CompostelaNovas

Chévere celebra o seu 30 aniversario regresando a Compostela con tres das súas obras máis míticas

A compañía Chévere volve a Compostela para celebrar o seu trinta aniversario cunha coprodución co Concello de Santiago coa que queren agasallar ao público. Por iso vai ofrecer a posibilidade de revivir a experiencia de asistir a tres obras míticas do repertorio da compañía en tres espazos distintos da cidade só durante o mes de xullo. As tres montaxes elixidas para formar parte da coprodución co Concello de Santiago son Río Bravo, Annus Horribilis e a Ultranoite no País dos Ananos.

Chévere 3.0 foi presentado hoxe, nun acto celebrado na terraza do Pazo de Bendaña. Xesús Ron, membro da compañía, incidiu en que “celebrar o trinta aniversario en Santiago é reconciliarnos cunha cidade da que marchamos pola porta de atrás”. Ron reivindicou o papel da compañía como “defensora da cultura galega e en galego, e como exemplo de humor, irreverencia e compromiso”.

Tres espectáculos emblemáticos

A finais de xuño de 1987 Chévere actuaba por primeira vez en público e o facía na Praza dos Bombeiros de Santiago de Compostela, detrás da Escola Mestre Mateo. Trinta anos despois daquela noite de verán a compañía segue funcionando e está vivindo un dos seus mellores momentos artísticos e profesionais. Premio da Crítica de Galicia 2011. Premio de Honra da MIT de Ribadavia 2012. Premios María Casares ao Mellor Espectáculo en 2012, 2014, 2017. E Premio Nacional de Teatro 2014, converténdose na primeira compañía galega en ter este recoñecemento, o máis importante das artes escénicas de ámbito estatal, que desde 1949 recibiron apenas 7 compañías (Els Joglars, La Fura dels Baus, Ur Teatro, Teatre Lliure, Animalario, Atalaya e La Zaranda).

Os tres espectáculos emblemáticos que se van volver representar son Río Bravo, Annus Horribilis e a Ultranoite no País dos AnanosRío Bravo estreouse no Teatro Principal en 1990, e volverá ao mesmo escenario do día 4 ao 9 de xullo. As entradas, xa á venda, custan 15 euros.

En canto a Annus Horribilis, trátase dunha “pequena ópera portátil” creada e estreada en 1994, coa que Chévere percorreu toda España e tamén Portugal. A compañía traeraa ao Auditorio de Galicia entre os días 12 e 14 de xullo. As entradas custarán tamén 10 euros. Será unha representación especial, porque Chévere terá no recordo a Fran Pérez, Narf, o músico recentemente falecido que lle puxera música á obra.

Por último, o Chévere 3.0 complétase coa posta en escena, na praza da Quintana e con entrada de balde, da Ultranoite no País dos Ananos.

Con estas tres obras búscase ofrecer unha panorámica musical, gamberra e festiva do que ten sido a traxectoria artística de Chévere nos 80, nos 90 e nos dous mil. As tres ofrecen miradas dispares sobre a Galicia desta época e as tres foron creadas en colectivo e contaron co apoio de milleiros de espectadores e espectadoras. Montar estas tres obras tamén é un agasallo para a cidade de Compostela, fogar e paisaxe emocional ao longo de tantos anos. Quen queira velas de novo, terá que vir á nosa cidade. Non se verán xuntas en ningún outro sitio.

Como extensión dos actos de celebración centralizados en Compostela, tamén durante o mes de xullo, a Mostra internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acollerá unha función de Río Bravo o día 1 de xullo, mentres que a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia programará Annus Horribilis o día 16. Este espectáculo estará tamén presente no Tom de Festa de Tondela (Portugal) o 15 de xullo.