Cocido galego
Estamos xa en tempada dun dos pratos máis saborosos da nosa gastronomía: o cocido! Unha comida que admite diversos ingredientes segundo a zona na que se cociña, pero que se prepara fundamentalmente con carne, touciño, xamón, chourizo, fabas ou garavanzos (que non se deben confundir coa palabra castelá ‘garbanzos’), patacas e verdura, todo cocido en auga.
No seu libro ‘A cociña galega’, o recoñecido escritor Álvaro Cunqueiro (1911 – 1981) opina que, “aínda que nestes tempos corra máis o lacón, sempre se atopará un fato de galegos citándose para xantar un cocido. Como se acostumaba dicir no país, un cocido de crego”.
Este prato adoita tomarse desde finais do outono e durante todo o inverno e é moi frecuente na época do entroido. Convive nesta mesma época do ano coa lacoada, outra comida típica galega que ten como ingrediente principal o lacón cocido, acompañado normalmente con grelos, chourizos e patacas.
E sabías que co sobrante do cocido ou da lacoada pode prepararse unha saborosísima roupa vella? Consiste en pasar os produtos que nos quedaron da papatoria por unha tixola con aceite de oliva e listo! Ademais, o gastrónomo Manuel María Puga y Parga, coñecido como Picadillo (1874 – 1918), dicía que de persistiren as sobras, aínda podía dárselle un terceiro golpe de calor a aquilo que recibe o nome de roupa inservíbel.
Onde probalo?
A Feira do Cocido de Lalín é unha festa gastronómica que se celebra cada ano o domingo antes do Entroido nesta localidade pontevedresa. Declarada de Interese Turístico Internacional, no 2025 terá lugar o 23 de febreiro. Antes, desde o 15 de xaneiro e até o 14 de febreiro, numerosos restaurantes da vila (vinte e catro nesta edición) participan nunha iniciativa que leva por lema “De San Amaro a San Valentín, Mes do Cocido en Lalín”, ofrecendo este manxar galego na súa carta.
Tamén en Santiago é posible tomar moi bos cocidos neste tempo. Os máis cotizados na capital galega son os que serven en restaurantes como O Dezaseis ou o Rodeiro, na rúa de San Pedro, ou o Paz Nogueira, no Castiñeiriño.
Por outra banda, A Coruña celebrará este ano a décima edición das Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos “Lacónicas”, que se desenvolverán do 13 de febreiro ao 9 de marzo, un evento no que participan cada ano unha trintena de locais de hostalaría coruñeses.