A CoruñaCulturaO consello de Lenzo

1, 2, 3… Perdíchesme!

Por Cata Mosquera | Uxía Blanco de Lenzo Estudio

Non é que non te miren, é que non lles dás motivos para quedar mirando.

No número anterior de Pincha contámosvos como manter as vosas redes socias frescas e actuais pero… o certo é que hai contidos que duran o que tarda un dedo en facer ‘scroll’ (deslizar a pantalla) e outros que, en cambio, quedan, compártense e incluso se converten en tema de conversación. Pero, cal é a diferenza? Non é só porque sexan máis bonitos ou teñan detrás máis produción, é porque o que nos contan, ou o xeito de facelo, nos parece interesante. Porque nos fan sentir parte dun movemento ou sentimento ou porque, simplemente, din o que todo o mundo está a pensar, pero ninguén quixo dicir antes.

Pero para poder crear contido que funcione, temos que recordar que as redes sociais son precisamente iso: sociais. Non nos casamos de dicir que aínda que compartir información sobre teu negocio tamén é necesario, a miúdo esquecémonos de que as redes son unha fonte de entretemento e distracción, pero tamén de conexión. Dedicar tempo a interactuar ou non cos teus seguidores, ou coa xente e negocios aos que segues, vai ter un impacto moi importante no rendemento do teu contido, xa que as plataformas premiarán precisamente que se tezan esas redes, que se faga algo máis que utilizalas como un escaparate.

O certo é que cada vez é máis complicado que a xente preste atención a un estímulo concreto, e sobre todo, cando estás a amosar un produto ou servicio. Sabías que se non consegues xerar un impacto sobre o teu espectador (negativo ou positivo) en menos de 3 segundos, o máis probable é que ninguén siga mirando o teu vídeo, historia ou carrusel? Por iso é tan importante revisar non só o que contas, se non como o fas. Como falas, dende onde, con que ton... todo iso importa. Pero sen esquecer que a naturalidade é, normalmente, o que nos atrapa.

Dende o noso estudio animámoste a encontrar a túa propia voz con esta fórmula máxica: a proba e erro. Si, sentímolo, nisto non hai truco que valga. Non teñas medo a intentalo, a probar a crear un contido “imperfecto” que che permita experimentar coa plataforma, cos formatos, coa túa forma de mostrar o teu negocio ao mundo. Lembra: Pénsao, que é o peor que pode pasar? Que se esquezan de ti en 3 segundos?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.