CompostelaGaliciaGastronomíaReportaxesTurismo

Un alto no Camiño en Arzúa Centro

Arzúa Centro xurdiu como un plan B para o matrimonio de María Elena Barrán e Ricardo Pampín, cuxa economía atravesa un momento complicado, como a de case todos, nos mundos actuais. “Non había moito traballo e decidimos buscar outras opcións, unha alternativa”.

— Eu hai anos que traballo na hostalería. (Di ela).

— Eu ningunha, primeira cousa que fago. (Responde el).

Interrómpense entre risas.

A competencia turística no Camiño de Santiago non é broma, vivimos nun apoxeo que segue medrando, dende hai uns anos, e hai moitas voces que se alzan en contra de como se está levando o tema. Ultimamente fálase cada vez máis do incivismo, de se as vivendas de uso turístico provocan que non haxa alugueres ou de se botan aos habitantes das cidades... Sen embargo en concellos da contorna de Compostela ou máis rurais (que veñen sendo todos ata Lugo), aínda que tamén se discute o tema, recoñécese como unha industria alternativa, a industria do peregrino, como a chama algún alcalde.

Vedes este problema vós?

— Neste edificio son tres pisos que funcionan como vivendas de uso turístico. Co cal non hai veciños. Están enriba dun bar, en pleno paso de peregrinos e con moito movemento a diario, pero son moi tranquilos. Non temos queixa nese sentido, pero entendemos todas as casuísticas. É verdade que é un negocio e que dá de comer a moita xente no Pino, Arzúa, Palas... É innegable! E nós acabamos de aterrar, para probar e ver se é verdade.

Como vedes o comezo?

— Coma todo é complicado...

Interrómpense novamente (é o que ten o matrimonio... Chisco, chisco e gargalladas!)

— Para o que non sabe facer unha cama ben, en tempo... e a limpeza, a inexperiencia... (Di el).

— Eu non teño ese problema. (Remata ela).

Rimos abondo!

— Pero ao principio é un pouco difícil, porque non sabes se vai haber entradas, como vai a reaccionar a xente. Levamos un mes. Pero bastante ben. Hai semanas baixas, pero para estar empezando... (Razoa moi positiva ela).

— Podería ir mellor, estamos en pleno apoxeo, hai moita xente diariamente polo Camiño de Santiago... (Lamenta el).

Unha conversa moi galega como vedes. Chea de ironías e de contradicións. De contrariedades e de retranca...

Que tedes ou que fai diferente a Arzúa Centro como para escollelo?

— Compensa máis xuntarse no Camiño e quedarse nun piso!

— É máis cómodo, non é moito máis caro.

— Tes máis privacidade. Tes dous baños, dúas camas por habitación...

— Hai unha cociña, ofrecemos un almorzo sinxelo e os apartamentos teñen un espazo de confort, cunhas mesiñas, un sofá, a tele, hai xogos de mesa, hai lectura...

Non tedes wifi. Lino nos comentarios. Non supón un problema?

— Pois non o imos poñer!! (Non hai pé a discusión. Xa o constatou ela. Agora sabedes quen manda!)

Por que?

— Porque mira, hai moita xente que aprecia os detalles e que vén facendo o Camiño doutro xeito e cando compartes e convives, pois a relaxación dana outras cousas e non o móbil ou a internet... Un bo libro!! Unha partida ao parchís... Conversar!!!

Xa imaxinaredes que ten que gañar a partida, non? Porque xa coas cartas houbo algunha discusión para coller para facer escoba... Ha, ha, ha! 

E hai que facer aquí un apunte, os libros dispoñibles para os hóspedes de Arzúa Centro pertencen á familia que fai de anfitrioa, igualmente o parchís, unhas damas de madeira que fixo Ricardo e o resto dos xogos. Non falta un número de Pincha en cada cociña, tampouco... Non sei, pensádeo... Non vos gustan máis, xa? Ha, ha, ha! (Rebe ti non poderás negalo!). Din que comparten o que a eles lles gusta e as afeccións que teñen.

Que credes que valora máis a xente ou que valorades vós?

— A limpeza. Sen dúbida. Aquí vai ser un punto forte. Os pisos están noviños, moi limpos, moi coquetos... E nótase nas valoracións. E cando imos por aí, aínda que sexa pouquiño, dende logo é un requisito imprescindible.

Os comentarios son bos?

— Non reacciona todo o mundo igual, porque cada un busca cousas diferentes. Pero na nosa descrición xa avisamos que non somos un hotel. Nós non temos recepción. Non hai persoal 24 horas. Hai unha serie de elementos que diferencia uns establecementos de outros. Nun hotel ou nunha pensión tes diferentes comodidades. Nun albergue é outro xeito de quedarse no camiño. Aquí o máis importante é compartir espazo e a experiencia... Pero si, son bastante bos. Estamos moi contentos.

A xente que reserva Arzúa Centro viaxa xunta?

— Pois mira, algunha viaxa xunta dende o inicio e outra viaxa xunta polo camiño. Tivemos familias, grupos de amigos e peregrinos que coincidiron uns nos camiños dos outros. Xente que fixo estancias laborais.

E son daquí ou veñen á festa? (Rimos!)

— Pois os que se quedaron polo San Xoán non eran de aquí, que eran murcianos, pero quedaron na festa, no lume e todo!!

Ah, si? (Gargalladas).

— Si, quedamos moi sorprendidos! Contáronos que eran catro irmáns facendo o Camiño co seu pai, mandaron fotos... Moi emocionados quedamos! Varias persoas viñeron por traballo e sempre lle recomendamos que proben o queixo de Arzúa, que beban unha cervexa galega e a verdade é que as interaccións son xeniais e inesquecibles! Atopas moitas historias no Camiño, non imaxinabamos que ía ser así... Os que somos de aquí, somos bastante escépticos con isto do espírito do Camiño. Moitísima xente viaxa con nenos, o cal é toda unha aventura e eles uns valentes! Hai xente de todas as idades e nacionalidades... E non levamos nada, aínda. Empezamos antes de onte.

Imaxinabádesvos traballando nun establecemento turístico?

— Eu xa levo moito tempo de camareira de pisos, traballei na cociña de algún restaurante. Pero non así, a verdade.

— Eu non, dende logo. Pero estou aprendendo. Teño boa profesora.

María Elena fai 60 anos nuns días e é camareira de pisos a xornada parcial. Ricardo cumpre 60 anos nuns días, é autónomo e fai e monta rótulos.

A ela non lle vén nada de novo: Axúdao coa compra dos produtos para o almorzo, puxo semprevivas nun frasquiño en cada habitación, ensinoulle como facer as camas e a deixarlle toallas preparadiñas, aínda que el enróscaas, en vez de deixalas dobradas... El fai as changas, arranxa, pinta, pega, fai camas, limpa. Nisto último ensínalle ela. O máis difícil colocar a funda do nórdico, ten unha táctica infalible, pero hai que mellorar os tempos. E fregar os baños... Iso creo que non nos pode gustar a ninguén!: “Non pode quedar un pelo, nunca! Coidado cos pelos. E que non che entren moscas!” Ha, ha, ha! Esta frase, como saberedes é da profesional, dela!

Mentres o debate  das vivendas de uso turístico, dos comportamentos dos peregrinos e do tipo do turismo que queremos ofrecer en Galicia segue aumentando, en Arzúa Centro, Ricardo e María Elena andan e comparten este novo camiño.

Fotos: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.