrumento.

Fixeches tele, agora cine e tamén teatro. Se tiveses que elixir un, cal sería?

Eu estudiei teatro na ESAD de Vigo e o teatro é a base de todo.

Xusto agora estou en proxectos de audiovisual, pero diría que son unha amante absoluta do teatro. Aínda así, a cámara está sendo un reto tan grande, que tamén está sendo moi bonito. O cine implica decisións de moitas persoas. É moi estimulante. Entón, máis que escoller que medio, escollería o proxecto porque os hai que enchen a alma, nos que se dá todo.

Fotograma da película ‘Antes de nós’.
Fotograma da película ‘Antes de nós’.

“Interpretar a Virxina Pereira na película ‘Antes de nós’ foi unha oportunidade súper especial e unha responsabilidade grande”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.