A CoruñaCulturaNovas

Unha sesión dobre de eclipses cinematográficas abrirá a XVII edición da Mostra de Cinema Periférico (S8)

Presentación da XVII edición do (S)8. Foto: Andrea Rodríguez

A Coruña volverá ser a capital internacional do cine de vangarda coa celebración da XVII edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que este ano dedica a súa imaxe e sesión inaugural aos eclipses. Sendo esta cidade un dos mellores do mundo para observar o eclipse solar deste ano, o (S8) quere celebrar esta  oportunidade única incluíndo ao cine nesta conversa global sobre a luz e a contemplación, algo inherente á experiencia cinematográfica. O festival acontecerá entre o 2 e el 7 de xuño en cinco sedes: a Filmoteca de Galicia, Cantones Cines, a Domus, a Fundación Luis Seoane e a Atalaya.

A imaxe da Mostra deste ano é unha referencia simbólica ao fenómeno do eclipse, con dous animais inspirados nas formas que se crean no firmamento unindo estrelas, neste caso, representando ao Sol e á Lúa nunha danza na que se ocultan e se perseguen. Ese fenómeno é o que que o fotógrafo José Sellier—asentado na Coruña e pioneiro do cine en España— inmortalizou en Galicia nunha secuencia de doce fotografías que recollen o eclipse total de Sol de 1912. Foron realizadas cunha clara vocación cinemática e formarán parte tamén da imaxe do festival.

Aos eclipses dedicarase, ademais, a sesión de apertura da Mostra e cunha proposta dobre. O (S8) abrirá na Filmoteca de Galicia co programa «O obturador cósmico», que inclúe películas desde 1907 a 2019 de cineastas como Larry Jordan, Georges Méliès ou Bill Morrison, unha viaxe a través das diferentes miradas da experiencia de vivir un eclipse. A continuación, na Domus, a cineasta estadounidense Jeanne Liotta invitará a imaxinar un eclipse propio, coa súa obra Path of Totality, unha film performance que emula un eclipse a partir da manipulación en vivo de diferentes dispositivos cinematográficos.

Todos os detalles da XVII Mostra Internacional de Cinema Periférico foron presentados polos seus codirectores, Ana Domínguez e Ángel Rueda, nun acto celebrado na Domus da Coruña. Estiveron con eles o concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, a coordinadora da política audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) Dolores Meijomín, a deputada provincial da Deputación da Coruña, Avia Veira, e a directora de programación de Acción Cultural Española (AC/E), Inmaculada Ballesteros, en conexión por videoconferencia. Tamén asistiron ao acto a directora da Fundación Luis Seoane, Carmen Jiménez; Marcos Pérez, director dos Museos Científicos Coruñeses, e Bettina Kohlhaas, directora da Fundación Emalcsa.

RESUMO DA PROGRAMACIÓN

Este ano no (S8) proxectaranse 161 obras con 35 estreas mundiais e 20 pezas de autoría galega ademais de 8 films performances. Ademais, contará cun total de 88 participantes entre cineastas, profesionais, estudantes de Belas Artes e prensa especializada.

Jeanne Liotta, figura clave do cinema experimental norteamericano, é un dos grandes nomes internacionais do (S8) no que tamén estarán o canadense John Porter, considerado o rei do Super 8, o mexicano Bruno Varela, cun cine político e futurista, e a belga Els van Riel, con filmes que son unha investigación empírica en torno á luz. De todos eles haberá varias sesións retrospectivas, sendo unha oportunidade única de ver as súas películas proxectadas en formato analóxico orixinal, significando, para moitas delas, a súa estrea en España. No caso da última película de Bruno Varela, Polen negro (2025), será proxectada en 35 mm e sonorizada en directo, sendo a súa estrea mundial.

Ademais de seguir apostando por trazar unha historia do cinema experimental con artistas de ampla traxectoria, o (S8) volve ser un lugar de encontro do cine de vangarda actual —creado nos últimos dos años— nas seccións Sinais Sinais América Latina. A primeira reúne vintenove obras producidas en Galicia, España e Portugal, mentres que a segunda é unha mostra con seis filmes de Brasil, Chile, Ecuador, Perú, República Dominicana e Bolivia. Esta sección consolídase para recoller a pulsión da escena de vangarda latinoamericana. Tamén Sinais Desbordamientos, o espazo reservado ao cine expandido de produción galega e española, reafírmase nesta edición, coa inclusión dunha estrea mundial.

film performances de Desbordamientos serán, como é habitual, na Fundación Luis Seoane, onde tamén se amosará tres obras de cineastas de Colombia e Portugal unidas por unha mesma temática: a transmisión do legado cultural entre mulleres. A mirada feminina —e feminista— é unha das claves desta edición, con máis dun 70% das obras creadas por mulleres. A última xornada de Desbordamientos será a sesión de clausura con John Porter, quen presentará algunhas das súas aclamadas film performances, como Scanning 8 (2016) ou Shoot Out with Rebeca (1983). A súa presenza na Coruña foi destacada por el mesmo como a súa despedida da escea internacional.

Outro dos programas especiais do festival protagonízao a Kinothek Asta Nielsen, unha organización radicada en Frankfurt dedicada a preservar e difundir o cine feito por mulleres e persoas queer. As súas fundadoras, Karola Gramann e Heide Schlüpmann, traerán unha selección de títulos desta filmoteca e ofrecerán unha clase maxistral sobre a súa historia.

O encontro Paraíso de estudantes de Belas Artes, o espazo INPUT para a titorización de proxectos, o encontro profesional na Atalaya, o obradoiro creativo de inclusión social Xpresa e as proxeccións para centros educativos, completan unha edición do (S8) con cifras de récord. Con 161 obras exhibidas, preto de 80 artistas, profesionais, prensa especializada e estudantes convidados, e 35 estreas mundiais, a Mostra proba un ano máis o dinamismo da escena cinematográfica experimental, á cal o (S8) ten contribuído como espazo de descuberta e encontro, estimulando a creación a a produción de novas películas, especialmente en formatos analóxicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.