Os Premios Martín Códax da Música desvelan os proxectos finalistas da súa XIII edición

Na tarde deste mércores celebrouse a festa de finalistas na terraza das Bodegas Martín Códax onde se anunciaron os proxectos que optan a gañar na gala final da XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, organizados pola asociación Músicas ao Vivo, e que terá lugar o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.
48 proxectos escollidos por un xurado profesional de renome formado pola pianista e investigadora artística María Domínguez, a artista Blanca Pereira, coñecida como Rumia, o guitarrista da banda Brutal, Isidro Otero, o xornalista Luis Pardo, e a xestora cultural Marta Horjales.
Ao acto acudiron os 57 finalistas que pasan á segunda fase de votación ademais de representantes das institucións colaboradoras nestes galardóns: Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais-Xunta de Galicia; Marcos Guisasola, deputado de Medio Ambiente e Mar da Deputación de Pontevedra; Eva Villaverde, tenente alcalde do Concello de Pontevedra; Alberto Oubiña, concelleiro de Urbanismo e Territorio do Concello de Pontevedra, Samuel Lago, alcalde de Cambados e José Ramón Costa, concelleiro de Medio Rural do Concello de Cambados.
O presidente das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue, quen deu a benvida aos asistentes, salientou “a ilusión de continuar asistindo a esta cita como se fose o primeiro día, vendo como se fortalece e se consolida como un referente imprescindible para a música galega”. Tamén quixo subliñar o recente Premio da Cultura Galega acadado polas bodegas e que “pertence a todas as persoas que fan posible a cultura galega e, de maneira moi especial, á Músicas ao Vivo, compañeira de camiño durante estes trece anos.”
Pola súa banda, Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, e Xavi Castro, vicepresidente da entidade, manifestaron o traballo realizado dende a asociación para manter estes “premios que son tan significativos para o colectivo e o sector, e que teñen como obxectivo visibilizar e poñer en valor a nosa música.”
Dentro das 15 categorías musicais, artista Emerxente e organistrum, os proxectos seleccionados foron os seguintes:
- METAL E HEAVY: Urko, Keepers e Talesien
- CANCION DE AUTOR/A: Antía Muíño, Sangre de Muérdago e Zeltia Irevire
- BLUES, FUNK E SOUL: Sabela Cereijo, Allo Negro e Guilherme Zapata
- ELECTRÓNICA: Galician Army, Kike Varela e Løch
- ROCK E PUNK: Loita Amada, Broken Peach e Stoned at Pompeii
- MÚSICAS URBANAS: Hugo Guezeta, Habló Pablo e Lumedollop
- ORQUESTRAS, GRUPOS E MÚSICA DE VERBENA: Lamatumbá, Orquestra Bravú Xangai e La Fórmula
- MÚSICA CLÁSICA E CONTEMPORÁNEA: Alejo Amoedo, Ensemble Alletamento e María Mendoza
- JAZZ E MÚSICAS IMPROVISADAS: Xan Campos “Amorodios”, María Toro e Manuel Cebrián-punctum
- POP E INDIE: Nadadora, Montedapena e Michu da Rocha
- MÚSICAS DO MUNDO E MESTIZAXE: Lidia India, Marta Vidal e Abril Fado Atlántico
- MÚSICA INFANTIL: Paco Nogueiras, Ollo Piollo e Golfiños
- MÚSICA FOLK: Abril, Alana e Guezos
- MÚSICA TRADICIONAL: Unto Vello, Donicelas e Carapaus
- BANDAS DE MÚSICA POPULAR: Banda de Música Municipal de Celanova, Banda Da Escola Municipal De Música De Oleiros e Banda De Música Xuvenil De Torroso
- ARTISTA EMERXENTE: Raze, Lula Mora e Apolo18
Premios Organistrum:
- Organistrum COMUNICACIÓN E DIFUSIÓN MUSICAL: Galicia En Concierto, A Canle De Rodri Míguez e Fogar dos Festivais
- Organistrum FESTIVAIS: Festival Arteficial, Surfing the Lerez e Festival Alternativo Millo Verde
- Organistrum SALAS: Sala Capitol, La Fábrica de Chocolate e Krazzy Kray!
O premio honorífico Músicas ao Vivo, destinado a distinguir unha traxectoria de especial relevancia para a música galega, desvelarase nas seguintes semanas.
19 destes proxectos serán galardoados na cerimonia final, poñendo en valor a promoción e dignificación dun sector creativo estratéxico para Galicia. A partir de mañá, 7 de maio, o público e os socios e socias de Músicas ao Vivo, serán quen escolla seus proxectos favoritos e poderá votalos a través da páxina web ata o 24 de maio. A gala final terá lugar o 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O voto do público, xunto ao das persoas asociadas a Músicas ao Vivo, contará cunnha ponderación do 50% trala selección do xurado.
A gala será transmitida pola plataforma agalega.gal e na canle de youtube de Músicas Ao Vivo.
Toda a información dos premios: premiosmartincodaxdamusica.gal
Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
