Estamos de aniversario! Pincha fai seis anos informando en galego sobre gastronomía e cultura
Seis anos pasaron desde aquela primeira Pincha que se publicou en maio do 2017 en Compostela. Máis dunha trintena de números en Santiago despois e con xa catro edicións da revista na Coruña, facemos neste artigo un resumo deste tempo para que nos coñezas un pouquechiño máis!
Jorge Gago, chef do restaurante compostelán A Maceta que acababa de ser nomeado Cociñeiro Novo do Ano na edición dese ano do Fórum Gastronómico, protagonizou a primeira portada de Pincha. Nesas primeiras páxinas presentabamos por vez primeira o que chamamos o #equipazopincha: Rebeca Munín (directora), Alberto Seoane (deseñador), Iván Barreiro (fotógrafo) e as colaboradoras e colaboradores Jéssica Pintor, Ruth Ríos, Xiana Lastra, Juan Vázquez (@JuanEAT_o), Lorena Costas, José Crusat e Vicky Morales. Máis adiante sumaríanse Inés Silvalde, Delio Sánchez, César Varela, Silvia Castiñeiras e Marta Seoane. E coa saída de Pincha Coruña sumáronse Patricia Dopazo, Javier Pereira Gasamans, Carlos Palomar e Ana Romero.
#pinchanaradio, Pinchapas e premio #somospincha
Ademais de editar a revista en papel e actualizar a nosa páxina web revistapincha.gal, así como as redes sociais Facebook, Instagram e Twitter; pronto empezamos a colaborar no programa de radio ‘Gente Viajera de Galicia’ de Onda Cero. O espazo que presenta a xornalista Susana Pedreira emítese todos os venres ás 19.20 h con contidos moi interesantes sobre turismo, ocio, cultura, gastronomía… Nós temos a sorte de poder participar desde os nosos inicios contando unha vez ao mes os contidos da revista e facendo recomendacións gastroculturais.
No 2019, para celebrar o noso segundo aniversario, fixemos tamén unha gran festa na que presentamos as Pinchapas e entregamos a Laura Delgado, do restaurante santiagués Bodeguilla de Santa Marta o premio #somospincha Un galardón co que quixemos homenaxear aos camareiros e camareiras da cidade.
Pandemia con moito vídeo e guía de compras
O 2020 foi para Pincha o ano máis duro. Debido á pandemia da covid-19 só puidemos editar catro números en papel. Pero durante o confinamento non quedamos sen facer nada! Realizamos moitas entrevistaspor videochamada que aínda podes ver na nosa canle de YouTube e, no Nadal dese mesmo ano, lanzamos a nosa primeira Guía de Compras con propostas para agasallar de comercio local.
Tamén no 2020 recibimos o Premio Manuel Beiras que outorga o Concello de Santiago como empresa de nova incorporación ao uso do galego. O xurado destacou o enfoque fresco e moderno para tratar na nosa lingua contidos de amplo interese social como a cultura e a gastronomía e achegalos especialmente ao público novo.
Premios da Crítica e expansión
2021 foi o ano da recuperación despois dun tempo moi duro para os dous sectores dos que tratamos na revista e no 2022 chegaron as recompensas a tanto esforzo. Pincha foi finalista dos Premios da Crítica de Galicia na categoría de Cultura Gastronómica e en novembro lanzamos o primeiro número da edición da Coruña.
E así chegamos ata maio do 2023, con dúas edicións, moito traballo feito e unha gran ilusión por seguir crecendo.
Graciñas ao #equipazopincha, aos anunciantes sen os que sería imposible imprimir unha revista coma esta, ás e aos protagonistas das nosas páxinas e, por suposto, aos lectores e lectoras.