A Quintana será o campo da festa das Letras Galegas para celebrar a Begoña Caamaño

A Área de Lingua da Deputación da Coruña organiza para o próximo 17 de maio en Santiago o espectáculo ‘Circes e Morganas. Celebrando a Begoña Caamaño’. Trátase dunha proposta coral que a partir das 20:00 combinará na praza da Quintana música, poesía e audiovisual ao redor da figura da escritora, xornalista e activista á que a Real Academia Galega dedica este ano o Día das Letras Galegas.
A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra Tuñas, presentou en Santiago de Compostela o espectáculo, acompañada da alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei; Paula González, de Nordesía; e a cantante e música Zeltia Irevire.
Sol Agra destacou que a intención da Deputación é converter a Quintana «nun campo da festa das Letras Galegas» cun espectáculo «dinámico, participativo e festivo» para celebrar a figura de Begoña Caamaño.
A deputada reivindicou tamén a vixencia da obra e do pensamento da autora homenaxeada, tanto pola súa dimensión literaria como polo seu compromiso feminista e social. Neste sentido, salientou a importancia de achegar a súa figura ás xeracións máis novas e de facer chegar o seu legado «a todos os recunchos da provincia».
Pola súa parte, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, definiu ‘Circes e Morganas’ como «un evento singular, único e irrepetíbel» e animou a toda a cidadanía a participar nunha celebración que concibiu como «unha festa colectiva» arredor das Letras Galegas e da figura de Begoña Caamaño. Sanmartín salientou ademais o carácter comunitario e horizontal da proposta e afirmou que «cada unha de nós leva unha Circe e unha Morgana».
‘Circes e Morganas’ é unha proposta organizada pola Área de Lingua da Deputación da Coruña, producida por Nordesía e intégrase tamén no programa municipal das Festas da Ascensión. A imaxe principal é da ilustradora Agustina Shuan e no evento participarán Ana Romaní, Xiana Arias, Fillas de Cassandra, Faia Díaz e Tareixa Novo, The Vacas, Alba María, Caamaño & Ameixeiras, Andrea Nunes, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, A Banda das Crechas, As Tamborililás Transfeministas, Zeltia Irevire, A Pedreira xunto á súa banda —integrada por Lorena Cachito, Mauricio Caruso e Alejandro Vargas—, así como Uxía, Paz Francés, As Amigas e DJ Mil.
Amplo programa de actividades
A presentación serviu tamén para dar conta do amplo programa de actividades que a Deputación desenvolverá ao longo do ano polas Letras Galegas 2026. O cartel institucional foi elaborado pola ilustradora arzuá Andreea Birsanu —Silvatiica—, concibido ao redor do universo simbólico e feminista presente na obra de Begoña Caamaño. A programación inclúe a repartición de publicacións recentemente editadas sobre Begoña Caamaño entre centros educativos, bibliotecas escolares e municipais.
Entre os títulos distribuídos figuran Begoña Caamaño, pequena biografía, Os fíos de Begoña, Begoñísimas e O transgredir das ondas. Tamén se entregarán exemplares da súa novela Circe e o pracer do azul nas bibliotecas e institutos con bacharelato.
O programa complétase con contacontos ilustrados e musicados, obradoiros de lectura e escrita creativa organizados en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e actuacións musicais sobre o proxecto ‘Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño’, impulsado por Uxía Senlle xunto á arpista bretoa Bleuenn Le Friec.
