O lucense Alejo Fuenteseca triunfa no concurso de tiraxe de cervexa Estrella Galicia que se celebrou na Coruña

Esta semana, Estrella Galicia converteuse en anfitrioa dun programa de especialización cervexeira que, ao longo de dúas xornadas, trataba de formar a estudantes de hostalería de diferentes puntos de España sobre cultura de cervexa e proporcionarlles ferramentas para converterse en expertos en servizo. Os asistentes, 28 estudantes de 14 escolas de hostalería de toda España, tiveron a oportunidade de participar dunha visita a MEGA, así como dunha serie de charlas e actividades prácticas ao redor do mundo da cervexa, alén de competir para demostrar a súa destreza no servizo de cervexa.
O CIFP Paseo das Pontes (A Coruña) foi o escenario un ano máis do tradicional certame de Tiraxe de Cervexa que puxo a proba as habilidades do alumnado dos Centros de hostalería á hora de executar un servizo perfecto, alén dos seus coñecementos sobre cultura de cervexa.
Alejo Fuenteseca do IES Sanxillao de Lugo alzouse co premio outorgado por Estrella Galicia neste certame que avalía a súa destreza ao executar un servizo perfecto e demostrar os seus coñecementos sobre cultura de cervexa. Deste xeito, este estudante recibiu o recoñecemento que lle coroa como o mellor representante do futuro da hostalería no ámbito das súas habilidades cervexeiras. O mozo mostrábase encantado coa experiencia de participar neste certame para centros de formación por todo o aprendido. O campión recoñecía practicar moito para o concurso ao que “hai que sumar os anos que xa levo dedicándome á hostalería”, sinalou. Ao seu xuízo, falarlle ao público e ao xurado con soltura era a proba que máis temía e de que a que, asegura, quedou máis satisfeito. Segundo dixo, quere encamiñar o seu futuro á formación. “Oxalá algún día estea eu como profesor ensinando a tirar a Estrella Galicia perfecta”.
Pola súa banda, Emilio Jesús Martínez, do CIFP Ciudad de León, situouse en segunda posición nesta competición que puxo a proba a cultura de cervexa e as destrezas no seu servizo de estudantes de 14 escolas de hostalería participantes nesta edición a través de diversas probas teóricas e prácticas. Os finalistas foron Desirée Parra do IES de Foz (Lugo), Adrián Torres de ESENGRA en Ferrol e Daniel Bueno da Escuela Superior de Hostelería y Agroturismo de Extremadura.
Todos os participantes competiron por levarse o título ao seu Centro e, sobre todo, por demostrar que a próxima xeración da hostalería vén máis preparada que nunca. Para valorar as súas habilidades reuniuse un xurado de profesionais composto por Carlos Ávila e Xabier Cubillo, expertos en Cultura de Cervexa de Estrella Galicia, Rebeca Munín, directora da revista Pincha, Marcos Eiré, sumiller xefe do Restaurante Miguel González, e José Luis Martín, director de Gourmet Quesos e mestre afinador de queixos.
Os centros participantes foron: IES DE FOZ, IES SANXILLAO, CIFP FRAGA EUME, CIFP COMPOSTELA, CIFP VILAMARÍN, CIFP MANUEL ANTONIO, CIFP CARLOS OROZA, ESENGRA. CIFP PASEO DAS PONTES, IES PEÑACASTILLO, CIFP CIUDAD DE LEÓN, ESHA DE EXTREMADURA, UNIVERSIDAD LABORAL DE ALBACETE e CIFP HOSTELERÍA Y TURISMO DE CARTAGENA.
O obxectivo destas xornadas foi poñer en valor a cualificación no servizo, en concreto o servizo de cervexa, como eixo fundamental no labor dos profesionais hostaleiros e espertar o interese do alumnado por alcanzar a perfección na atención á clientela, todo iso no marco dunha competición que recoñece o esforzo dos mellores.
