Por Santiago e de tapas!
O Santiago(é)Tapas é unha escusa fantástica para ir de bares! Porque en novembro chove, fai frío, pégansenos as mantas ou dóennos os cadrís… Cousa que en agosto non nos acorda, claro! Pero así este certame, os seus petiscos, os cócteles do Santiago(é)Cóctel -que tamén o hai- e os nosos bares e camareiras(os) favoritos son un reclamo para despegarnos do pixama e do sofá e saír gozar da boa gastronomía, do bo facer dos locais picheleiros e de reunirnos ao redor dunha mesa cos nosos ou cos de fóra!
Porque en realidade para que serve este concurso que organiza a Asociación Hostalaría Compostela e promove Turismo de Santiago?! Pois por se non o tiñamos moi claro, o equipo Pincha, que somos moi de bares, enfundámonos de fame e puxémonos as botas! Consultando entre algunhas persoas das que enchen os bares, estes días, velaquí que as respostas son bastante riquiñas, heteroxéneas e dan un pouco a risa e a fame, sempre!
-Para que serve Santiago(é)Tapas? -Para aprender a distinguir ingredientes.
Como quedades?! Pasmados, polo menos. (hahaha) Esta foi unha das miñas respostas favoritas. Porque aínda que non o pareza no tempo de ocio, vives moitísimo, reláxaste, compartes e aprendes! Algúns ata traballamos, aínda andando de lecer! E as respostas a unha pregunta que parecía bastante simple fálannos de entender políticas desenvolvidas polos concellos e por entidades privadas nunha localidade, para promover o dinamismo na cidade; descríbennos a cociña tradicional, o labor das persoas que están detrás do lume e das potas nos locais, creando, experimentando; revélannos a importancia da amizade, de socializar, de compartir…
-Para que serve Santiago(é)Tapas?
-Para animarte a quedar cos amigos, porque cando tes fillos ou xa tes unha idade coma nós… Case 40 anos (que ataque tan gratuíto!) Pois tes como máis pereza. (Non me consta!)
-Para que os hostaleiros dean a coñecer a súa gastronomía.
-Para que novos locais se presenten e para coñecer eses novos locais.
-Como escusa para quedar. Somos un grupo de amigos disperso e diverso que quedamos todos os anos, si ou si, para o Santiago(é)Tapas!
-Pois para… Todo o que sexa dinamizar a cidade é xenial!
-É unha boa iniciativa, mesmo para os que saímos pouco. É un aliciente, para coñecer novos garitos, probar cousas diferentes.
-É un beneficio extra para os locais, porque moitos imos probar a tapa e outros xa aproveitan para picar algo, comer, cear…
Cambiamos de póla e aumentamos a dificultade da pregunta, aumentan tamén as risas e a fame xa sabedes que nunca diminúe…
-Como escolles a ruta? (Atentos que para gustos, cores!).
-Pois segundo a pinta da tapa.
-Por zonas que nos deixen aparcar preto dos locais.
-No meu grupo polo tipo de tapas, tipo veganas.
-Nós imos a polas aptas para celíacas…
Á pregunta de se o tempo inflúe?! Xa sabemos que resposta é si. Pero que en Santiago chove é un feito e que o Santiago(é)Tapas é un reclamo tamén é un feito e evidente, meu querido Watson!
E pensades que xente fai as rutas, vota, participa?!
Dende a organización contáronnos que xa se repuxeron as papeletas ao pouco de empezar. A primeira fin de semana os bares luciron ben cheos. Hai moito movemento nas redes, a xente sube as fotos e etiqueta o concurso. O feito de vir dun ano horribilis tamén axuda a ir pola vida con esa ansia de saír a rúa, de recuperar o noso espazo, de ir de bares, de andar de lerele, de ter contacto coa xente, de tropezar nos locais…
Eeeh! E vouvos dicir que a xente estuda o mapa que aparece no chamado Tapasporte! O que máis e o que menos, nalgún momento axexa quen hai, que preparan, onde están os seus bares, que nomes raros teñen as tapas, canto alcohol levan os cócteles…
Outro descubrimento é que cando votas, o do lado está sempre metendo nos fociños na papeleta, a ver que pós!! (hahaha peor que nas eleccións á Xunta, chico).
Porque para os locais e para a xente non só é venda ou consumo, está o modo competición. A todos nos pica saber quen vai gañar, que tapa está máis boa. Todos lles poñen moito agarimo, coñecemento, creatividade e produto rico, riquiño.
A realidade é que hai discusións entre os grupos de colegas e todos esperamos aos resultados, para poder levar a razón e poder volver comer a tapa, quizais… Ou probarlle a seguinte o ano que vén! Tamén están os que fan porras, as persoas que todos os anos son as primeiras en acabar unha ruta, os interesados en levar o premio e o que se sortea…
E xa vos digo que non só están os de Santiago, acompáñanos os que veñen ás festas! Aquí fala unha que se sentou en distintas mesas con xente de Vigo, Padrón, Ferrol, Melide, Lalín e Arzúa e fáltame algún que aínda terá que vir. Porque xa sabedes que comer e rañar é todo empezar. E xuntar Santiago e as súas tapas hai que facelo, aínda que sexa unha vez ao ano, no Santiago(é)Tapas!.