Costa da Morte: praias infinitas, tradición e unha gastronomía insuperable
Visitar a Costa da Morte é coñecer un lugar que destaca pola beleza dos seus espazos naturais, a riqueza do seu patrimonio, a bravura do seu mar e a súa saborosa gastronomía. Os concellos da Laracha, Cabana, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas compoñen este xeodestino que promove a área de Turismo da Deputación da Coruña.
“Dicía Manuel Rivas que a Costa da Morte é máis que un destino; é un parque temático”, explica o vicepresidente provincial e deputado de Turismo, Xosé Regueira, “e tiña razón. É máis que paisaxe, gastronomía, patrimonio, cultura... A Costa da Morte ten un encanto intanxible de primeiro nivel. Calquera se sentirá atraído non só polas súas incribles postas de sol ou as súas salvaxes e infinitas praias, senón tamén polos múltiples e únicos acontecementos que alberga e o que é capaz de transmitir a súa xente a través da tradición”.
Enogastronomía
Regueira asegura que a gastronomía “é agora mesmo o noso principal destino turístico» e por iso a estratexia da Deputación pasa por «apostar pola enogastronomía como principal aliada dun turismo de calidade e non tanto de cantidade, que pon en valor a nosa identidade, lingua e cultura, e que non só é respectuoso coa contorna, senón que ve na nosa forma da vida un dos principais atractivos turísticos do territorio”.
Así, falar da Costa da Morte é facelo de produtos de proximidade como a pataca de Coristanco, o congro de Muxía ou o pan de Carballo. A primeira é a localidade de principal produción da Indicación Xeográfica Protexida ‹Pataca de Galicia›. No mes de setembro celébrase a ‹Festa da pataca› onde ademais de degustación pódense contemplar auténticas esculturas elaboradas con este tubérculo.
En Muxía consérvanse os dous únicos secadoiros de congro de toda a Península, o dos Cascóns e o da Pedriña. Neste último, o proceso de curación e secado do peixe é totalmente artesanal, facendo do congro toda unha delicatessen para o padal.
E o pan de Carballo, con razón un dos máis afamados de Galicia, é esponxoso, cheo de ollos e moi saboroso, nacido dos trigais de Bergantiños e das augas do Anllóns, que durante séculos moeron o trigo ben finiño para facer a mellor fariña.
Outros dos produtos que fan insuperable a gastronomía da Costa da Morte son os mariscos como o percebe do Roncudo, o longueirón de Fisterra e o berberecho do Esteiro do Anllóns.
Punta Roncudo está situada nunha pequena aldea ao pé da localidade de Corme, no concello de Ponteceso. Aquí o percebe alcanza a denominación do ‹rei do mar› e é considerado polas súas xentes como o mellor do mundo. Desde 1992, o primeiro sábado de xullo celébrase a festa exaltación deste produto.
Pola súa banda, o longueirón é un produto parecido á navalla que pode alcanzar os 22 cm, vive enterrado na area das rías, en augas limpas e a pouca profundidade. É moi doado ver nas praias fisterrás como se recolecta mediante buceo en apnea. Esta localidade acolle no mes de agosto a festa asociada levando xa mais de vintecinco edicións.
E por último, No Esteiro do Anllóns, as mariscadoras convértense en abandeiradas da diversificación mariñeira en toda Europa. O proxecto berberecho leva a cabo un conxunto de actividades dirixidas a aumentar a concienciación sobre a importancia da tradición da recollida de berberechos nesa zona e mellorar a imaxe do produto.

Espazos naturais
Un dos maiores atractivos turísticos da Costa da Morte son as súas praias. Puntos como Caión, Balarés ou Baldaio gozan de fama merecida, ofrecendo á persoa visitante servizos e multitude de posibilidades turísticas. Os deportes acuáticos, e máis en concreto o surf, dispoñen dun contexto ideal nestas dinámicas augas, cun enfoque especialmente significativo cara a esta práctica na praia de Razo ou na praia de Soesto en Laxe. Sobresaen ademais polas súas paisaxes únicas as praias do Trece no Concello de Camariñas, a de Seiruga en Malpica, a do Lago en Muxía, a de Carnota, a praia de Traba en Laxe ou a praia de Lires no Concello de Cee.
Outros ambientes naturais únicos dos que gozar na Costa da Morte son a grandiosa fervenza do Ézaro, no municipio de Dumbría, ou o monte Pindo en Carnota, marabilloso lugar que moitos historiadores consideraron como o “olimpo celta”. Tamén no interior da rexión destacan espazos con moito encanto como o refuxio de Verdes en Coristanco, os Penedos de Pasarela e Traba, o Esteiro de Anllóns en Cabana de Bergantiños, as Caldeiras do Castro en Muxía ou o Espazo Natural Razo Baldaio no Concello de Carballo.
En canto á riqueza patrimonial da Costa da Morte, os lugares indispensables son o Santuario da Virxe da Barca, do século XII, e a súa pedra de abalar, un megalito de 9 metros; ou a ruta dos Faros, que ofrece unha alternativa de lecer que permite visitar cada un dos faros existentes entre Malpica e Fisterra, como o Punta Nariga en Malpica, Touriñán en Muxía, Vilán en Camariñas ou o afamado Faro de Fisterra, destino final para moitos peregrinos do Camiño de Santiago. Tamén son espazos de visita obrigada o Cabo Vilán, declarado de Interese Nacional xa no ano 1933, e o Dolmen de Dombate, que dispón de horarios de visitas regulares que ofrecen a posibilidade de visitar e interpretar este elemento patrimonial clave da comarca.
Non debemos esquecer o valor da artesanía e a habilidade manual, representadas de forma fantástica na mostra de cerámica de Buño, na fía de liño de Baio, que goza do seu museo, e no encaixe de Camariñas, onde se poden comprobar os froitos da herdanza das técnicas ao longo dos séculos e o arraigadas que están entre sectores da poboación local. Destaca tamén o Naufraxio, en Laxe, unha homenaxe á Virxe do Carme declarada Festa de interese turístico galego. E ademais é esta unha comarca de romarías con forte arraigo na zona como pode ser a Barca en Muxía, os Miragres de Caión ou o San Hadrián de Malpica.