fbpx
A CoruñaGastronomíaTurismo

14 establecementos coruñeses logran a distinción de calidade turística SICTED

A Coruña estrea os primeiros selos de calidade turística SICTED. Un total de 14 establecementos da cidade obteñen esta distinción. O Comité de Calidade e Distincións SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos), da Secretaría de Estado para o Turismo, comunicou nunha reunión celebrada en Madrid a aprobación e tramitación dos distintivos para estes establecementos e servizos turísticos tras pasar correctamente o comité de distinción e as avaliacións de calidade pertinentes. É a primeira vez que A Coruña se presenta para esta distinción.

Os establecementos e empresas que lograron o selo SICTED son: Rubine.net, A Coruña Convention Bureau, Hotel Riazor, Global Azaga, Eclectic, MEGA Mundo Estrella Galicia, Pencil&Fork, EXPOCoruña, Torre de Hércules, Centro de Interpretación e Atención ao Visitante-Oficina de Turismo, Viajes Embajador, Turismo da Coruña, Palexco e Hotel Attica21 Coruña.

O selo SICTED púxose en marcha hai oito meses para o Destino A Coruña por parte do Concello, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da cidade. A Mesa de Calidade de Turismo da Coruña constituíuse e reuníuse por primeira vez en maio na Coruña e propuxo aos primeiros servizos turísticos da cidade para obter o selo.

Un total de 47 establecementos e empresas incorporáronse a este proceso, desde o seu inicio, para lograr a distinción SICTED; 14 acaban de conseguilo e os demais continúan coa formación para próximas avaliacións.

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado do Turismo (SETUR), co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que traballa con Servizos Turísticos de 36 oficios diferentes, co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción do turista. Turismo da Coruña sumouse como destino SICTED o 22 de novembro de 2022.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña

Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.