JM Salcedo: cabalgando polo mundo como un cabalo salvaxe
Por César Varela [Rock Compostelán]
Despois de pegarnos un baño nas praias de Marín no capítulo anterior, volvemos a Compostela e ao resto do planeta terra, xa que o personaxe que ocupa o noso espazo de hoxe, percorreu medio mundo ata hoxe en día e dende hai varios anos asentarse en Brasil.
Coñecín ao amigo J.M. Salcedo en Compostela nos anos 90 así de casualidade. Coincidimos en bares e en concertos e empezamos a falarnos e coñecernos máis a fondo e crear unha amizade con sabor moi doce, como se de azucre se tratase. Cando eu estaba en Radio Kalimero e por asuntos laborais non podía realizar o meu programa de radio “Plástico Elástico”, deixáballe o espazo libre a el, para que fixese radio ao seu xeito. Anos despois perdinlle a pista e hai uns anos conseguiu poñerse de novo en contacto comigo a través das redes sociais. Hai pouco propúxome facer un podcast chamado “Wild Horses” que podes escoitar no meu bandcamp, entrando en rockcompostelan.com
Que vos conto sobre el? Que naceu en Xixón, estivo en Madrid antes de que existira a chamada Movida Madrileña e asistiu a miles de concertos nesa época das míticas bandas que formaron parte dela, que penso que non é necesario nomealas. Nos montes de Lugo soña con almorzar restos con Patti Smith, mentres se axita no saco no que durme, sentindo o ouveo non tan lonxe dos lobos, os últimos maquis. Cabalgata de Reis cos Irmáns Tromboni, recepción no Concello en camiseta con suor conxelado. Foi na biblioteca do seu tío Don Carlos onde comezou a ler libros de Carmen Laforet, Quevedo, W.W. Flórez, etc. O que lle fixo ser antólogo de “La Codorniz” (Arnao, 1989) despois de publicar “Un agujero portatil” (Arnao, 1984) e de alcanzar os loureiros de finalista do Sésamo (1989). Tamén se inspirou en Javier Krahe e Silvio Rodríguez.
O seu debut foi en Radio Juventud (Radio 5), onde lle dixeron que o seu estilo lles lembraba a Jim Carroll porque o Beatnik vive nel. Como dicía Allen Ginsberg: O importante non é tomar ácido, senón o que fas despois. Na Praza de Quintana naceron “X-Lyrics”, os cales publicaron “Sueño con serpientes” (rockcompostelan.bandcamp.com) con Suso Alonso (Psicofónica de Conxo, Di Elas), o stajanovista do ritmo. Ritmo e poesía. Spoken Words dende Eleusis ata Zurich-Agua (Aisatore Records, 2000). Opinante en Corea do Sur, figurante nun concerto de Radio Futura para a Televisión Francesa, pontificado en TeleMadrid, columnista en Sal y Pimienta, El País, El Mundo, El Independiente, El Sol, redactor en revistas porno e agora Podcaster blablabando da nada que non sabe en “Wild Horses” (Rock Compostelán). Tamén formou parte de Radio Kalimero (Santiago de Compostela) e de Radio Lora (Zurich). Sae nunha película “Epivanias” (sobre Roberto Piva) de Manoela Cardoso (Brasil, 2013), que podes visualizar en Vimeo.
Percorreu medio mundo ata hoxe, que cos seus 63 anos asentouse coido que xa para sempre en Brasil, dende onde me envía o seu podcast en audio de WhatsApp e eu teño que pasar a formato Wav para subir ao meu Bandcamp. Todo o que aprendeu fíxoo lendo e ollando películas e por suposto das súas vivencias por medio mundo adiante.
Un dato que me parece moi interesante e non comentei ata agora é que escribiu co famoso Santiago Segura antes de este ser coñecido, pero a J.M. Salcedo non lle gustaba a súa forma de traballar e acabou emprendendo outros camiños...
E así amigas e amigos remata esta nova historieta de 666rpm que terá continuidade no próximo número, de momento non sei con que curioso personaxe ou banda do subterráneo. Agardo que desfrutarades desta viaxe un tanto lisérxica.
