fbpx
A CoruñaCulturaNovas

Seis compañías galegas actuarán no XII Encontro Titiriteiro esta fin de semana en Betanzos

Unima Galiza, asociación profesional do sector galego dos monicreques integrada na Unión Internacional da Marioneta, celebrará en Betanzos entre o venres e o domingo o seu XII Encontro Titiriteiro. Tras cinco anos de interrupción, Unima Galiza recupera as súas xornadas profesionais, cuxa última edición tivo lugar en Mondoñedo en 2019. Para a entidade supón saldar unha débeda o regreso desta actividade profesional que significou un punto de encontro e de intercambio de opinións para o gremio dos monicreques en Galiza. Así o explicou  Ton Arenas, presidente da Unima Galiza, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. Ademais do apoio do organismo provincial, Unima Galiza conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e Concello de Betanzos.

O XII Encontro Titiriteiro, afondou Arenas, combina as mesas redondas destinadas aos profesionais do sector coas actuacións abertas ao público. Neste renacer do Encontro Titiriteiro celebraranse debates sobre dous temas en concreto. O primeira deles versará sobre os monicreques na programación cultural e celebrarase entre as 11 e as 12.30 horas do venres. Tras o seu desenvolvemento, os participacións elaborarán as conclusións. E o mesmo se fará ao día seguinte coa mesa sobre monicreques e formación que se celebrará o sábado entre ás 11.00 e as 12.30 horas.

Funcións na rúa e no Auditorio

Seis compañías galegas actuarán dentro do XII Encontro Titiriteiro de Unima. A primeira delas será Títeres Alakrán, que ofrecerá o venres ás 13.00 horas un pase do seu espectáculo O Xigante Barriga Verde na Praza dos Irmáns García Naveira.  Este céntrico espazo recibirá tamén ás 20.00 horas A Xanela do Maxín, formación que representará para o público familiar a súa obra A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. Por último, ás 22.00 horas, Mircromina Teatro representará na mesma praza a súa peza Raio de Loubicán.

O sábado ás 13.00 horas chegaralle a quenda a Títeres Cascanueces, que na mesma praza, lle ofrecerá ao público betanceiro a súa obra Unha Armadura de Ferruxe. Xa pola tarde, entre as 19.00 e as 20.00 horas, a Alameda do Liceo acollerá a Feira das Variedades, unha ducia de pequenos teatros diferentes se instalarán para representar os máis variados espectáculos da man de distintas compañías de artistas.

Pola noite, ás 21.30 horas, o Auditorio Xulio Cuns acollerá a entrega do Premio Unima Galiza a Isabel Rei Pousada, integrante da histórica compañía Os Monicreques de Kukas. Tras a entrega, Carmen Domech ofrecerá o seu esperctáculo Picassos animados.

Xa o domingo, ás 13.00 horas, na praza dos irmáns García Naveira terá lugar a función de clausura deste XII Encontro Titiriteiro. Precisamente, a xa mentada Os Monicreques de Kukas poralle o ramo a estas xornadas coa peza Xan Perillán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.