O produto galego de proximidade reinará no XVI Santiago(é)Tapas
En moi pouco tempo, o vindeiro 13 de febreiro, comezará unha nova edición do Santiago(é)Tapas, o concurso que organiza e promove Turismo de Santiago. Serán 18 días, ata o 2 de marzo incluído, nos que máis de corenta locais da cidade servirán as súas mellores propostas culinarias en formato petisco e competirán polos premios nas categorías tradicional, creativa, doce e sen glute.
Todos eles tiveron que superar a mediados de xaneiro as probas de preselección que se levaron a cabo por primeira vez na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos de Santiago. A organización do concurso buscaba así consolidar a aposta polo produto autóctono de temporada e de proximidade, seguindo a marca de Compostela Gastronómica. Neste mesmo senso, un dos requisitos imprescindibles establecidos nas bases do concurso é que as tapas inclúan na súa elaboración alimentos galegos de calidade contrastada, tales como produtos das distintas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas, de agricultura ecolóxica ou do mar de Galicia certificados.

Dous profesores do CIFP Compostela, Xosé Quintáns e Gonzalo Salgueiros, foron os encargados de corroborar que se cumprisen este e outros requisitos do regulamento do concurso. Tamén eles, xunto con outros expertos e persoas relacionadas coa gastronomía e a hostalaría local, formarán o xurado profesional que avaliará as tapas unha vez que comece o certame. Igualmente a clientela poderá puntualas a través dos códigos QR situados nos locais participantes. A puntuación final será o resultado da ponderación das notas outorgadas polo xurado profesional (60%) e polo público (40%).
Haberá tres galardóns dotados con 1000 euros cada un para a mellor tapa creativa, mellor tapa tradicional e mellor tapa doce. Ademais, tamén se premiarán a mellor proposta apta para persoas celíacas -que ganará un cheque de 200 € para produtos sen glute- e aqueles petiscos que mellor mariden co viño Ponte da Boga e a cervexa Estrella Galicia -que recibirán estas bebidas por valor de 500 euros.
Desestacionalización
Tamén visitaron as probas de preselección do Santiago(é)Tapas na Praza compostelá a concelleira de Turismo, Miriam Louzao, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; acompañadas de representantes de distintas empresas e entidades colaboradoras do certame (Agacal, Mercado de Abastos, Hijos de Rivera, Cafés Dromedario, Cash Record, Cafés Dromedario, ACEGA e Utimaq).
Na súa intervención, a concelleira destacou que neste 2025 “o concurso volve a celebrarse na segunda quincena de febreiro, logo dos bos resultados que se obtiveron o ano pasado, cando se consumiron preto de 25.000 tapas”. Segundo dixo, “continuamos coa nosa aposta clara pola desestacionalización, co obxectivo de dinamizar o sector no mes de menor movemento na cidade”.
Nesta edición do Santiago(é)Tapas inscribíronse 43 locais, tres máis dos que participaron no 2024. Os petiscos cos que compiten polos diferentes premios e que podemos probar desde o 13 de febreiro -cun prezo entre 2 e 4 euros- poden consultarse na páxina web santiagoetapas.gal

Entre os establecementos participantes atópanse moitos dos xa habituais do concurso, xunto a outros novos que se presentan por primeira vez para darse a coñecer e demostrar a calidade da oferta hostaleira da cidade.
Un dos locais que repite é O Testo, que dirixe Jorge Gago. A súa aposta para este ano 2025 é a tapa ‘Mandarina morada o Cebriero’, un ‘enganaollos’ que semella ser unha mandarina, pero que está feita con queixo do Cebreiro e mora. “O Santiago(é)Tapas é unha actividade que nos gusta moito, sobre todo porque ten como obxectivo activar o movemento da cidade nunha época non que non hai tanta. Todos queremos ganar algún premio, pero o fundamental é que a xente se mova e visite os locais”, opina o chef.
Gago tamén fai fincapé no traballo que supón para o sector sacar adiante un concurso así: “Hai que valorar a dificultade que teñen algunhas das propostas, nas que tes que investir moito tempo para algo que a clientela toma nun ou dous bocados”. Auténticas delicias que dan boa conta do gran nivel da hostalaría picheleira. Nós, dende logo, non perderemos a oportunidade de probalas.
AS BODEGUILLAS, FIEIS Á CITA EN TODAS AS EDICIÓNS
Outras das propostas que poderemos degustar neste XVI Santiago(é)Tapas son as dos locais que rexenta Javier Míguez: Bodeguilla de San Lázaro e Bodeguilla de Santa Marta. O hostaleiro non perdeu ningunha das edicións que se levan organizando ata o de agora, sumando desde a primeira que se celebrou no 2008 ata esta do 2025 dezaseis anos de concurso (no 2020 o certame tivo que ser suspendido por mor da pandemia).
16 edicións de Santiago(é)Tapas, 16 anos participando. Por que che gusta tanto este concurso?
Porque penso que o sector temos que apoiar este tipo de iniciativas. Este concurso veulle moi ben á cidade, tanto á hostalaría como á clientela. Para nós é de obrigado cumprimento estar aí e participar. Durante estes 16 anos para nós foi moi gratificante.
Cando comezou o concurso, xa levabamos moitos anos traballando coa Bodeguilla de San Roque, pero pareceunos importante participar para demostrar que seguiamos estando aí. Foi un aliciente importante e unha maneira tamén de chegar a novos públicos.
Como dicías, empezaches participando coa xa extinguida Bodeguilla de San Roque e despois fuches inscribindo tamén as Bodeguillas de San Lázaro e Santa Marta, segundo foron abrindo. Como vos foi? Algún premio foi caendo, non si?
Si, e nalgunha edición chegamos a participar coas tres Bodeguillas á vez!
Con respecto aos premios, algo sempre imos “picando”. Por exemplo, a de Santa Marta gañou con ‘Polo rubio en ravioli de wonton’ o galardón á mellor maridaxe con viño no 2022; e o segundo premio de tapa tradicional con ‘Luras de arroz negro de polbo con alioli de pera’ no 2021.
E sempre apostando polo produto galego nas vosas tapas...
Si, sempre escollemos produto de proximidade, sobre todo da comarca de Compostela, e produto galego con DO, IXP...
Este ano participamos cunha tapa en cada unha das Bodeguillas, Santa Marta e San Lázaro, intentando facer unha maridaxe cos marabillosos viños de Ponte da Boga (patrocinador do concurso).
Leva moito traballo crear as tapas coas que ides competir? Con que expectativas ides nesta edición?
Si, chegar ao que queres presentar leva moitísimo traballo. E tamén supón un esforzo no día a día. Ás veces prodúcese un colapso en cociña importante porque o interese do público por este concurso cada vez é maior. É ademais é unha clientela bastante especializada e exixente.
Con respecto ás expectativas, sabemos que fixemos un traballo moi importante, pero o noso tipo de cociña, polo noso movemento de xente, de rapidez no servizo; impídenos chegar a esas técnicas depuradas que ao mellor si utilizan outros restaurantes. Entón, con estar entre os 10 primeiros clasificados, estariamos moi felices.
Ti que levas competindo en todas edicións, como ves a evolución do concurso? Foi crecendo a competencia?
Si, claro! No transcurso dos anos ves unha evolución nas técnicas de preparación, nas presentacións dos pratos, incluso nas texturas... brutal! Fai 16 anos as tapas eran moito máis sinxelas. As elaboracións de hoxe en día son dignas dos mellores restaurantes. A calidade é tremenda!
