María Meijide: ALLEGRO ANDANTE dunha sinfonía de cor
María Meijide (Santiago de Compostela, 1978) recíbenos na súa fermosa vivenda da praza do Toural de Compostela. Subir as escaleiras cara ao seu taller transmite vibracións positivas que remiten a un lugar cheo de vivencias e experiencias pictóricas.
Impón respecto saber que estás fronte a unha muller que transmite paixón e para que o seu oficio de pintar é como respirar, parte natural da vida.
Convídanos a pasar cun espléndido sorriso para que compartamos por un intre o seu espazo de vida e traballo, a súa gorida.
Empezou estudando Filosofía , que máis tarde compaxinou coa carreira de Belas Artes, en Pontevedra e que rematou en Sevilla debido a que a forma de ensino nesa Facultade era máis acorde coas súas inquietudes artísticas e coa súa maneira de entender a pintura.
María Meijide é, desde hai tempo, unha muller consolidada e recoñecida dentro do mundo das artes. O seu curriculum é tan extenso que é difícil reducilo a unhas poucas liñas. Destacar que obtivo premios tan importantes como a Bolsa Tallens, Premio adquisición nos XI e XIV Certames de Artes Isaac Díaz Pardo, e varios premios en concursos de gran prestixio nacionais e internacionais.
“Viaxar, observar, rexistrar o que vexo e pintalo”
Transcorre a conversación e ímonos empapando da súa naturalidade e vitalidade. Fálanos a súa maneira de entender a pintura inherente á vida, que pintar é un exercicio hedonista porque senón non valería a pena poñerse diante dun lenzo. Interésalle o pulso que se establece entre o que sabe, o que ve e o que interpreta na súa pintura, o ritmo da percepción.
Traballa do natural e ás veces con modelos que adoitan posar para ela. Sempre sentiu a necesidade de rodearse do que pinta, telo preto para levar a cabo a súa obra. María Meijide pinta en directo e non en playback.
Posúe amplos coñecementos de debuxo e pintura, pero a súa obra non é técnica. Ela establece un diálogo co lenzo, busca unha resposta do seu interlocutor ata atopala. E así nacen as súas pinturas que respiran e latexan. A súa obra é produto do coñecemento, da investigación e da consecución dos seus retos pictóricos.
Na súa obra figuran tamén os seus cadernos de viaxe, que comezaron co proxecto Cacheiras-Dakar, resultado dunha viaxe a Senegal en 2003 e tiveron continuidade noutros moitos, entre os que destacamos De Kuala Lumpur a Beijingen 2016, De Ushuaia á Quiacaou De San Simón a San Antón, ambos en 2018.
A paleta de María Meijide vai cambiando a medida que viaxa por países como Arxentina, México, Bolivia… rexistrando a cor do que lle rodea e do que ve.
Esta muller artista, viaxeira impenitente, vive e traballa na actualidade en Compostela.
“Se te paras, perdes o equilibrio”
A súa próxima exposición inaugurarase o sábado 11 de maio en Tui e Valença do Minho. Trátase dunha exposición que ten como eixo un traballo de encarga para o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença: a elaboración dun calendario con pintura do natural ambientado nestas dúas cidades galega e portuguesa, unidas polo río Miño. Mostrará tamén parte do proceso de edición, ferros de offset, probas de cor, etc. Haberá ademais pezas vinculadas á reprodución: serigrafías, traballo en serie.
Casa & concepto é outro proxecto actual no que está a traballar xunto coa artista Lúa Gándara, onde arte figurativa e abstracta dialogan en forma de packs. Trátase dun proxecto sobre o propio proceso, que atende á creación, exposición e venda ao público de arte contemporánea popular. Inclúe vídeos, fotos e publicidade en diferentes formatos no que o seu eixo é a pintura vitalista de ambas artistas.
A gorida de María Meijide é un espazo aberto que se pode visitar con cita previa. Está en Praza Toural, 9 – 3º. Deixámosvos o seu e-mail e recomendámosvos que non deixedes de desfrutalo: soymariameijide@gmail.com