fbpx
Entre MúsicasGalicia

NAO: “Fomos unha banda pobre en diñeiro pero rica en coherencia e honestidade”

Por Xiana Lastra

Nesta ocasión toca falar de despedidas. Desde aquel outubro do 2005 no que NAO deu o seu primeiro concerto no Centro Social A Revolta, en Vigo, xa choveu! Chegou despois o seu primeiro disco ‘As palabras espidas’(2007), ao que seguirían ‘Coas túas mans’ (2010), ‘Cancións de amor eliberdade’ (2012) e ‘Cartas no caderno’ (2014). No 2015, ano no que gañan o Premio Martín Códax da Música na categoría de Metal e probablemente no momento máis álxido da súa carreira, anuncian que abandonarán os escenarios tras sacar unha triloxía de despedida baixo o nome ‘Apocalipse NAO’. Tras ‘Soñar’ (2016) e ‘Crear’ (2016), nace agora ‘Ata que o lume se apague’ e, así, chega o adeus definitivo de Jasper, Gus, Amós e Torroncho como Nao, o gran final, cunha intensa xira que arrincou o 5 de decembro na Sala Capitol compostelá e que rematará no mes de decembro de 2019, probablemente no mesmo lugar. Marcha unha das bandas de referencia do noso panorama musical que nos deixa moitas cancións que cantar e tamén moitas consignas que berrar.

Falamos con Jasper (Pablo Carracedo), vocalista do grupo, arredor do que foi e do que virá.



Como nace Nao? Cales eran as pretensións cando comezastes?

Nao nace da confluencia de músicos que coincidiramos noutras bandas e que xa, cunha visión máis madura da música, decidimos facer un proxecto que coidase os textos e o son. Sempre tentamos pór unha semente de pensamento crítico, tentar concienciar e loitar contra o pensamento unidimensional estendido nos medios. A nosa pretensión era ser unha pequena resistencia que tentase chegar a canta máis xente mellor.

Como foi a evolución do grupo? Despedídesvos precisamente polo medo a non dar mantido o nivel acadado como banda. Como chega Nao a este punto?

Comezamos facendo rap metal, porque permite empregar moito máis texto. Nunca desbotamos este son duro, pero si que tivemos outros matices na composición das cancións. Co tempo empregamos moita máis melodía nas voces. A nivel literario comezamos cun discurso moi global, de tentar facer crítica sen caer no panfletarismo. Fomos trocando isto por un discurso máis galego e por tentar darlle esperanza á xente, que se reafirmase nas súas propias conviccións, mais nunca deixamos atrás a crítica social.

A nosa forza foi a xente que nos seguiu. Penso que dicimos cousas que poucas din e moitas pensan. Nós facémolo cantando. Por outra banda, penso que a xente valorou moito a nosa coherencia e honestidade. Isto é algo que está moi caro ultimamente. Nós fomos unha banda pobre en diñeiro pero moi rica nisto. Custounos vetos, entrar en certas listaxes negras… Mais sabemos que fixemos o correcto. A cantidade de xente que nos segue así o demostra. Manter este nivel de compromiso coa música e os fans non é doado nun país no que os medios públicos nos silencian. Despois de 13 anos foi con este disco a primeira vez que pisamos un plató da CRTVG. Non é normal. Sabiamos que o sacrificio que supón tocar nunha banda destas características non o poderiamos prolongar no tempo. Por honestidade coas seareiras decidimos despedirnos. Pero facelo ao grande!

A liña ideolóxica da vosa música é o que máis vos define e, ao mesmo tempo, tivo que pecharvos moitas portas. Como foi tomar a decisión de camiñar cara a aí?

Tiñamos claro dende os comezos que NAO non ía cantar estupideces. Vivimos momentos difíciles que logo de 13 anos semella que van a peor. Vivimos nun país anormal, onde falar a túa propia lingua está mal visto ou fai que te sinalen co dedo, onde a censura impera nos medios de comunicación, onde os presidentes se fotografan con narcos e non pasa nada, privatizacións, caciquismo… A isto hai que darlle resposta. Nós facemos da nosa música unha arma para loitar contra todo isto, tentando tocar o lado emocional da política. E penso que o conseguimos. Indubidablemente isto fechounos portas, pero abriunos moitas outras: as do afecto e compromiso sincero e leal de moita xente. Esa é a gran lembranza que levaremos de todo isto.

Como é o día a día de Nao? Que dirías se tiveses que describir os teus compañeiros en poucas palabras?

NAO ensaia cando pode, non cando quere. Durante longas tempadas a banda ocupa o noso pensamento as 24 horas do día. Á hora de montar as cancións temos varios “métodos”. Poden vir cunha idea miña ou de Gus xa da casa, ás veces facemos tormenta de ideas no local, ou de algo que sae de xeito espontáneo e imos construíndo. Gravamos esas ideas e logo tentamos pulilas. Eu fago as letras e voulles dando forma ás estruturas. Logo no estudio facemos algo similar: primeiro gravamos a idea como vén do local e logo coa axuda do enorme Iago Pico, o noso produtor nos últimos anos, modificamos, creamos e dámoslle a forma definitiva.

Gusé o meu irmán xemelgo en NAO. Todo paciencia, compromiso, moita creatividade e intelixencia. A persoa coa que mellor me entendín nunca á hora de compoñer. Amósé todo groove, amabilidade e positivismo. Unha persoa moi metódica e cunha gran intelixencia musical. Torronchoé un fóra de serie. Musicalmente é polifacético, perfeccionista, elegante…

E cando xa remata todo o proceso… saen discos como este Ata que o lume se apague. Como foi a súa creación?

Fixémolo en moito tempo. Hai cancións que teñen anos. Gardamos moitas ideas na recámara e tamén houbo moita inspiración nos meses anteriores a entrar no estudio. Dúas cancións gravámolas en Euskadi no Estudos Garateda man de Kaki Arkarazo. Alí fixemos Txoria Txori, unha versión de Mikel Laboa, e tamén o tema que fecha o derradeiro disco da banda. Aquí en Galiza gravamos no noso estudio de referencia, Estudios Pouland, con Iago Pico. Tivemos a sorte de contar co piano de Belém Tajes, os ventos de José Carou, Óscar López e Santiago Colmenero, as voces do coro de Cantigas e Agarimos, Patty Castro, Eladio Santos, Cristopher Nervo, Dani Lavesedo, as pandeiretas e voces de Tanxugueiras e cos SonDaRúa.

Comezastes xira de despedida na Sala Capitol e foi apoteósico. Como o vivistes vós?

Antes de saír, con moitos nervios. Chegábannos whatsapps de fotos coa enorme cola que había fóra e intuiamos que ía ser unha noite épica. Logo no escenario foi súper emotivo todo. Ver unha sala tan grande chea, cantando as cancións, saltando, berrando consignas… O mellor da música é isto.

E non dá algo de mágoa marchar aínda que vos quede un ano de concertos por diante?

Son moitas emocións e moita carga de traballo. Temos por diante unha xira moi longa e estamos moi satisfeitos de como está funcionando a banda a nivel de produción e management. Demos un paso cualitativo nisto. Falando co corazón si que dá moita mágoa albiscar o final. Penso que vai a ser unha xira de fortes emocións, mais tamén de re-atoparnos con moitos amigos e amigas.

Onde poderemos vervos, cantarvos e bailarvos?

Comezaremos na Estrada o 19 de xaneiro e continuaremos por Melide, Cambados, Vigo, Ourense, Pontevedra, Lugo, Sarria, Viveiro, A Guarda, Ferrol, Lalín, A Gudiña, A Coruña, Ribeira, Carballiño, Boiro, Bueu… Tentaremos visitar tamén Portugal e Euskadi. O verán vai ser un non parar de festivais. Hai datas que coinciden e estamos incluso vendo de facer dobletes… Penso que vai ser unha xira moi intensa. Así queremos que sexa, saciarnos de directos.

Para quen aínda non foi a un concerto de NAO… que dirías que pode atopar?

Un bo espectáculo dunha banda de rock que move moita xente. Penso que isto é algo que se contaxia entre o público, o bo rollo, a unidade, soltar a raiba, sorrir, bailar, cantar… Os nosos concertos gañan moito se sabes as letras.