O Hola Nola Lab-Festival volve a Compostela do 16 ao 19 de setembro

Xa están á venda os abonos para a nova edición do Hola Nola Lab-Festival . Do 16 ao 19 de setembro de 2026, Santiago de Compostela converterase nun laboratorio vivo de sons e ideas, cun programa que reúne concertos, encontros e actividades paralelas en diferentes espazos da cidade.
Este festival nace como un acontecemento aberto e imprevisible, un espazo de encontro onde músicos e público comparten escenario, experiencias e conversacións arredor da música e da cultura.
Cunha programación ecléctica e sen fronteiras, o festival aposta pola mestura de estilos e influencias, desde os sons máis próximos ata expresións musicais universais, afastándose de etiquetas e elitismos para reivindicar a música como unha experiencia popular, diversa e compartida.
Ademais dos concertos, Hola Nola Lab-Festival incorpora conversas culturais arredor da música, os seus contextos e as súas múltiples derivadas, guiadas por xornalistas musicais de referencia. Un diálogo horizontal entre artistas e público que busca crear unha comunidade baseada na curiosidade, o intercambio e o descubrimento.
PRINCIPAIS CONCERTOS
Sala Riquela
- 16 de setembro: Madisen Ward
- 17 de setembro: Louis Ford
- 18 de setembro: Hola Nola Band
Sala Borriquita de Belém
(Os concertos da Sala Borriquita de Belém serán de acceso exclusivo para persoas con abono. Non haberá venda de entradas individuais para estas actuacións)
- 17 de setembro: Al Blanco & El Peli
- 18 de setembro: Sinouj
Sala Capitol
- 19 de setembro: Caamaño Ameixeiras
