CompostelaCulturaNovas

Tesouros reais, a sorprendente exposición que non podes perder na Cidade da Cultura

Aínda non visitaches a exposición Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum na Cidade da Cultura? Esta mostra internacional, que achega a Compostela o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, inaugurouse en marzo e poderá visitarse ata o 4 de agosto.

Composto de doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos, é a primeira e única vez que estas pezas se poden ver en España! Ademais, a entrada para o Museo Centro Gaiás é libre e gratuíta. Só é preciso reservar praza para as visitas guiadas.

Pezas únicas de incalculable valor

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, Custodia Franciscana de Terra Santa e a Fundación Gulbenkian organizan esta espectacular mostra, que ten como eixo central as doazóns que as casas reais europeas fixeron á Basílica do Santo Sepulcro en Xerusalén ao longo de medio milenio para manifestar a súa devoción católica.

A exposición amosa parte deste tesouro artístico, composto por valiosos obxectos relixiosos de metais e pedras preciosas, cálices, ourivería, códices, ornamentos, vestiduras sacras de rara manufactura… Pezas únicas de incalculable valor que foron custodiadas durante máis de 800 anos, desde a chegada dos franciscanos a Palestina, pero que raramente puideron ser vistas polo gran público.

Así, entre as pezas que podemos ver nesta mostra, destacan a estrela de prata que sinala o lugar de nacemento de Xesús, un retrato de San Francisco que se atribúe a Zurbarán, unha maqueta da Basílica do Santo Sepulcro, o báculo do Rei Sol, Luís XIV, unha lámpada de filigrana de ouro de menos de dez centímetros de diámetro ou o cáliz enviado por Felipe II a Xerusalén en 1587, que é un dos obxectos máis antigos asociados a un monarca que se conservan en Terra Santa.

Obras de máis de catrocentos anos de antigüidade que raramente saíron de Xerusalén, exhibidas no 2013 no Palacio de Versalles e no Museo Calouste Gulbenkian, en Lisboa, entre novembro de 2023 e febreiro de 2024.

Tras o seu paso por Compostela, a mostra viaxará a outros dous destinos internacionais aínda por anunciar, en Europa e Estados Unidos. Posteriormente, estas obras comporán o núcleo da colección histórica do Terra Sancta Museum, que prevé abrir as súas portas ao público na cidade vella de Xerusalén.

Historia e arqueoloxía

Tesouros Reais permite tamén percorrer a historia da Basílica do Santo Sepulcro e o papel da Custodia de Terra Santa, a comunidade de frades da Orde de San Francisco que se asume como gardiá deste singular patrimonio arqueolóxico, artístico e litúrxico.

Na súa estadía en Galicia, a exposición complétase con pezas arqueolóxicas, pictóricas e outras obras senlleiras de institucións galegas como o Museo de Terra Santa do compostelán Convento de San Francisco e o Museo das Peregrinacións, e tamén de fóra de Galicia como o propio Museu Calouste Gulbenkian. O proxecto achégase así ao nexo que une tres grandes cidades de peregrinación como son Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.