CompostelaCulturaNovas

A cidade vella de Compostela soará ao ritmo do Feito a Man do 4 ao 22 de agosto

Feito a Man 2026

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou este luns a XXIII edición do festival Feito a Man, que este ano encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella do 4 ao 22 de agosto, organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella co apoio do Concello de Santiago e o patrocinio da Deputación da Coruña.

Na rolda de prensa, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, participaron tamén  a directora do festival, Ánxeles Porto, e o presidente da Asociación Cultural Cidade Vella, Jesús Pais.

Míriam Louzao destacou que o Feito a Man se converteu xa nun elemento imprescindible da paisaxe urbana da cidade histórica no mes de agosto, que aproveita a sonoridade das rúas e prazas compostelás e ofrece “un espectáculo de escala humana que nos recorda a grandeza do pequeno”.

Pola súa banda, Ánxeles Porto, puxo o foco no cartel do festival, obra da música e ilustradora compostelá Gloria Pavía, que rende homenaxe a Narf no décimo aniversario do seu pasamento. Sinalou tamén a diversidade de xéneros que inclúe a programación e o pulo á calidade, con propostas como o art rock británico de Chop Chop; o groove, funk, disco de Muaré; os sons brasileiros de Mirla Riomar; a impronta do saxofonista cubano Yosvany Terry Quartet; ou o jazz galego e estadounidense do Alma Micic Trío.

Na mesma liña, Jesús Pais subliñou a importancia que acadou este festival a nivel de da dinamización cultural da zona vella, que este ano ofrece 30 concertos, e agradeceu a contribución do Concello e a Deputación á súa sustentabilidade.

Programación

A programación contará con recoñecidas propostas galegas como Ruxe-Ruxe, Allo Negro, Seixo, Saibran, Muaré, Mother Pearl & The Rockin’ Rebels ou Océano Eskizo; e algunhas chegadas doutras latitudes como como Yosvany Terry (Cuba/EE.UU.), Alma Micic Trío (EE.UU./Galiza), Mirla Riomar & Marcel Vallès (Brasil/Catalunya), Manu Sija e Vic Nogueira & Naxo Ganin (Arxentina) ou Chopchop (Reino Unido).

Fiel ao seu carácter aberto e ecléctico, Feito a man volverá transitar por estilos que van dende o jazz, o rock, o hard rock ou o blues ata a música tradicional, o reggae, a electrónica, o funk, o soul ou as músicas de raíz de distintos lugares do mundo. A programación complétase cunha aposta polas artes escénicas, con espectáculos de improvisación teatral e musical, e cunha actividade de reflexión arredor do medioambiente a través da proxección do documental A terra por gañar. Unha historia do ecoloxismo galego, seguida dun coloquio.

Organizado desde 1987

O festival está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. É posible grazas ao apoio do Concello de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña e conta, ademais, con diferentes empresas coas que vén colaborando nos últimos anos, entre as que destacamos Estrella de Galicia como cervexa oficial do festival.

Actualmente, os establecementos organizadores son Camalea, Modus Vivendi, Atlántico, Chocolate, O Pozo, Casa das crechas, Literarios, A Gramola, Borriquita de Belém, Xuntanza, A Reixa, Momo e O Galo D’ouro.

Localizacións

A Praza de Feixóo, a Rúa de Xelmírez, a Praza da Quintana ou San Paio de Antealtares son algúns dos catorce espazos da cidade histórica nos que se poderá gozar de música ao vivo.

O Feito a man 2025 dará comezo o día 4 de agosto na Vía Sacra coas actuacións de Susto que flipas e Ruxe Ruxe, e con The Spoonfuls en San Paio de Antealtares; e rematará o sábado 22 na praza de San Martiño Pinario coa sesión “Vermú Veciñal” con e con Mad Martin Trío na Rúa Santo Agostiño-Ameas.

A programación completa pódese consultar na web do festival: www.festivalfeitoaman.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.