CompostelaNovas

Pincha celebrou o seu segundo aniversario cunha gran festa

Equipazo Pincha! (faltan José Crusat e Lorena Costas). Foto: Iván Barreiro
Equipazo Pincha! (faltan José Crusat e Lorena Costas)

A cafetería Lasso, no Auditorio de Galicia, acolleu o xoves 9 de maio a festa de celebración do segundo aniversario Pincha. Alí estivemos boa parte do equipo da revista, así como moitas persoas relacionadas co mundo da gastronomía e da cultura en Santiago.

Así, puideron tomar uns petiscos connosco a chef e Estrela Michelín, Lucía Freitas; os músicos Valentín Caamaño e Alfonso Espiño; membros dos grupos A Banda da Loba ou Os d’Abaixo; a presidenta e o xerente da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos e Ramón García; os hostaleiros Rita Sobrado, do Blu, Manuel Iglesias, de A Maceta, Jesús Peón, do Bar Polígono e Sala Sónar, Gonzalo Pose, do Argentinos Burguer; entre moitos outros e outras.

Tamén nos acompañaron os candidatos á alcaldía nas próximas eleccións municipais, Martiño Noriega, de Compostela Aberta; Xosé Sánchez Bugallo e Mercedes Rosón, do PSOE; Xoán Bascuas, de Compromiso por Galicia; e Lois Calvelo, número 3 da candidatura do BNG.

Fotografías: Iván Barreiro

Novidades

A directora de Pincha, Rebeca Munín, presentou as novidades da revista nesta nova etapa que comezamos. Por un lado, fixéronse melloras no deseño e maquetación da versión en papel, buscando unha maior claridade. Por outro, estreáronse novas seccións e se buscou dar unha maior conexión coas redes sociais.

Tamén houbo cambios na páxina web cunha ampliada guía de ocio e unha tenda na que presentamos as ‘Pinchapas’.

Premio #somospincha

O momento máis emotivo da noite chegou coa entrega do primeiro premio #somospincha, un galardón que nace co obxectivo de poñer en primeira plana a todos aqueles que non o están habitualmente e que tamén o merecen. “Nesta primeira edición queremos homenaxear aos camareiros e camareiras da cidade. Porque traballan cando todos os demais estamos de ocio. Porque soportan moitas veces as nosas queixas, as nosas exixencias, os nosos malos momentos… E é a súa obriga facelo cun sorriso. E porque non sempre contan coas mellores condicións laborais e, ademais, se son mulleres sofren moitas veces comentarios incómodos”, sinalou Rebeca Munín.

O premio foi para Laura Martínez, da Bodeguilla de Santa Marta, portada do número 10 da revista e a segunda mellor tiradora de cervexa de toda España. “É un orgullo recoller un premio tan bonito coma este”, afirmou durante a súa intervención. “Sabemos que a nosa é unha profesión sacrificada e bastante dura. Perdémonos datas sinaladas coa familia, cos amigos e amigas… e temos uns horarios nos que ás veces imos ao revés do resto do mundo. Ai, a hostalaría! Pero sabedes que? Bendita hostalaría. Para min sempre tivo mellores momentos que malos, a verdade. Nacín, crieime e morrerei nun bar.  Esta profesión haina que desfrutar e, sobre todo, haina que respectar”, asegurou.

Trala entrega do premio, estreamos o vídeo sobre o equipo de Pincha realizado por Seispés Producións Creativas e que podedes ver aquí abaixo.

O evento rematou cos petiscos que serviron na cafetería Lasso, xunto cos doces de Dulce Victoria, e a música de DJ Octopus.