CompostelaCulturaReportaxes

Tras os pasos de Ruth Matilda Anderson por Compostela

Imaxe do paseo ‘Ruth e o Leviatán’.
Imaxe do paseo ‘Ruth e o Leviatán’.

Cen anos pasaron desde a primeira vez que a fotógrafa Ruth Matilda Anderson visitou Compostela. Foi no ano 1924 cando recibiu a encarga da Hispanic Society of America  para retratar a Península. O itinerario ‘Ruth e o Leviatán’ segue os seus pasos pola nosa cidade, na que estivo até en cinco ocasións entre ese ano e 1926. En total, viviu máis de once meses en Galicia desenvolvendo un dos traballos fotográficos máis intensos e profundos feitos nunca sobre o noso país.

As prazas para participar nos paseos guiados ‘Ruth e o Leviatán’ que se celebraron en setembro voaron en catro horas. Por sorte, a ruta aínda pode facerse de xeito autoguiado a través das narracións, dispoñibles tanto en audio como en texto e tanto en galego como en inglés, no portal ruthmatilda.gal

A iniciativa inclúese entre as propostas que o Concello de Santiago desenvolve ao abeiro do programa Patrimonio C, co gallo de pór en valor o patrimonio cultural inmaterial da cidade e dar a coñecer entre a veciñanza figuras e proxectos capitais na construción da súa memoria histórica. O proxecto xurdiu das mentes da cooperativa Maos Innovación Social, cando mercaron a obra ‘Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruna’ de Anderson. “É un libro do 1939 que se publicou só nos EEUU e que aquí só está nalgunhas bibliotecas. Vimos que se vendía na páxina web da Hispanic Society of America e, saíunos caro, pero o compramos! ”, conta cun sorriso un dos seus socios, Óscar Senra. Ao descubrir que neste 2024 sería o centenario da chegada de Ruth Matilda a Galicia, pensaron que era o momento ideal para propoñer estes paseos ao Concello de Santiago.

Pero logralo non foi doado. “É moi difícil falar coa Hispanic Society of America, que é a entidade que posúe os dereitos de autoría da súa obra. Tardamos máis de catro meses, pero grazas a iso conseguimos imaxes inéditas. Asinamos un convenio polas 41 fotografías que compoñen o paseo, das cales a metade nunca foron expostas na Galiza. E tamén temos catro fotos que non se chegaron nin a publicar nos EEUU, como unha duns nenos xogando á buxaina na praza de Mazarelos”, conta Óscar.

A praza de Fuenterrabía, as do Toural e Mazarelos, a rúa de Tras San Fiz de Solovio, a praza de Abastos, a rúa de Casas Reais, a praza da Quintana, o pazo de Fonseca, as rúas do Franco e Entrecercas, o Colexio de San Clemente e a Alameda conforman as 12 paradas deste percorrido. Nas imaxes vemos como era a vida en Santiago neses anos 20, con leiteiras, carros de bois polas rúas, a antiga praza de touros ou como levaban porcos á Alameda cando había feira, entre outras curiosidades.

“O libro no que baseamos este proxecto empeza narrando como Ruth Matilda chega a Vigo co seu pai, Alfred, en agosto do 1924 e a Santiago, o 26 de setembro, facendo ela mesma un percorrido pola cidade. Por iso o paseo comeza seguindo os seus pasos. Despois saímonos un pouco da linealidade do libro porque non nos valía para contar todo o que queriamos. Queriamos falar de Ruth, de onde viña, por que, para que, que outras fotógrafas había, etc.”, asegura Óscar.

Dous participantes dos paseos guiados 'Ruth e o Leviatán' que se desenvolveron en setembro.
Dous participantes dos paseos guiados 'Ruth e o Leviatán' que se desenvolveron en setembro.

Máis de 5000 fotografías de Galicia

O traballo de Ruth Matilda Anderson supón un relato visual imprescindible de Galicia, que retrata a complexidade social da nosa comunidade a comezos do século XX, botando por terra representacións estereotipadas do país. “Fixo un percorrido impresionante polas catro provincias bastante intenso e sacou máis de 5000 fotografías. É un dos legados fotográficos máis importantes que existen sobre o noso territorio. Chegou a moitos lugares pequenos aos que normalmente os fotógrafos foráneos non accedían. Ela buscaba o que en Estados Unidos consideraban a vida orixinaria, de verdade. Querían buscar no rural galego e de Asturias ou Zamora os vestixios do pasado dos pobos españois, que identifican coa vida do pasado, que é o que consideran máis puro e máis valioso; non a rancia sociedade pervertida pola industria, a pesar de que os que potencian estas viaxes son magnates industriais”.

E como chega Anderson a dedicarse á fotografía? “Estuda para mestra, pero non chega a exercer. O estudo fotográfico do pai, no que axuda desde que é pequena, fáiselle pouco e decide ir estudar á escola de Clarence White en Nova York. Cando remata, empeza a dedicarse á decoración de interiores. A White parécelle que malgasta o seu talento e acaba convencéndoa para que se presente a unha oferta de traballo na Hispanic Society of America, que só contrata a mulleres. E é alí onde lle encargan viaxar a España, a Portugal, Sudamérica... Chega por primeira vez a España no 1923 con outro grupo de fotógrafas para formarse e no 1924 é cando fai a primeira viaxe dirixida por ela mesma. Para ela é un reto moi grande, por iso lle chamamos ao paseo o Leviatán; porque para ela era como un monstro caótico que tiña que enfrontar. Ademais, era tamén o nome dunha das cámaras que trouxo”, aclara Óscar.

Con mulleres e curas

No paseo ‘Ruth e o Leviatán’ dáse moita relevancia ao feito de que fose muller e o que significaba para ela e outras mulleres viaxar naquela época. “Falamos, por exemplo, tamén de Nina Eaton, que chega 30 anos despois, e nas súas memorias conta como tiña que defenderse dos ‘moscóns’ cando intentaba simplemente ler un libro nunha terraza”, apunta Óscar.

Muller, norteamericana, que falaba castelán como podía, que entendía algo de galego pero non moito... “Mirábana como unha extraterrestre moitas veces, pero tamén é certo que ela tiña moito don de xentes. E, sobre todo, empatizaba moito coas mulleres, que colaboraban con ela moi facilmente. Así como cos homes notaba moita reticencias de inicio para ser fotografados, coas mulleres sentía esa receptividade”, indica.

O primeiro que facía a fotógrafa nas súas viaxes por Galicia ao chegar a cada vila era contactar co médico, o cura ou os gobernadores locais. Por que? “Para que eles lle desen cartas de recomendación para entrar nas bibliotecas, nos museos, que lle presentasen xente... Pero sobre todo en quen máis confiaba era nos curas, porque grazas á confesión coñecían a moitas mulleres e así lle abrían as portas das cociñas”.

Lonxe do que puidera parecer, a norteamericana atopou en Galicia unha sociedade na que non se sentía tan allea como inicialmente pensaba. “Ela naceu nunha granxa no estado de Nebraska (Estados Unidos) a finais do século XIX, nunha época na que vivían do agro, había moita emigración europea... Coñecía a dureza do rural. E dábase de conta non só desa pobreza que vemos nas súas fotos, senón tamén doutras cousas como a sociabilidade da xente, a hospitalidade...”, conta Óscar. E a pesares de ser moi crítica co catolicismo, tamén era moi relixiosa. Ese era outro punto de unión que atopou na nosa terra e que tamén soubo retratar dun xeito especial.

Vendedoras de palla. Rúa de Entrecercas, Santiago de Compostela, 1924. Ruth Matilda Anderson. © The Hispanic Society of America.
Vendedoras de palla. Rúa de Entrecercas, Santiago de Compostela, 1924. Ruth Matilda Anderson. © The Hispanic Society of America.
Turistas na actualidade no mesmo punto no que Ruth Matilda Anderson retratou as vendedoras de palla no 1924. Foto: Iván Barreiro
Turistas na actualidade no mesmo punto no que Ruth Matilda Anderson
retratou as vendedoras de palla no 1924. Foto: Iván Barreiro

Ruth e a gastronomía galega

Ruth Matilda Anderson ten fotos impresionantes de lareiras e cociñas, retratadas durante as súas viaxes por Galicia. Ademais, tamén pasou moito tempo en bares como o Café Suízo, que estaba na rúa Nova, en Santiago, enfronte ao Teatro Principal. Ou nos hoteis nos que se hospedaba, como o antigo Hotel Suízo, na rúa Cardeal Payá.

No seu libro ‘Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruna’ fala moito de comida. Ao pouco de chegaren a Galicia, Ruth e seu pai, Alfred, descobren “unhas cousas negras que parecían pés de galiña”, ou sexa, percebes, e unha “masa de pan cocida en contorsións circulares”, é dicir, empanada. “Seu pai quedou farto de comer ovos con patacas fritidas!”, revela tamén Óscar, da cooperativa Maos Innovación Social. “Nunha taberna de Ézaro atopou unha señora facendo filloas de millo con azucre, doulle a probar e encantoulle. Desde entón pasa a ser o seu prato favorito e sempre se enfadaba porque as atopaba de trigo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.