fbpx
#decineA CoruñaCulturaNovas

Descubrindo a Filmoteca de Galicia

Fachada da Casa da Cultura Salvador de Madariaga, onde se atopa a Filmoteca de Galicia. Foto: Iván Barreiro

 

Sabías que a primeira película que se rodou en España foi na Coruña? José Sellier Loup era un fotógrafo de orixe francés que tiña un estudo no centro da cidade e fixo algunhas filmacións de escasos minutos de duración entre 1897 e 1898. “Non se conservan porque o celuloide daquela época deteriorábase bastante rápido e o cine era considerado un invento sen futuro”, explica Jaime Pena, programador da Filmoteca de Galicia, un centro da Xunta de Galicia integrado na Axencia Galega das Industrias Culturais.

José Sellier dalle nome á sala de proxeccións desta Filmoteca, que ten a súa sede na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga, 10. Hai pouco máis dun ano, en setembro do 2022, o espazo reabriu despois duns meses pechado por unhas reformas acometidas pola Xunta por valor de 138.000 euros. “A cabina é totalmente nova, moito máis cómoda para traballar, e visible desde o exterior porque descubrimos unha gran xanela que estaba tapiada e deixamos aberta. Tamén houbo unha renovación estética: cambiáronse o chan, as butacas, o teito, as paredes, a pantalla... Perdemos capacidade -agora mesmo é para 90 persoas- pero é moito máis fácil entrar, sentarse, ocupar certos espazos...”, apunta Pena.

A sala José Sellier acolle unha programación estable de nove sesións semanais de películas tanto clásicas de todas as nacionalidades e épocas como de cine contemporáneo que normalmente non entra nas pantallas comerciais. Trátase ademais dunha oferta cultural apta para todos os petos, xa que cada entrada ten un prezo na actualidade de 1,20 euros. Por agora, só se poden adquirir no despacho de billetes da propia entidade, aínda que están traballando para poder ofrecer a venda online nos próximos meses.

A sala José Sellier foi totalmente reformada. Foto: Iván Barreiro

Arquivo, biblioteca e programa didáctico

A Filmoteca de Galicia, que se inaugurou no ano 1991 co nome de Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), ten como principal misión a salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego.

O Departamento de Arquivo e Documentación ten ao seu coidado a conservación, preservación, restauración e catalogación dos fondos propios da Filmoteca, así como a localización e recuperación de materiais dentro e fóra de Galicia susceptibles de se cualificaren de interese para a cultura galega. “Ultimamente recuperamos moitos títulos de cine doméstico e amateur, porque para determinados períodos históricos é a única maneira de ter imaxes de Galicia”, sinala Jaime Pena. “Temos, por exemplo, unha serie de materiais dos anos 20-30, que se chamaba ‘cine de correspondencia’ ou da ‘emigración’. Son películas que a xente mandaba desde Galicia aos emigrantes e tamén desde Arxentina para aquí”, engade.

A Filmoteca de Galicia conta cun arquivo e unha biblioteca especializada en cine e fotografía. Foto: Iván Barreiro

No Arquivo, que atende fundamentalmente a profesionais, os fondos en soporte cinematográfico (curtametraxes e longametraxes) chegan ás 3524 copias, correspondentes a 3042 títulos. A película máis antiga conservada é Botadura del Alfonso XIII, de 1913. Tamén hai máis de 12.000 copias en soporte videográfico; máis de 10.000 carteis de películas galegas, españolas e estranxeiras;  os materiais rodados en terras galegas polas cámaras do Noticiario NO-DO entre os anos 1943 e 1979; máis de catrocentas fotografías da colección particular do actor de referencia da colectividade galega na Arxentina, Fernando Luis Iglesias Sánchez “Tacholas”; e o fondo fotográfico e fílmico do escritor arxentino Julio Cortázar, que recibiu a Filmoteca de Galicia no ano 2005, grazas á xenerosidade da súa viúva e testamenteira, Aurora Bernárdez.

Por outro lado, na biblioteca da Filmoteca de Galicia, que está especializada en cine, fotografía e comunicación audiovisual, podemos consultar máis de 10.000 libros e moitas coleccións de revistas. Este espazo si está aberto ao público xeral os martes e xoves.

Por último, a Filmoteca de Galicia conta ademais cunha área de didáctica centrada na formación de novos públicos, achegando o cinema a familias, colexios e institutos, e tamén poñendo en marcha diferentes obradoiros de iniciación ao cine.

Jon Jost estreará alí en novembro a súa nova película

Dentro da programación da Filmoteca de Galicia para o que resta de ano, destaca un ciclo de sete sesións sobre Jon Jost que se desenvolverá do 23 de novembro ao 2 de decembro.

Fotograma da película Casa do Silencio, de Jon Jost

O cineasta independente americano estará na Coruña para presentar o ciclo e asistir á estrea de Casa do silencio, a súa última película, que estivo rodando durante varios meses en Galicia. Será o venres 24 de novembro.

O director de cine italiano P. P. Pasolini

Tamén a finais deste mes comezará un ciclo dedicado ao director de cine italiano Pier Paolo Pasolini , que se prolongará ata xaneiro do 2024. Foi o ano pasado cando se conmemorou o centenario do nacemento do autor de Decamerón, Saló ou os 120 días da cidade de Sodoma e Medea, pero como a Filmoteca estivo pechada por reformas, será agora cando se lle homenaxee proxectando algúns dos seus filmes máis importantes.

O resto da carteleira para o novo ano pode consultarse mes a mes na páxina web filmotecadegalicia.xunta.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.