fbpx
A CoruñaCulturaEntrevistasNovasSilvia Castiñeiras

Raquel Espada: “Encántame cando arriscan comigo aínda que polo aspecto non pareza encaixar no personaxe”

Por Silvia Castiñeiras

Raquel coa escenografía de Un hotel de primeira sobre o río. Foto: Iván Barreiro
Raquel coa escenografía de Un hotel de primeira sobre o río. Foto: Iván Barreiro

Raquel Espada non parece ser desas persoas que aborrece os luns. Alguén que fala de maneira tan apaixonada da súa profesión non pode odiar nin os luns nin calquera outro día da súa vida no que estea subida nun escenario ou diante dunha cámara. O seu traballo é unha vocación declarada, o “amor” da súa vida, como recoñece a actriz. Un amor que naceu xa dende pequena na súa terra natal, Perillo (Oleiros), lugar onde volve a miúdo aínda que o seu namoramento da interpretación a teña percorrendo camiños aquí e alá (con papeis en obras de teatro como ”Neorretranca e Posmorriña’ ou ‘O Charco de Ulises’ e series de televisión como ‘O Faro’ ou ‘Cuéntame cómo pasó’).

Con base en Madrid, Raquel Espada está facendo parada en Galicia como parte do elenco da última obra de teatro do Centro Dramático Galego, Un hotel de primeira sobre o río, unha peza baseada nun texto de Xohana Torres que estivo en cartel todo o mes de abril en Santiago e que rematará a súa xira de maio o vindeiro día 21 no Teatro Rosalía da Coruña. Toca despedida na casa para Raquel.

Como te atopas neste proxecto do Centro Dramático Galego?

A verdade é que esta obra foi un agasallo para min porque xa me encantaba a compañía, Elefante Elegante, moi física (compañía dos directores desde proxecto Gonçalo Guerreiro e María Torres). Ao igual que fago moito drama e audiovisual, encántame o teatro físico e o clown, por iso me presentei. Cando me chamaron para a proba presencial fíxome moita ilusión precisamente pola compañía e polo tipo de peza. Sabía que ía ser moi física pero tamén con moito texto. Eu son tamén actriz de texto e esa mestura gústame moito, polo que encantada (sorriso grande).

Fálanos deste tipo de teatro.

Encántame o teatro en xeral pero gústanme moito as pezas nas que hai unha creación de personaxes que non é tan realista, que tiran máis ao clown, á comedia… Xa teño feito moitas veces pezas de teatro contemporáneo con linguaxe interdisciplinar, mesturando o texto coa danza, música ou visuais e gústame a combinación de linguaxes.

Interpretas moito para formato audiovisual, prefires as rodaxes ou os escenarios?

Atópome moi ben en calquera código, tanto audiovisual como teatro. Iso si, se tivera que elixir quedaría co teatro porque me encanta, o que pasa é que, mágoa disto, non se pode vivir del. É dicir, non é tan doado para unha actriz ou actor vivir só do teatro. Eu digo que si a todo que non estamos para dicir que non, pero gústame estar enriba dun escenario e sobre todo facer comedia.

Que diferencias atopas entre a televisión e unha peza teatral?

Na tele todo vai moi rápido, en cambio no teatro hai todo un proceso de ensaio dun mes ou dous meses nos que podes crear o teu personaxe. Na tele non hai ese tempo, vas e fas a túa secuencia. O teatro ten esa liberdade de poder crear. Sempre digo que as actrices e os actores non somos soamente un perfil determinado. Quero dicir que no audiovisual funciona moito a estética, se a túa cara e fisionomía pegan máis para un determinado papel, pero eu creo que iso dá igual porque somos creadoras de personaxes. É por iso que me encanta cando arriscan comigo, aínda que polo aspecto non pareza encaixar cun personaxe pero queren ver a miña proposta. Estas oportunidades non soen pasar no audiovisual.

Que che suxire o argumento da obra, o urbanismo nas zonas rurais?

Penso que a calquera galego lle fai reflexionar este tipo de temática e mira que é un texto dos anos 60! Xa pasaban estas cousas e seguen pasando hoxe. Agora seguimos con esa problemática, cos inversores, a especulación, a explotación turística, e teño moito medo de que perdamos a esencia do noso, da nosa terra, da nosa cultura… Temos que ter moito coidado de conservar polo menos a nosa esencia.

Raquel Espada. Foto: Iván Barreiro

AS ORIXES

Aproveitando este argumento de Un hotel de primeira sobre o río e sendo natural da área metropolitana da Coruña á beira do mar descubrimos se Raquel Espada é máis de campo (ou quizais habería que dicir de mar por isto de que está sacando o título de patrón de barco) ou de cidade.

Campo ou cidade?

A min o que máis me gusta é o campo, pero vivo nunha gran cidade (Madrid). Se podo elixir non vou rematar aquí. Gústame o campo, o silencio, pero despois a vida é outra cousa. Madrid non ten nada que ver, levo moitos anos alí e teño moitas ganas de volver.

Establecícheste en Madrid por traballo?

En realidade penso que me quedei porque veu rodado, fun alí por formación e despois fun quedando ata que xa fixen unha base, pero estou sempre a cabalo entre Galicia e Madrid. Eu vou ir sempre onde exista o traballo e pola roda da vida fun quedando alí, pero non de por vida, quero volver á miña terra.

E como foron os comezos na interpretación?

Meus pais non son quen de dicir cando foi o de querer ser actriz. Penso que foi un pouco dado porque empecei a facer teatro no cole dende pequeniña e recordo ver moito cine cos meus pais. Na escola xa estaba dicindo que quería ser actriz. A partir de aí tiven que ir investigando e vendo como me podía formar porque non tiña ningún referente que me puidera guiar neste sentido. Fixen moito traballo de busca daquela que non había isto dos videobooks e non sabíamos moi ben nin como ir a un casting nin que era un representante.

Como reaccionaron na casa?

Na miña casa ao principio non lle daban importancia porque tamén quixen ser astronauta, escritora… pero logo empezaron a ver que ía en serio cando quixen preparar as probas de acceso á RESAD (Madrid) ou á ESAD (Vigo). Iso si, tiven que facer igualmente a selectividade eh! e aínda me matriculei nunha carreira por se non entraba na escola.

E se non chegaras ser actriz?

Non sei, moitas veces penso que non sei facer outra cousa, máis ben non me imaxino noutra cousa. Teño moitas inquedanzas, gústame pintar, estou sacando o título para ser patroa de barco, fixen un máster en xestión cultural… Pero o amor da miña vida é a miña vocación. De feito, a persoa que estea ao meu lado ten que saber que o amor da miña vida é sempre a profesión, é unha adicción. (risas)

‘CULTUREANDO’ POLA CORUÑA

De que goza de volver pola terra non hai dúbida. O mesmo entusiasmo que desprende cando se refire á profesión tamén se deixa notar cando fala de volver á casa dos pais en Perillo e do que lle gusta “quedar pola Coruña cos amigos de sempre para facer plans culturais e ir de bares”. Alí, na cidade herculina asistiu de pequena a clases de teatro en Casa Hamlet.

Estás facendo plans culturais estes días?

Si, sempre que veño intento buscar algún plan, concertos, festivais, monólogos, cine… Sempre hai tempo para todo se se quere.

E vindo de Madrid como ves a oferta cultural aquí?

Creo que na área da Coruña se están facendo moitas cousas a nivel cultural pero hai que crear máis público. A base está na educación dende pequenos, en concienciar sobre que as propostas culturais sexan un plan, que para ir tomar cañas sempre hai tempo. Non é por falta de programación. Por poñer un exemplo, no Teatro Rosalía, que me encanta, hai moita variedade, pero a xente ás veces non se decata… e mira que existe unha axenda cultural na Coruña! Sorpréndeme que a xente cando viaxa vai ver espectáculos e aquí non vai, entón dis… pero joo na nosa cidade veñen obras de teatro alucinantes e en toda Galicia hai eventos e oferta importantísima. A arte é educación, un espello da realidade e unha aprendizaxe, temos que consumir cultura.

Quédache tempo para propostas nas que non esteas ti somerxida?

Si, ademais obrígome a ver de todo, danza, música… porque temos que ser esponxas, na profesión artística tes que ver de todo e empaparte e saber o que están facendo os demais, sobre todo fóra. Ás veces pensamos que somos pioneiros de cousas e non o somos.

Rematades coa obra no Teatro Rosalía da Coruña. É especial para ti?

Como dicía antes o Teatro Rosalía é un dos meus favoritos e vai ser unha función moi especial porque os directores tamén están moi arraigados na Coruña. Vai estar cheo de amigos e familia e espero que tamén de público, que é a única función na Coruña e aí péchase a obra.

Con que sensación quedas ao rematar un proxecto?

Sempre dá mágoa porque cada personaxe ten unha esencia de nós. É un traballo moi exposto, damos moito de nós e sempre dá pena. Hai que agradecer a ese personaxe e despedilo porque ten que quedar oco para outros.

 

E rematado este proxecto Raquel queda á espera do próximo, unha etapa que define como “dura”. Di a actriz que non é o máis normal empatar un traballo con outro e a bo seguro ansía estar de novo absorbida pola interpretación, non só porque é o seu modo vida, tamén por unha necesidade que vai máis alá diso, que ten que ver cunha maneira de vivir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.