The Rapants: “Nós cantamos co galego da nosa zona. Non filtramos, somos como Bad Bunny”
Por Ana Romero

Que o peor concerto da súa vida sexa do que están máis orgullosos, só pode ser cousa de The Rapants. Esta boy band de Muros ten carisma e leva dende o 2018 conquistando ao público, non só galego, cos seus temas máis indie discotequeiros, facéndonos bailar ata o desamor.
É dicir, que ao principio faciades temas sobre a rabia e o despeito, como Álex Ubago, e agora cantades máis ao amor pola vosa situación persoal?
(Risos) Exacto, agora saímos menos, coidámonos máis e somos máis ‘cursis’ ao escribir.
Levades Galicia por bandeira, cantades en galego, tocastes en festivais como o Noroeste Pop Rock, Portamérica, Osa do Mar, a Sala Capitol con dous sold out… e pouco a pouco ides traspasando fronteiras. Que é o que queredes transmitir coas vosas cancións e como vedes que as recibe o público?
Cremos que as nosas cancións transmiten a festa e o bo rollo de Galicia. Somos persoas que traballamos moi ben a retranca galega, a gran maioría acepta o galego, pero tamén temos persoas que cren que ata que non cantemos en castelán non imos chegar á cima.
Ao final é coma escoitar algo en inglés, nunca foi un problema sentir a música aínda que non falases ese idioma. Igual con isto algunha escola de galego quere patrocinarnos (risos). Algo que tamén gusta é que cantamos auténtico, co galego da nosa zona, tal e como falamos. Non filtramos, somos coma Bad Bunny.
E parece que gusta, hai uns días puidestes comprobalo en Madrid. Acabades de tocar na Sala But, a favorita ademais dalgúns de vós, para presentar o voso último disco ‘La máquina del buen rollo’.
Foi espectacular. Tocar nesa sala era un soño. O público recibiunos incriblemente. Esperamos volver pronto.
UNHA CARREIRA MUSICAL METEÓRICA
Xanma, Samu, Matías e Xaquín, todos nos vinte, tiveron que pasar por infindos traballos antes de chegar onde están, sen imaxinarse que dunha conversa durante un botellón ía xurdir a idea de tomarse en serio o seu hobby.
Que faciades antes de ser The Rapants?
(Risos) Un pouco de todo, Xanma estivo na construción, nun cámping… Samu, comercial adaptando audífonos, compartiu con Matías tamén ser repartidor de bebidas, que á súa vez tamén foi peiteador, camareiro, froiteiro… e ata DJ por un día. Agora todos nos dedicamos de maneira exclusiva a isto, menos Xaquín que segue en RNE. De feito, agora estamos xa mellorando o directo para este 2025 e comezando a compoñer o novo disco.
Xa?
Hai que estar sacando cousas seguido, hai bastante presión.
Falemos da vosa estética, tedes un estilo bastante moderno, sempre fostes así?
Ao principio eramos máis ‘surfeiros garageros’, non nos fixabamos moito niso, pero agora coidámolo máis. De feito, Matías veu unha vez en camisa a un concerto e foi con diferencia o máis elegante, así que ninguén quixo ser menos e pouco a pouco chegamos ao que somos agora.
Inspirádesvos noutros compañeiros como poden ser Novedades Carminha ou as Tanxugueiras. Pedísteslles algún tipo de consello, xa que ides un pouco por detrás deles?
Imos por detrás só no tempo! (Risos). É certo que somos máis novos, pero tamén máis guapos (gargalladas). De Novedades Carminha temos máis contacto con Anxo. Máis que preguntarlles, mirabamos o que facían, que instrumentos tocaban… máis que nada para aprender, pero pouco a pouco fómonos afastando desa influencia tan directa para facer o noso propio estilo.
Tedes xa rituais pre ou post concerto?
Antes de tocar, cada un os seus, Samu por exemplo deixa de falarnos. En xeral, o que facemos é gritarnos cantando Que el ritmo no pare, no pare, no... (todos cantan ao mesmo tempo). E despois, depende. Nuns apetécenos ir falar coa xente e agradecerlles que viñesen e noutras estamos extasiados, acabamos esgotados.
Este 2025 vén cargado de festivais entre outras cousas, SonRías Baixas, Caudal Fest, o FIV... Cal é o voso favorito para ir de público?
Surfing the Lérez e as Carrilanas de Esteiro.
E para tocar?
O Noroeste do 2024. Vernos de ser un matado no fútbol a pasar a xogar no Superdepor… É impresionante ver a tanta xente, paga a pena todo o que fixemos. Pasounos rapidísimo.
Parece que así molesta menos ir traballar, non si?
En realidade, o traballo é o momento previo, as probas de son, cargar o equipo, viaxar… pero ao tocar libérase a tensión e é o noso premio por traballar.
Chorastes de felicidade neste tempo?
Si, algún soltou algunha bágoa, choramos de emoción e felicidade. Cando nos comunicaron os sold out empezamos a abrazarnos e saltar.
Non pensabades que puidera suceder?
Podían pasar dúas cousas, ou que non a encheramos ou que o fixésemos rapidísimo, e pasou a segunda, e dúas veces.
Sinceramente, eu creo que isto non fai máis que comezar. Gozade do que vos vén e seguide así, facéndonos bailar sen parar!
Grazas!
