fbpx
Crusat & CostasGalicia

Crusat & Costas: Quinta Toucedo – Albariño 2015

Crusat e Costas en Vide, Vide! Foto: Iván Barreiro

A Contracorrente

Por Lorena Costas

Probablemente a estas alturas a ninguén de nós nos sorprenda que se fagan viños atrevidos, diferentes e arriscados, non si? Diso se trata a vida, de poñerlle un pouco de emoción para que as satisfaccións nos saiban mellor, esa chispiña tan necesaria. Con todo, seguro que a historia de Ana Gadín e Javier Mendoza vos sorprenderá un pouquiño, porque aínda que están entre eses adegueiros que fan viños arriscados e sobre todo moi persoais, neste caso engádese un factor que a fai máis entrañable quizais. 

A adega de Ana e Javier, Atrium Vitis, está enclavada en Quiroga, a zona máis oriental da D.O. Ribeira Sacra, así que o máis seguro é que cada un de vós o primeiro que pensedes é que esta adega vive de vender viño tinto, preferentemente da variedade Mencía, verdade? Pois non. A día e hoxe si que venden viños tintos, de diferentes varietais e vinificacións parcelarias, etc., pero o primeiro que fixeron para darse a coñecer é elaborar un viño a base de albariño na Ribeira Sacra. Arriscado e bravo, sen dúbida.

É que o avó de Javier xa foi pioneiro niso de ir ao contraxeito, e facía uns viños espectaculares a base de Albariño, e tamén tintos, pero sobre todo o seu viño favorito era aquel branco dourado e diferente. Tras anos de estudio, Ana e Javier decidiron seguir os pasos do avó e pór en marcha o proxecto, recuperando esas viñas de albariño e plantando máis. Sempre respectaron o xeito de facer o viño do avó, fermentado en barricas e non en depósitos de aceiro. E así comezou esta aventura, con xente mirando raro cando lle falaban de “albariño da Ribeira Sacra” e incluso con viños fóra da D.O. por circunstancias das que xa temos falado noutras ocasións. Procuraron, sobre todo, que o potencial da Albariño non se perdese por mor da madeira das barricas, estudiando os diferentes tostados das barricas máis axeitadas, procurando que a uva sempre tivese esa exuberancia e nariz frugal, pero aportándolle singularidade. E tanto  que o fixeron!

Quinta Toucedo Albariño 2015 é un viño que deixará descolocado a moitos nunha cata a cegas:  De fermosa cor dourada, os seus aromas non nos levan a unha uva albariño das Rías Baixas; conserva os aromas varietais de mazá nos primeiros intres, pasando logo a mazá asada, toques de hidrocarburo, caucho, froitos secos e especiados. Tamén aparecen os aromas balsámicos que a madeira se encargou de moldear ben. En boca destacan os sabores herbáceos e especiados, tipo pementa ou cardamomo, unha acidez ben conservada e boa persistencia na boca, axudada tamén pola frescura que aporta o chan arxiloso. Quen diría que este viño ten 14´5 graos!

Marabilloso quedaría nestas festas acompañando un bo ollomol no forno, a que si?

Oes, forasteiro!

Por José Crusat

Imos cun viño elaborado cunha uva “forasteira”, o albariño. E non falo de que se vén de Alemaña, ou como realmente é a uva marcha de Galicia para Alemaña. Falo de “forasteiro” así entre comiñas porque é unha uva non moi asociada a Quiroga, o interior da Galicia, no linde entre as provincias de Lugo e Ourense. É pois un exemplo da universalidade das variedades. Estas non son exclusivas dun único territorio, senón que son capaces de expresar as diferenzas entre eles, de marcar os climas e os chans dos lugares onde medran as videiras.

Estamos ante un viño de clima cálido no verán, chans típicos de ribeira, arxilas ferruginosas e cantos rodados. Onde a acidez característica da costa queda suavizada e domada, facendo del un viño mais amable, pero o tempo aportando un moi bo grao de madurez.

No canto da elaboración, trátase dun traballo clásico, sen intervencións, sen florituras nin revirichos enolóxicos. Fermenta cos seus propios lévedos en depósitos de aceiro, a partir de uva despalillada e mosto desfangado. Realiza tamén unha fermentación malo-láctica de maneira espontánea. Esta é unha segunda fervedura na que certas bacterias transforman o ácido málico (o da mazá) que é máis agresivo en ácido láctico (o do iogur) que é mais suave e agradable. Pasa despois un tempo coas súas lías antes da trasega final e un lixeiro filtrado no momento en pasa a botella.

Viño de cor amarelo dourado, intenso. No nariz aparecen a mazá típica da variedade de uva, pero tamén aromas complexos e característicos como fiúncho, herbáceos. É un viño denso, potente, lixeiramente cálido na boca, maduro, de amplitude media, sabores a mazá golden madura, acidez media e final amargo.

Nas datas de festas nas que andamos o tema da maridaxe é medianamente sinxela. Apostaría por un marisco pero que teña sabor, como é unha boa centola na que a forza do cacho do animal conxuga perfectamente co corpo deste albariño “forasteiro”. Unha maridaxe que une o interior coa costa; chámalle mar e montaña.

FICHA TÉCNICA

Adega: Atrium Vitis

D.O. Ribeira Sacra

Variedades: Albariño

Grao: 14,5º

Ano: 2015

Prezo: En torno aos 12€

Onde mercalo? Vide, Vide! (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10)