Lucía Aldao: “Se me deixan, quedo a vivir en PAVA”
Por Javier Pereira Gasamáns

PAVA é o novo proxecto musical liderado pola poeta Lucía Aldao. Xa sabíamos dos bos que eran os seus versos, pero agora descubrimos que tamén pode acompañalos de fermosas melodías; para dar forma a unhas cancións pegañentas e cheas de forza e lirismo. Dende mediados do ano pasado PAVA publicou tres ep´s, PAVA 1, 2 e 3, que sitúan a banda como un referente da música pop feita en Galicia. Escoitando o seu tema “Catastro” volvemos crer que rock e poesía poden camiñar da man. Se podedes, este verán, tedes que ir a un bolo de Pava. Non o lamentaredes!
Por que decidiches que estas novas cancións se editen co nome de PAVA e non de Lucia Aldao?
Hai dúas razóns que dan coherencia a esta decisión. Unha é que desde hai dous anos somos unha banda e funcionamos como grupo de traballo, así que ten todo o sentido que nos ampare un nome que non sexa só meu. Eu lidero o proxecto e continúo a ser compositora das letras e melodías, pero o resto do proceso recae tamén en Analís (batería), Pablo Silva (guitarra) e David Santos (baixo). Por outro lado, sigo a manter unhas cantas actividades paralelas vinculadas ao mundo da literatura e das artes escénicas, así que foi boa idea pasar do meu nome e apelido para este apartado musical que é PAVA. E gústanos ser “as de PAVA”, claro.
Cales son as principais diferencias entre PAVA e outras aventuras musicais nas que estiveches implicada?
Digamos que este proxecto é máis completo e definido por moitos motivos. Estas cancións son o lugar onde logro xuntar as dúas paixóns polas que eu me movo feliz, a palabra e a música, e aínda que comezou cunha discreción propia da inseguridade, houbo sempre tamén certa determinación e firmeza á hora de tirar para adiante, e iso porque é do que máis me gusta de todo canto fixen e por iso merece todo o meu esforzo e cariño.
Os temas de PAVA levaban moito tempo compostos? Ao engadir os músicos que te acompañan, mudaron moito as cancións?
O primeiro EP de PAVA, de 2021, levaba un mix tolo dalgún tema traballadísimo desde había anos mesturado con tímidos bosquexos dos que a marabilla de produtor, Diego Delgado, foi quen de sacar cancións. PAVA 2, de 2022, compúxose e produciuse nun par de semanas. Os dous traballos coñeceron o directo xa coas cabezas de Pablo, David e Analís aportando un montón de cousas a favor das cancións, con arranxos e voces que fomos puíndo ata que nos gustaron e cremos que podían gustar á xente que se achega a escoitarnos en directo.
De onde saen os músicos que te acompañan e por que decidiches que fosen os teus compañeiros?
Jo, pois saen dunha tenda de agasallos ou dunha lista de desexos, non sei ben como explicalo para transmitir o agradecida que estou con elas. Analís (Perpetuo Socorro, Romance) é unha amizade de moitos anos íntima e valiosa. O mesmo é Pablo (Combo Dinamo, Monstruo, Romance), a quen eu non coñecía case, para ela. E foi un ‘regalazo’ que nos xuntase. David (Cró!, Es un árbol, Leira Papaia) veu para salvar uns bolos e non o deixamos marchar. É unha marabilla de persoa e de músico. Teño moita sorte.
As letras de PAVA cres que seguen a liña da túa poesía en canto estilo e temática? Que che dá máis traballo, compoñer os textos para a música ou crear un texto que non vai ter o apoio da música?
Si, non? Quero dicir, unha sempre é unha cando escribe, coas súas teimas e intereses. Hai licencias que me permito nuns xéneros aos que non lles vexo cabida noutros, pero iso é normal. Persoalmente, tendo á auto esixencia e a deixarme levar a partes case iguais, e noto como na escrita estritamente poética póñome máis dura comigo mesma e co resultado que quero obter (non sempre, tampouco). Ao facer letras noto outra liberdade máis próxima ao xogo, e están aí a métrica e os instrumentos axudando a que todo flúa, claro.
A túa idea é que PAVA sexa un proxecto de longo percorrido ou algo puntual?
Se me deixan, eu quedo a vivir en PAVA.
Por que o proxecto veu a luz en forma de tres eps e non saíu como un álbum xa rematado? Ves algunha vantaxe nesta forma de editar o teu traballo?
Sempre digo que PAVA é o que pode ser, sen máis. Por cuestións de tempo, económicas e demais, resultoume máis accesible, polo de agora, facer por xuntar uns poucos temas e publicalos cada ano ou ano e pico. Non sei se se lle pode chamar estratexia a facer o que podes permitirte facer nun estado que ten toques de supervivencia. Desde logo, o plan perfecto sería que todo fose máis fácil con respecto aos tempos e aos cartos, pero como non é así pois imos resolvendo como boamente podemos, que unhas veces é ben e outras regular. Pero melloramos, eh! Inda ben!
Esperabas que PAVA tivese unha acollida tan boa?
A acollida de PAVA é cualitativamente boa, penso. Á xente que lle gusta, gústalle abondo. É bonito vivir iso. Sería estupendo que puidésemos ter máis alcance e queremos traballar nesa dirección, porque confiamos nas nosas cancións e vemos que funcionan no alcance medio que estamos a ter. Podedes acender unha candea por nós ou vir aos nosos concertos. Por certo! Estreamos PAVA 3 o 9 de maio na sala Riquela de Santiago. Vinde. Obrigámosvos.

