Leticia Rey: “Estou onde quero e coa xente que quero, se quixera outra cousa tería que facer outro tipo de música”
Por Silvia Castiñeiras
Que curioso resulta falar de luces e sombras cunha persoa que desprende tanta luz. Que valente coller a escuridade e sacala precisamente á claridade, como o artista que pinta e debuxa zonas sombrías porque son necesarias para que resalten eses outros puntos que atraen a nosa mirada, unha harmoniosa convivencia.
Leticia Rey ten ese poder, o de saber poñerlle o brillo preciso ás súas cousas, primeiro co seu disco ‘Lux’ e despois cun EP que aínda está por publicarse, ‘Danza Luz’, con seis temas saídos das súas profundidades para chegar a resplandecer.
Falamos coa cantante e compositora, natural de Vila de Cruces (Pontevedra) na Vinoteca Jaleo da Coruña, cidade na que vive e na que seguramente tamén revive. Conversamos da música e da vida, dos medos, das ilusións… e rimos!
Aínda sabendo que as etiquetas non gustan, como te definirías como artista?
Pois é certo que é un problema etiquetarse, porque é normal que as etiquetas sirvan para que os seres humanos vivamos un pouco máis comodamente, é algo funcional, pero eu lévoo horrible. Eu por definición son cantautora, pero identifícome máis como cantante e compositora, porque como cantautora venme unha imaxe que non creo que se corresponda coa miña, creo que non encaixaría nese xénero cantautor. Así que compositora e intérprete.
E como compositora sempre son teus os temas dos teus traballos?
Si, compoño eu sempre, pero xustamente no EP que aínda está por saír vai haber peciñas entre os temas que non son composicións miñas. Nos proxectos anteriores si foron todos temas meus, pero neste incluímos unha especie de traxectos entre temas, que así lle chamamos, que son composicións dun dos músicos, Benxamín Otero, que toca o corno inglés e o óboe.
Como foi ese traxecto entre o disco anterior e este novo proxecto?
É unha metamorfose total, polo simple feito xa de que o disco anterior, ‘Lux’, está practicamente todo en inglés e este está todo en galego, que xa é o primeiro gran cambio. En ‘Lux’ hai un tema en galego pero que en realidade non se correspondería conceptualmente con ese disco, e ese tema, ‘Baleiro’, é parte deste novo EP.
Por que ese cambio ao galego entón?
Eu fixen filoloxía inglesa e tiven sempre unha conexión moi bonita e moi profunda co inglés, e sígoa tendo porque non deixei de estudar e aprender, ademais de dar clase. Sempre escribín en inglés e non o vou deixar de facer, pero a verdade é que cando compuxen o primeiro dos temas deste EP veume unha harmonía que pensei… isto está nesta lingua, en galego. É que soaba a que ese tema estaba en galego, e a partir de aí fun cosendo outros temas tamén no noso idioma e estou moi orgullosa porque eu son galegofalante.
E quen te acompaña para poñer en escena esas cancións?
Na miña banda actual están Iago Mouriño, o pianista, marabilloso a todos os niveis, como pianista e persoa, un gran músico. Logo está Benxamín Otero que toca o corno inglés e o óboe, con sons diferentes que lle dan un toque especial ás cancións, e un acordeonista bielorruso que… teño que acordarme de preguntarlle como se pronuncia ben para presentalo nos concertos (risas), Vadim Yukhnevich (e eu de como se escribe). Esta é a nova formación na que eu poño a voz, desta despréndome da guitarra.
Nas túas redes, nótase moito a admiración que tes por eses músicos…
Si, eu son superfan dos meus músicos, desta banda e da que me acompañou antes e dos músicos en xeral que algunha vez teñen tocado ao meu lado. Teño moitísima sorte cos músicos que me rodean, antes e agora. Teño a inmensa fortuna de contar cos mellores músicos de aquí, sempre me sinto superben acompañada. Para min é moi importante que haxa bo rollo e boas persoas. Curiosamente sempre vai da man o de ser boa persoa e un grandísimo músico, xente superhumilde cunha enerxía marabillosa.
É que estou rodeada de persoas enerxicamente estupendas e grandísimos profesionais. Eu calo frases porque quero escoitalos tocar, estou no meu concerto escoitando o meu propio concerto, porque os quero oír e digo, veña deleitádeme, é moi bonito.
Segundo os ciclos vitais de cada persoa, supoño que as letras tamén van variando… En que momento te colle este novo EP?
Mentres que o anterior disco é un disco de luz, este é de luz sombría ou de sombra mesmamente. A temática mudou nese aspecto porque neste disco fixen algo moito máis escuro, quero expresar unha especie de aceptación desta sombra humana que todos temos dentro, é dicir, todos temos pensamentos horribles, sentimentos desagradables, cousas politicamente incorrectas, a parte do subconsciente que se manifesta no consciente, os problemas de saúde mental, a parte imaxinativa, todas as feridas emocionais que todos arrastramos… Todo isto son cousas que están aí e intento expresar esa aceptación, non resignación cristiá, aceptación consciente de saber lidar con esas partes que tiran de min e que me fan sentir mal.
A música é un pouco terapia entón?
Para min, moitísimo, sinto moita liberación cando canto estes temas. Eu atorméntome moi facilmente e cantar estes temas, sexa o que sexa o que me preocupa en cada momento, libérame, é como abrir a porta de atrás e saír. Teño o desexo de que alguén que escoite e lle pase o mesmo sinta que esas cancións lle axudan como a min. Ufff… iso sería contribuír de verdade ao mundo, sería moi fermoso.
Ademais, creo que co debuxo descubriches case que outra ‘terapia’ creativa?
Pois efectivamente, foi nunha crise existencial tremenda cando decidín meterme na Escola Picasso da Coruña porque é unha escola de artes e eu tiña ganas de aprender a debuxar, ademais de que leo moito sobre Historia da Arte. Empecei clases de debuxo para preparar as probas de acceso e foi enriquecedor descubrir como me manifesto eu noutra aprendizaxe artística, que hai moitas cousas compartidas. Ter varias vertentes está ben, pero tes que adquirir ferramentas para poder expresar o que levas dentro e a min aínda me saen churros co do debuxo, pero espero aprender máis e máis… (máis risas).
Ao fío disto, estou recordando a temática das túas cancións, porque xa sabes que nisto do debuxo precisamente a luz e a sombra é esencial…
(Leticia volve a rir entusiasmada) Mira, a miña profesora e grandísima amiga María Maquieira, a que formou para as probas das que falaba antes, faloume precisamente de Turner, o pintor, da súa paixón pola luz e de que en toda sombra hai luz. Encántame o concepto , a sombra xérase da proxección da luz sobre algo…
Para finalizar imos ir ao principio… A día de hoxe como resumirías o teu camiño dende que sendo nena te interesaches por este mundo da música?
Foi un camiño complicado a nivel interno porque a min costoume moitísimo superar un montón de demos internos que me bloqueaban á hora de mostrarme cantando, teño unha canción sobre iso. E para sacar os meus temas vaia drama! Axudoume moito o meu mestre de canto.
Aos 11 anos comecei a formarme en música pero era como dar voltas a rotondas. Empecei con piano, que xa pouco me acordo, logo a guitarra que foi mellor, pero finalmente isto desembocou onde tiña que facelo, no estudo da voz, que era o que a min máis me latexaba. A min dábame tanta vergonza e tanto medo… Ao final, con 19 anos, fai dez, comecei a estudar na Coruña co meu mestre actual, Fernando Balboa, con quen sigo aí dándolle caña. Aínda continúo formándome e espero seguir moitos anos.
E xa a nivel externo pois ti vas desexando cousas e despois van ocorrendo outras (volven as risas). Eu mudeime á Coruña para intentar abrirme camiño, tampouco coñecía a ninguén, veu a pandemia polo medio… e aí coñecín moita xente, beneficioume nese aspecto porque todo o mundo estaba en redes e empezou a coñecerme máis. Agora mirando atrás penso que abrazaría moi forte á nena que quería iso, e agora, lonxe de soños de encher estadios ou querer outras cousas, que para iso tería que cantar outro tipo de música que non me interesa, estou feliz onde estou e coa xente coa que estou, porque estou onde quero e coa xente que quero.
“Teño o desexo de que alguén que escoite e lle pase o mesmo sinta que esas cancións lle axudan como a min”
ACENDENDO AS LUCES
Que máis che gusta da Coruña?
Que haxa oferta cultural jazzística e cultura musical en xeral, incluída a música clásica. Encántame por exemplo o Jazz Filloa que parece que estás en Nova York nos anos 20. Isto á marxe do mar claro…
Un libro que te marcara?
Parece que vou a comisión porque sempre falo deste libro (risas) que me cambiou a vida. Chámase “El camino del artista” de Julia Cameron. É como un curso creativo en libro para desbloquear a creatividade e axudoume moito na pandemia, compuxen moito nese momento.
Que música che gusta escoitar?
Hai dous grupos de cabeceira para min, que me encantan e escoito en bucle e non me canso. Levo dende os 16 anos a tope con eles: Led Zeppelin e Berrogüetto, que se separaron xusto no ano no que os descubrín, vaia.
Outras afeccións ademais da música?
Ademais da música, gústame debuxar e pintar, tamén leo un montón e gústame experimentar coas sobremesas. Sáenme bastante ben sorprendentemente, bastante decentes teño que dicir.
Unha actuación especial para ti?
Un concerto que fixen na Cidade da Cultura, no ciclo Matinais Musicais, foi dos concertos que máis desfrutei. Non sei que pasou alí pero despois falamos todos de que parecía que estabamos nunha burbulla, foi moi bonito. E tamén outra actuación que fixemos nas Pontes, que se me quedou gravada.