Novo Cinema Galego VI: Eloy Domínguez, a viaxe emocional
Eloy Domínguez (Simes, 1985) fala sosegadamente, como ordeando os pensamentos e saboreando as palabras. A emoción é una constante na súa vida e no seu cinema. Marchou a Suecia por amor e por amor a Compostela regresou á cidade.
Fálanos da súa relación cos seus colegas do ‘Novo Cinema Galego’, cos que asemella ter un vínculo case de familia que se apoia nos momentos duros de todo traballo creativo.
Acabas de regresar a Galicia. Como ves o panorama audiovisual galego?
Está sendo moi bo a nivel de producción. Segue sendo difícil á hora de relacionarnos coa administración para o financiamento, aínda que temos a fortuna de contar coas axudas ó talento. Agora mesmo hai dúas escalas de produción en Galicia; unha é moi pequeniña, que é na que nos movemos nós, e logo hai producións grandes de ficción. Faltaría por cubrir as producións intermedias nas que se moven algúns cineastas, de ficción máis independente. Afortunadamente levamos desde 2010, aproximadamente, (ano de “Todos vós sodes capitáns” de Oliver Laxe) producindo tódolos anos traballos que están acadando moito éxito a nivel internacional. Hai películas galegas nos principais festivais europeos.
Ademáis, nos últimos anos están aparecendo mulleres cineastas que tamén están facendo un traballo fantástico.
O resultado do cinema galego nos últimos anos contribuiu a que esas axudas se establezan e se siga producindo. O cinema galego no é un boom. Está aquí para permanecer.
Hai algo que cres que una aos directores do ‘Novo Cinema Galego’?
O cinema galego é un grupo de amigos e amigas que se axudan a nivel psicolóxico máis que de produción. Quedan para cear na casa de Ángel Santos; ven traballos inacabados do outro e danlle apoio emocional. Somos unha comunidade de cineastas e cinéfilos que teñen en común o empeño, a ilusión, o entusiasmo e unha certa cabezonería. Se hai algo que nos une é unha conexión emocional, unha certa afinidade persoal, unha actitude de cara a un xeito de facer cinema. É o que vexo en común entre todos nós porque logo a nivel creativo cada un é diferente.
En 2012 emigraste a Suecia. “Pettring” (2012) é una especie de diario autobiográfico da túa chegada. Por que elixiste ese país?
Por amor (unha resposta que non sorprende tendo en conta a personalidade de Eloy). Chamábannos os “refuxiados románticos”. Tamén marchei porque en Barcelona (onde desenvolveu os seus estudos universitarios) non atopei perspectivas laborais (sen dúbida un motivo máis prosaico pero non menos importante para emigrar ao norte de Europa).
Que aporta Suecia ao teu cinema?
É onde fixen a miña primeira curta (“Pettring”) e a miña primeira longa (“No cow on the ice”). Foron uns anos moi produtivos, de continuar aprendendo como cineasta e incluso aprendizaxe interior. A miña carreira cinematográfica naceu en Suecia, coa fortuna de que se desenvolveu alí, ata o punto de que agora vivo en Santiago de Compostela pero sigo traballando cunha produtora sueca.
Os directores do ‘Novo Cinema Galego’ caracterizádevos por formaros e desenvolver a vosa carreira fóra de Galicia. A túa obra parece moi marcada pola emigración, dis incluso que é un reflexo da túa xeración, da necesidade de saír fóra de Galicia…
A emigración é algo intrínseco á cultura galega. É verdade que moitos cineastas galegos se formaron fóra de Galicia, en Cataluña, de feito hai unha relación moi forte con Cataluña.
Cres que hai que saír de Galicia para triunfar no cinema?
Non o sei. Creo que moitos directores do ‘Novo Cinema Galego’, por un motivo máis vital que laboral, nalgún momento consideramos que era necesario saír. De feito, moitas das producións dos novos creadores españois rodáronse fóra.
Por que volves a Galicia?
Unha vez máis, a decisión vital vai por diante da decisión laboral. Eu sigo producindo cunha produtora sueca. Estou traballando en dúas películas, unha no Sahara e outra no Ártico. A flexibilidade do noso traballo e a fase na que están os proxectos permite escoller onde vivir. Sentín unha chamada para regresar, foi algo impulsivo. Por que Compostela? Estou namorado de Compostela. Sigo sorprendéndome da beleza da cidade, da actividade cultural, e teño un círculo de amigos, moitos deles colegas, cos que sinto pertenza e comunidade.