A revista Pincha chega á Coruña coa mellor información gastronómica e cultural
Despois de cinco anos publicando a revista Pincha en Santiago de Compostela, o proxecto chega á Coruña para amosarlles cada dous meses á veciñanza da cidade herculina as mellores ofertas gastronómicas, culturais e de ocio da urbe e dos seus arredores.
Para facelo contamos, ademais do noso equipo habitual de Pincha en Santiago, con tres persoas que se suman á nosa lista de colaboradores e colaboradoras: os xornalistas Javier Pereira Gasamáns e Ana Romero, e a autora do blog ‘Gente que cuenta’, Patricia Dopazo.
Neste primeiro número coruñés, que sae á rúa hoxe, 15 de novembro, analizamos a situación gastrocultural da cidade, con artigos de opinión e entrevistas ao chef Juan M. Crujeiras, a cantautora Silvia Penide, a alcaldesa Inés Rey e o escritor e xornalista Nacho Carretero. Tamén probamos o famoso bocadillo de luras do Quiosco de Down Experience e viaxamos a Madrid da man de dous cociñeiros herculinos nun ‘a catro mans’ espectacular.
A partir de agora a revista de gastronomía e cultura Pincha que dirixe Rebeca Munín editará doce números ao ano. Seis deles repartiranse en Santiago de Compostela e os outros seis, na Coruña; en meses alternos.
Cada edición contará con contidos propios locais, ofrecendo as informacións que máis interesen ao público da cada localidade.