CompostelaCulturaNovas

O Outono Códax levará en novembro á Capitol e Riquela Club un cartel internacional de soul, garage, rock e blues

The Sadies.

Reafirmar e sorprender, desfrutar e descubrir, evocar e lembrar, abrir as xanelas ao futuro e manter un ollo no pasado, emocionar e conmover, acoller o descoñecido e abrazar o de sempre… Todas elas son cuestións que definen a esencia e o espírito do festival Outono Códax, que dende hai 16 edicións ven achegando a Galicia a nomes que xa son verdadeira lenda das músicas de raíz afroamericanas xunto a artistas emerxentes, que en moitos casos, o eran cando visitaron o festival pero que agora xa son figuras consolidadas de renome internacional.

A edición de 2026 do Outono Códax -que se celebrará nas salas Capitol e Riquela Club, en Santiago, entre o 7 e o 28 de novembro- representa fielmente ese espírito. Cun cartel que destaca pola enorme personalidade e diversidade das súas propostas (con bandas procedentes do Canadá, EE.UU., Reino Unido, Francia e da escena galega) e por unha decidida apertura cara a territorios sonoros nos que conviven o soul contemporáneo, o garage rock, o afropunk, a psicofonía alieníxena e o rock de raíces tradicionais.

Un ano máis, o Outono Códax reafírmase como o gran punto de encontro para os amantes das músicas de raíces e dos directos máis excitantes e viscerais.

Oito datas con doce formacións protagonizarán as citas musicais desta edición. Entre os grandes fitos deste ano sobresae o regreso do incombustible shouter norteamericano Barrence Whitfield, quen se unirá nunha alianza incendiaria aos británicos MFC Chicken para revivir o salvaxe rhythm & blues dos seus inicios. Así mesmo, a lenda canadense do garage-psych e bluegrass, The Sadies, demostrarán en Santiago por que ostentan o título dunha das bandas en directo máis feroces e respectadas do planeta. E tamén no ámbito das lendas hai que sitúar a presenza de The Fuzztones, auténticas deidades neoiorquinas do revival garage.

Kitty, Daisy & Lewis.

A presente edición concede ademais un espazo privilexiado aos grupos que lideran a renovación dos xéneros clásicos en Europa e América. É o caso de DeRobert & The Half-Truths, cun son que bebe do soul, o funk, o rock dos irmáns londinienses; dos irmáns londinienses Kitty, Daisy & Lewis, un trío de virtuosos multiinstrumentistas admirados por figuras como David Lynch ou Amy Winehouse, do soul sedoso e profundo do francés Tiwayo(producido por Adrian Quesada de Black Pumas), ou de MRCY, a formación británica destinada a ser o próximo gran nome do soul contemporáneo no Reino Unido.

A vertente máis lúdica, bailable e insólita chegará da man dos espaciais HENGE e a súa estimulante fusión de rave e rock progresivo, o crisol de tolemia vudú e garage-punk de Oh! Gunquit, o enérxico trío de rock francés Howlin’ Jaws e a potencia vocal e guitarrera da canadense Terra Lightfoot. Como xa é tradición, o festival non esquece o talento máis próximo, encabezado este ano pola psicodelia afropunk de raíces arábigas dos estradenses Skanderani.

Un ano máis, o festival impulsado por Raíña Pro e A Reixa, e baixo o apoio e colaboración de Bodegas Martín Códax, achegará a Compostela propostas que, baseándose na autenticidade, conectan o legado musical clásico co pulso cultural dos nosos días. O evento conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.

Os abonos para os 5 concertos da sala Capitol xa están á venda online a un prezo de 59 euros (+gastos de xestión), para os 70 primeiros compradores. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.