Tanxugueiras, Mondra e Alba Reche actuarán nas festas da Ascensión 2026

A concelleira de Festas de Santiago, Pilar Lueiro, presentou o programa completo das Festas da Ascensión que se desenvolverán entre 12 ao 17 de maio, aínda que atraccións na Alameda estarán desde este venres 8 e manteranse ata o luns 25 de maio, con horarios inclusivos sen ruído os días 8, 16 e 17 de maio de 17 h a 19 h. Tamén se mantén o Punto Lila, que estará instalado na Alameda do 13 ao 16, cun horario de atención de 20 h a 01 h.
“As Festas da Ascensión, as máis picheleiras, son sen dúbida unhas das datas máis agardadas de todo o ano. Son festas de tradición pensadas son para toda a veciñanza de Compostela”, destacou Pilar Lueiro.
Programación para todos os públicos
Pilar Lueiro detallou o programa das festas da Ascensión 2026, que se completará coas actuacións da Romaría das Flores e do Composfest. Tanxugueiras abrirá as festas o martes 12, na praza do Obradoiro, cun espectáculo cheo de sorpresas no que o grupo presentará o seu novo disco.
O mércores 13 o Teatro Principal acolle a obra ‘Espiñas Rosas’ de ARTías Teatro ás 20 h. Na praza da Quintana dará comezo ás 21 h o Santiago 40 Pop. Xa ás 22 h na Alameda actuará a Orquestra América de Vigo.
O día grande da Ascensión, o xoves 14, comeza como é tradicional con alboradas e continuará cun concerto da Banda Municipal ás 12 h na praza da Quintana. Os cabezudos animarán a xornada a partir das 12.30 h e quen o prefira poderá ver a tradicional feira cabalar no recinto feiral de Amio. Xa pola tarde será o tempo do completo programa de Folk na rúa e da representación de ‘Esencia’, con Juan Echanove e Joaquín Climent ás 20.30 h no Teatro Principal.
O prato forte chegará ás 21 h na praza da Quintana con Mondra, cantareiro do que a concelleira de Festas amosou o seu convencemento de que a actuación “será un éxito”. Ademáis, na alameda estará a Orquestra Marbella.
O venres 15 chega outro clásico, o Composfest, ás 20.30 h na Quintana. Tamén actuará a Orquestra La Oca na Alameda. O programa do día complétase co XLIX Torneo da Chave, tamén na Alameda, e actuacións de corais en distintas localizacións durante toda a tarde.
O sábado 16 de maio será a xornada da Festas dos Maiores, do Campionato Galego de Espada, da exposición de vehículos clásicos e contemporáneos FastLife Expomotor ou das escolas de baile tradicional nas prazas da zona vella e da Romaría das Flores en Belvís, con actividades para todos os públicos e xogos tradicionais. A praza da Quintana acollerá o concerto de Alba Reche, dentro do ciclo SON Estrella Galicia. Tamén actuará a Orquestra Atenasna Alameda.
O último día das festas, o domingo 17, celebrarase a XXV Carreira da Ascensión, outra tradición, neste caso a disciplina ciclista, e a Banda Municipal ofrecerá o concerto ‘A voz das Letras Galegas’. Tamén haberá alborada, e Latexo Percursión percorrerá ás rúas da Cidade. Continúan nesta xornada o FastLife Expomotor e a Romaría das Flores, que pecha a mediodía a súa programación.
O espectáculo ‘Circes e Morganas. Celebrando a Begoña Caamaño’ poñerá o ramo ás festas da Ascensión 2026 na praza da Quintana o domingo ás 20.30 h, presentado pola alcaldesa, Goretti Sanmartín.
Pilar Lueiro asegurou que este domingo 17 de maio será “un día de moitas emocións” no que “Santiago de Compostela será a capital coas súas festas da Ascensión, a festa das Letras Galegas e a homenaxe que Begoña Caamaño merece”.

Cartel de Sara Romero
A concelleira mostrou o cartel, autoría de Sara Romero, compostelá graduada en Belas Artes. “O cartel nace da idea de movemento: de ir todos cara á festa, como unha invitación colectiva a vivir a Ascensión”, explicou Pilar Lueiro, e engadiu que a composición se construúe arredor dunha figura central que camiña acompañada polo ambiente festivo.
Ao seu redor aparecen elementos representativos da cidade e das súas festas: os cabezudos, a música tradicional, o pichel, ligado ou o polbo á feira, tan presente na Alameda durante estes días.
Ao fondo da imaxe, o palco da música sitúa a escena, mentres que a nora funciona como ese primeiro sinal que anuncia a chegada da festa.
“En conxunto, o cartel busca transmitir unha sensación de ilusión compartida, de camiño cara á festa, onde tradición, lembranza e presente conviven nun mesmo espazo”, valorou a responsable municipal de Festas.
