fbpx
CompostelaCulturaNovas

A 36ª edición de Cineuropa dedicará un amplo ciclo ao musical en ‘Cancións para despois dunha guerra’

A francesa Mia Hansen-Løve inaugura o vindeiro dia 4 de novembro a 36º edición de Cineuropa coa súa película Un Beau Matin (Unha bonita mañá), un cativador retrato do amor e da perda protagonizado por Lea Seydoux que formou parte da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes. Nos dezasete días de programación, o certame consolídase como festival competitivo, con once películas de novas e novos cineastas que competirán polos premios do xurado oficial, algunha delas, como a francesa Saint Omer, de Alice Diop, triunfadora xa na recente Mostra de Venecia. Explicárono, en rolda de prensa, a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e o director de Cineuropa, José Luis Losa.

Cineuropa presenta na súa Sección Oficial de Cinema Europeo e en Panorama Internacional unha amplísima escolma do mellor cinema visto esta tempada nos festivais internacionais. As sinaturas do coreano Park Chan-wook, do sueco Ruben Östlund, do polaco Jerzy Skolimovski, do español Rodrigo Sorogoyen ou do romanés Cristian Mungiu chegan procedentes do seu exitoso paso por Cannes. O veterano autor norteamericano Paul Schrader amosará o seu estimulante estado de forma con Master Gardener (O mestre xardineiro), o islandés Hlynur Pálmason sorprenderá con Godland, para moitos a gran película do ano. Outros nomes relevantes do programa son os dos franceses Rebecca Zlotowski, Alain Giraudie, Dominik Moll ou os arxentinos Santiago Mitre e Laura Citarella. Desta última poderase ver Trenque Lauquen, que fascinou na Mostra de Venecia.

O cinema español estará representada polo título máis agardado do ano, Mantícora, cuarta longa de Carlos Vermut. Especial valor terá a presenza do filme cubano El caso Padilla, no cal Pavel Giroud descobre un material de arquivo ata o de agora mundialmente inédito: as imaxes da sesión celebrada na Habana na Unión de Escritores en 1971 na que o poeta Heberto Padilla realizou a súa autoinculpación (a chamada “autocritica” no argot comunista).

OS PREMIOS CINEUROPA

No que respecta aos Premios Cineuropa, este ano recaen en dúas actrices convertidas xa en iconas do noso panorama estatal como son Ana Belén e Charo López; nun dos cineastas referentes do Novo Cinema Galego, Lois Patiño, e nun cineasta radicalmente libre como é o portugués João Pedro Rodrigues.

A PROGRAMACIÓN

A programación completa do festival está composta por 126 películas nas que están representados 30 países. Estrutúrase en 5 seccións oficiais e 7 seccións paralelas que serán exhibidas en cinco salas da cidade: o Teatro Principal, o Salón Teatro, o Cinema Numax, os Multicines Compostela e a Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Nesta edición, novamente, Cineuropa contará cunha sala virtual na plataforma Filmin, na que se presentará unha escolma especial de 15 películas.

CANCIÓNS PARA DESPOIS DUNHA GUERRA: O CINEMA COMO CELEBRACIÓN

Esta 36ª edición de Cineuropa ten como ADN a intencionalidade de impregnar de celebración a atmosfera do festival. Ese xerme está no ciclo Cancións para despois dunha guerra, unha ampla homenaxe ao cinema musical con 23 títulos que abranguen desde o musical clásico de Hollywood, con películas de Vincente Minneli, Stanley Donen ou Gene Kelly ata o revival que o xénero coñeceu a finais da década dos sesenta, en superproducións como Camelot, A lenda da cidade sen nome ou O violinista no tellado. Tamén ofrece este tributo ao xénero unha atención especial ao gran Jacques Demy, con Os paraugas de Cherburgo e a recuperación en copia restaurada dunha das súas grandes películas e quizais a menos coñecida, Unha habitación na cidade.

A IMAXE DO FESTIVAL

A orixe da elección do musical para o ciclo temático desta edición foi o 70 aniversario de Cantando baixo a choiva, que se estreou en 1952. Así, a imaxe de Cineuropa para este 2022 está inspirada nese filme, aínda que nesta ocasión a choiva é de Compostela, o farol é un dos da Alameda, e o paraugas morado e o vestido amarelo (que tamén nos lembra a La, la, land ou Os paraugas de Cherburgo) son de Coralia, das Dúas Marías, nunha forma de traer ata a nosa cidade as icónicas imaxes do filme que todos temos na nosa mente.


COMPETENCIA NOVAS/OS CINEASTAS

11 son as películas dirixidas por novas e novos cineastas seleccionadas polo equipo de programación do festival para competir polo premio do público e polos cinco premios outorgados por un xurado oficial que estará composto polo cineasta valisoletano Alberto Morais, o crítico e divulgador coruñés Martin Pawley e a realizadora e fotógrafa uruguaia Irina Raffo. Os tres membros deste xurado internacional decidirán os premios ao mellor filme, mellor dirección, mellor actriz, mellor actor e mellor guión entre os filmes provenientes de Chile, Islandia, Dinamarca, Suecia, Canadá, Francia, Suíza, Estados Unidos, Alemaña, España, Costa Rica e Bélxica. (Información sobre os 11 filmes ao final da nota).

O XURADO NOVO

Como vén acontecendo nas últimas cinco edicións do festival, Cineuropa tamén contará cun Xurado Novo, composto nesta ocasión por Roque Barcia, Saúl Buján, Lydia Fernández, Antón Rial e. Estas cinco mozas e mozos de entre 18 e 25 anos farán entrega dos premios á mellor película, mellor guión, mellor interpretación feminina, mellor interpretación masculina e mellor dirección.

SECCIÓN OFICIAL EUROPEA

23 son os filmes que configuran a Sección Oficial Europea desta 36ª edición de Cineuropa, os títulos dos que levamos meses escoitando valoracións porque foron noticia en Cannes, na Berlinale, no Lido. E o selo autoral

dos nomes consagrados: Ulrich Seidl, Cristian Mungiu, Rebecca Zlotowski, Carlos Vermut, Ruben Östlund, Jerzy Skolimowski ou Mia Hansen-Løve, que abre esta 36ª edición do festival coa súa última obra.

PANORAMA INTERNACIONAL

A panorámica polas cinematografías do resto do mundo céntrase nestes nove títulos que conforman o Panorama Internacional, dirixidos por persoeiros xa coñecidos abondo no noso festival: o coreano Park Chan-wook; o xaponés Koreeda; o iraniano Jafar Panahi, coas liberdades cada vez máis limitadas no Irán pechado sobre si mesmo; a arxentina Laura Citarella (a súa Trenque Lauquen é imprescindible); a brasileira Júlia Murat, Leopardo de Ouro en Locarno por Regra 34 ou o canadense Denis Côté, esta vez en chave de gran provocación. E —todo un acontecemento— o maior talento vivo, xunto a Marco Bellocchio, dos cineastas que arrincaron no século XX: o gran Paul Schrader, con Master gardener (O mestre xardineiro), película coa que consolida un período creativo crepuscular de magnitude impensable, cando xa o dabamos por amortizado.

PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO

18 pezas conforman esta mirada polo actual Panorama Audiovisual Galego, ás que engadimos as 11 curtametraxes do programa especial Aturuxo Films: Imaxinando Músicas. Nesta 36ª edición centrámonos no momento doce que vive a animación en Galicia con Os demos de barro; no foco posto na memoria histórica de filmes como Removendo a terra, Un cielo impasible, 10 de marzo ou Donde acaba la memoria; na importancia de persoeiros como Xosé Luís Méndez Ferrín ou Florencio Delgado Gurriarán, ou na reivindicación dunha sanidade pública e segura con Agromantes ou Anatomía dunha serea. Ademais, renderémoslle tributo a Lois Patiño, talento maior e cosmogónico do panorama internacional.

DOCS CINEUROPA

Na escolma de seis documentais deste ano hai figuras de peso como Isabel Coixet, que revisa n’O teito amarelo un caso real de abusos sexuais sufrido por adolescentes, ou como Manuel Iborra, que bota a vista atrás e elabora un fermoso relato sobre as luces e sombras do pasado, a través do reencontro cunha película tan representativa do cinema español doutro tempo como Orquesta Club Virginia. E toda a atención para a que é xa unha das cintas do ano: coas imaxes de El caso Padilla descóbrese por vez primeira un material de arquivo áureo, as filmacións da autocrítica realizada polo poeta cubano Heberto Padilla na Habana, en 1971. Nese acto –que foi gravado en formato de cinema por ordes de Fidel Castro– asistimos ao ritual totalitario da autoinculpación, da delación dos outros. Son imaxes que destilan estupor –e case medo– mentres vemos o rostro de Padilla bañado de suor naquela xornada na que a revolución cubana perdeu internacionalmente a súa inocencia.

OUTRAS SECCIÓNS

LatidoAmericano, Fantastique Compostela, Cineuropa Miúda, Maratón e En lembranza de… son as outras seccións que completarán a 36ª edición de Cineuropa. O mellor do cinema latinoamericano que triunfou polos máis grandes certames e a homenaxe a China Zorrilla; unha escolma de cinema para nenas e nenos coas correspondentes especificacións por franxas de idade; a nosa particular homenaxe a dous grandes como Jean-Luc Godard e Angela Lansbury, e o último do cinema de xénero para incondicionais da maratón e a sección Fantastique Compostela.

AS ACTIVIDADES PARALELAS

A programación deste ano verase complementada por diferentes actividades que inclúen presentacións de libros, programas pedagóxicos que vinculan o cinema e a música coma o levado a cabo no IES de Cacheiras; o xa tradicional concerto da Real Filharmonía de Galicia, que musicalizará nesta edición o filme Foolish wives, de Erich Von Stroheim, así como o concerto da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, que pon música, de Antón Alcalde, a ‘The Pawnshop’ de Chaplin ademais de interpretar outras bandas sonoras. E este ano, unha novidade: dous “paseos de cine” que permitirán ao público asistente coñecer as históricas salas de proxección compostelás (moitas delas xa desaparecidas), e unha panorámica polas principais rodaxes que tiveron lugar en Compostela.

ENTRADAS

Os prezos desta 36ª edición non varían respecto aos das pasadas. A entrada ordinaria ten un custo de 4 euros, o abono de 10 películas custará 30 euros, o maratón terá un prezo de 6 euros e o catálogo coa información de todas as películas do festival pode mercarse por 2 euros. O vindeiro mércores día 2 ás 11 h. poderán comezar a adquirirse os bonos, as entradas e tamén retirar os convites para todas aquelas sesións de carácter gratuíto. Pódese facer online a través da web compostelacultura.gal ou de xeito presencial no despacho de billetes da Zona C (Praza de Cervantes) no seu horario habitual: de martes a sábado de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Durante os días do festival tamén haberá despacho de billetes nas restantes salas do festival. Toda a información está en cineuropa.gal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.