Un café con Touriñán e Perdomo
Os dous cómicos comparten o espectáculo ‘Corentena’ Foto: Iván Barreiro
Tomando café con brownie de chocolate. Así de ben comezou a miña entrevista con Xosé A. Touriñán (Culleredo, 1980) e David Perdomo (A Coruña, 1979). Citámonos na casa de comidas A Artesa da Moza Crecha, en Betanzos, coa escusa de falar do espectáculo ‘Corentena’, que están a levar en xira por Galicia e que chegará en decembro á Coruña. Charlamos sobre a súa profesión, si. Dos seus actuais e futuros proxectos. Tamén. Pero estando nun lugar coma ese e sendo nós unha revista gastronómica, tiñamos que saber tamén cales son os seus gustos culinarios. E claro, con dous cómicos coma eles, neste encontro non faltaron nin a retranca nin as boas risadas.
“E logo, por que escollestes este lugar para quedar?”, comecei preguntando. “Fágome responsable. A proposta foi miña, vinlle foder o día que teñen de descanso…”, confesou Touriñán arrancando xa os primeiros risos da nosa conversa. Porque si, esta reunión tivo lugar un luns chuvioso no que A Artesa da Moza Crecha debía estar pechada, pero os seus responsables, Lolo Mosteiro e Paula Martínez, foron moi riquiños e fixeron unha excepción. “Aínda que agora a restauración vai cara outro lado, isto de volver á ‘casa de comidas’, que te sintas coma na casa nun lugar coma este, gústame moito. Fai tempo que veño coa miña familia. Foi un descubrimento para todos. Gústame moito como cociñan, pero sobre todo gústame como son eles”, confesou Xosé.
Situado á beira do río Mandeo, este restaurante-taberna aposta por unha cociña de tempada, con produto de proximidade, ecolóxico e de turismo responsable. Como proba, a ensalada rusa de cinco sabores que prepararon para esta reportaxe. Que delicia! “Eu non podo recomendar só un prato de aquí. Cando veño coa familia, sentamos e eles poñen o que lles dá a gana”, confesa Touriñán. “Aí é cando demostras que confías”, sentencia -con moi bo criterio- David Perdomo.
Os dous amigos coñecéronse facendo cursos de interpretación e clown na Coruña, cando tiñan 18 e 19 anos. “Touri é un tipo moi reservado. Eu tamén son tímido. Somos os dous bastante toxos en xeral (risos). Pero coñecino máis en escena porque nos poñían a improvisar e eu recordo pensar: Hostia, aquí hai xogo!. Foi un proceso bastante natural, como unha relación de parella que ves que flúe”, recorda David.
Recoñecen con nostalxia que nos seus primeiros traballos xuntos eran “moi piratas”. “Inventabámonos que tiñamos obras de teatro e espectáculos, apuntabámonos en circuítos da Deputación a ver se nos contrataban asociacións, cando ás veces a obra tiña un título e nada máis. Faciámola naquel momento! Hai que confesalo porque penso que xa prescribiu!”, admite Touriñán provocando as nosas gargalladas de novo. “Foi unha gran escola. E non hai moita xente que faga iso. É algo único en nós que se está a recuperar agora en ‘Corentena’. Eu síntome como cando empezabamos, pero máis maiores. Con máis control, pero a esencia é a mesma”, di Perdomo.
Xosé A. Touriñán e David Perdono, durante a nosa conversa en A Artesa da Moza Crecha. Foto: Iván Barreiro
Na cociña
Mentres que Touriñán é moito de probar novos restaurantes, a Perdomo o que lle gusta é estar entre fogóns. “Encántame cociñar. Penso que hai algo de sensibilidade aí, motívame moito”, afirma. “Pero a cociña é tamén arte?”, pregunto. “Si”, rotundo dos dous. “Para min a cociña é unha das artes que máis me emociona, teño que dicilo! Oh! É que aquí -na Artesa da Casa Crecha-, por exemplo, hai bocados que fan que che veñan as bágoas aos ollos. A cara da miña filla Antía cando proba algo así é incrible… abrindo os ollos… Dios, guau! E iso tamén o provoca a música, o teatro, a pintura…”, opina Xosé. Ao que David engade: “E ademais ten esa cousa de prevalecer. O guiso que facía a miña avoa… Eu recordo perfectamente o seu sabor. Cando cunha pataca, un pemento, un tomate… chegas a conseguir ese sabor… ten que haber algo artístico aí”.
Outra das similitudes que atopamos durante a nosa charla entre a hostalaría e unha profesión artística como a deles é a presión do público -ou no caso da primeira, dos e das comensais: “Sempre comentamos o feito de que podes ter mil críticas boas e unha mala e ráiaste pola que tes mala. Creo que na cociña aínda é peor porque moitas veces canto máis alta é -por exemplo se tes unha Estrela Michelin- o que atrae é máis repugnantes (Risos) Esa ‘peña’ que di: ‘Non, iso, non. É que a textura…’. Non me toques os collóns! Creo que canto máis intentas conseguir a excelencia, máis xente tes ao redor para darche hostias”.
A Coruña, á cabeza
Os dous amigos están tamén moi orgullosos da oferta gastronómica que hai a día de hoxe na cidade herculina e os seus arredores. “Creo que Coruña e a súa área metropolitana están á cabeza en Galicia. Supoño que é consecuencia da influenza de Inditex e doutras grandes empresas que atraen xente de todo o mundo, que traen cousas e che demandan cousas. Iso é unha riqueza. Paréceme brutal a oferta que hai. Eu que son un amante da gastronomía, de probar sitios novos, creo que coñecerei o 3% dos locais que hai. Temos moita sorte”, asegura Touriñán. Os establecementos que apostan por fusionar cociñas doutros países coa galega parécenlle “fabulosos”, aínda que, iso si, apunta que non debemos esquecer valorar o noso. “Por exemplo, o ramen. Temos o caldo aquí. E están riquísimos os dous pero o que está guai é o outro polo nome que ten. Eu creo que cara onde vai virar todo isto é a volver ao tradicional”, opina.
Falando do lugar que os viu nacer, como levan traer o espectáculo de ‘Corentena’ ao Teatro Colón? “É xogar na casa. Vai ser espectacular. É os personaxes son moi de aquí”. E é neste punto da entrevista cando asoma unha certa ‘rivalidade’ entre o coruñés e o das aforas… “Eu son dunha aldea de Culleredo. Son desa xente que vai alí porque é a miña cidade próxima. Hai ese rollo ‘pijo’ coruñés… Aos dos arredores sempre nos gustaba vacilar aos que viñan da Coruña á aldea”, admite Touri. “Que conste que el ía a Party a Carral, que non está falando diso, a papar hidromel…”, contraataca David. “Hidromel? Era viño con mel! Estes da Coruña…”, ironiza Xosé. “É a maxia da comedia!”, aclara Perdomo dando por resolto o tema.
Novos proxectos
Xa co bandullo moi a gusto, rematamos a nosa conversa falando dos próximos traballos de ámbolos dous. Ademais do espectáculo que comparten, ‘Corentena’, Touriñán está tamén xirando co seu monólogo ‘Aqui Tou!’; ten ademais varios proxectos pendentes coa súa produtora Ainé; e no 2024 espera estrear ‘Máis cuñados’ -a segunda parte da película ‘Cuñados’ na que tamén estará David- e unha serie que acaba de rodar para Netflix que se chamará ‘Clanes’.
Pola súa banda, Perdomo continúa traballando como guionista do programa da TVG ‘Malicia Noticias’ e está tendo moito éxito co seu podcast sobre perfumería ‘El Nicho’. “Son un fanático dos perfumes. Arranquei con el fai uns meses e vai moi ben. Xa sei que non teño pinta de cheirar ben. Teño pinta de cheirar a pólvora e morte, pero non, cheiro ben!” (ha,ha,ha). E así, de novo cunhas risas, chega a hora da despedida. Marcho entón moi contenta, polo café, o brownie e a oportunidade de coñecer un pouco máis de preto a dous grandes artistas da nosa terra.
Touriñán e Perdomo, xunto con Lolo Mosteiro e Paula Martínez,da casa de comidas A Artesa da Moza Crecha. Foto: Iván Barreiro
‘Corentena’, con todo vendido!
Xosé A. Touriñán e David Perdomo representarán o seu espectáculo ‘Corentena’ o 8 e 9 de decembro no Teatro Colón, con dous pases cada día que xa teñen todas as entradas esgotadas! “El (Touri) está máis afeito a encher, pero eu non son un tipo de teatros cheos. Estar vendo a resposta da xente e que che aplauda... é moi bonito. Non podo estar máis agradecido!”, confesa David.
Foi durante os meses de confinamento en 2020, cando os dous amigos comezaron a conversar en directo a través de Instagram. Naquelas noites, improvisaban diferentes personaxes e interactuaban cos espectadores que se conectaban a estes vídeos en directo. “Antes deste verán estivemos facendo o espectáculo en locais pequenos porque nos parecía un pouco canalla de máis para levar aos teatros. Fixemos cinco ou seis bolos en salas, pero como funcionaron moi ben, pensamos, adiante”, explican.
Empezou así unha xira que os levou por diversos puntos de Galicia e que seguirá despois da Coruña en Santiago, o 15 e 16 de decembro no Auditorio de Galicia.
En ‘Corentena’, os dous cómicos rescatan algúns dos personaxes recorrentes daqueles directos en Instagram, recreando de xeito artesanal os efectos e filtros cos que se caracterizaban, e tamén nacen novas historias nun espectáculo no que a improvisación e a complicidade co público son as protagonistas. E tamén hai técnica? “Si, por suposto. Hai unha estrutura do espectáculo, un cronómetro que nos di hai que ir parando... pero no que é o xogo da interpretación hai moitísima improvisación. É verdade que ao ir facendo pases, vanse quedando cousiñas, isto que funcionou aquí... Pero tamén imos intentando sorprendernos un ao outro, contando outra cousa cando pensas que vou ir por un lado en concreto. Por iso este espectáculo tamén é para nós. Somos egoístas nese sentido. Actuamos para o público, pero tamén para divertirnos nós. Esa tamén é unha das cousas claves que fun aprendendo ao longo dos anos. O primeiro que ten que divertirse co que estás facendo es ti. Se non o pasas ben, esquécete, a xente dáse de conta”, reflexiona Touriñán.
Con ese obxectivo, o de divertirse cando estabamos encerrados, comezaron esas conversas online que agora transformaron nun espectáculo. Un show do que ademais se senten moi orgullosos pola xente á que puideron axudar neses difíciles momentos. “Sempre digo que foi a primeira vez que me sentín útil. Que esta profesión servía para moito máis”, apunta David. “A verdade é que tamén tiñamos todo o tempo do mundo. Foi un momento no que todos puidemos pararnos a escoitar música, a ver dous cómicos facendo sketches... E ‘molaría’ pensar que valeu para algo. Un señor ou unha señora que botan unha hora e media rindo, con toda a merda que hai ao redor, e con como está o mundo agora... é marabilloso!”, asegura Xosé. E remata Perdomo: “As mensaxes que recibiamos eran súper bonitas. Non de: ‘es un crack! Que risas!’. Non. Ían máis alá. Era case como algo terapéutico. E como di Touri, se traballas pasándoo ben, pásano ben os demais, pero se traballas sandándote ti, penso que tamén sandas aos que te están vendo”.