GaliciaGastronomíaOído, artesanía!

Barreiros Artesanía: “A auténtica porcelana de alta temperatura converteuse nun básico nas cociñas profesionais”

Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Foi nos anos 80 cando a familia de Miguel Ángel Monzonillo Barreiros creou Barreiros Artesanía no corazón da Ribeira Sacra. Actualmente o artesán e a súa muller, Raquel Fernández Pinal, levan as rendas deste negocio centrado na creación de pezas de porcelana de redución, sustentable e elaborada de principio a fin no seu taller de Nogueira de Ramuín. Dentro do seu traballo, contan cunha liña específica para gastronomía da que nos fala o ceramista. 

Desde cando tendes unha liña específica de gastronomía e por que quixestes introducirvos neste mundo?

Realmente sempre realizamos pezas para o uso diario, tales como bandexas, cuncas, xogos de café, cuncos... e tamén desenvolvemos proxectos a medida para restaurantes e hoteis, polo que xa tocabamos, en parte, este sector.

A diferenza entre estes últimos anos e agora márcaa a nosa participación en ‘Artesanía no Prato’, proxecto promovido por Artesanía de Galicia, onde vimos a necesidade de crear unha liña ou catálogo de pezas máis enfocadas á alta gastronomía. Observamos que este sector demanda pezas onde se prima o deseño e as sensacións que elevan a experiencia gastronómica, realzando as súas creacións culinarias con pezas máis especializadas.

Máis aló do seu atractivo visual, a auténtica porcelana de alta temperatura (1400º C), que é a que nós realizamos no noso taller, converteuse nun básico nas cociñas profesionais, polas súas excepcionais características de durabilidade, hixiene e inocuidade, dada a total ausencia de metais pesados, polas súas propiedades de retención de calor e pola súa versatilidade en diferentes métodos de preparación e presentación. Polo tanto, era un dos camiños naturais que tiñamos que seguir.

Que tipo de pezas forman esta liña e que técnicas usades?

Na nosa liña específica para gastronomía englobamos multitude de elementos usuais nunha cociña profesional, tales como pratos de todo tipo, bandexas e cuncos de diferentes formas e tamaños, vasos, cuncas, xerras, culleres, repousa cubertos, podios e outros elementos de preparación, presentación e degustación. En canto ao acabado das pezas, ademais da porcelana branca de superficie brillante, que é o máis demandado, traballamos con diferentes esmaltes e acabados, todos formulados e desenvolvidos no propio taller, para adaptarnos ás necesidades concretas de cada cliente.

Verdadeiramente esta liña de traballo está en continua renovación e ampliación, segundo as necesidades que nos van demandando os diferentes proxectos que temos en marcha e ideas que van xurdindo durante o proceso creativo.

Para a realización dos diferentes tipos de pezas, aplicamos distintas técnicas de elaboración, segundo se requira. O máis habitual é a elaboración manual das pezas mediante a técnica de coada de porcelana.

Como é o proceso de traballo cos restauradores?

Neste aspecto, nós especializámonos en crear pezas á medida segundo as necesidades que nos demande o chef. A partir dunha idea que nos transmite, dun concepto ou sensación global que queira conseguir nas súas creacións, imos desenvolvendo prototipos que se van refinando e modificando acorde aos seus comentarios ata chegar á peza desexada.

Noutras ocasións, o chef dános liberdade total de creación e nós somos os que lle propoñemos distintas ideas que cremos que poden cubrir unha necesidade concreta. 

Apostades por unha porcelana sustentable. Por que e en que consiste?

Como artesáns situados na marabillosa contorna natural da Ribeira Sacra de Ourense, cremos que é o noso deber incorporar prácticas respectuosas co medio ambiente no noso proceso de traballo. A diferenza dos métodos industriais de produción en masa, tanto de porcelana como de calquera outro produto, a elaboración artesanal responsable permite reducir a nosa pegada de carbono e limitar os refugallos, beneficiando tanto o mundo cerámico coma o medio ambiente a través de prácticas sustentables.

Para lograr isto, utilizamos métodos de produción propios e materiais que minimizan os residuos, reducen o consumo de auga e enerxía e limitan o noso impacto no medio ambiente.

Usamos pastas de porcelana e esmaltes formulados e creados por nós mesmos desde as materias primas, o que nos permite reincorporar os sobrantes dos distintos procesos como unha porcentaxe de materiais reciclados para a creación de novas pezas, conseguindo desta maneira o residuo cero. Ademais, asegurámonos de que non conteñan ningún tipo de material tóxico ou contaminante. Utilizamos materias primas locais, ou da maior proximidade posible, apoiando así as economías locais.

Mediante un método propio, creamos embalaxes reutilizables, 100% reciclables e libres de plásticos á medida para cada unha das nosas pezas. Para iso, utilizamos materiais 100% biodegradables e respectuosos co medio ambiente, maximizando o aproveitamento dos mesmos mediante a reutilización dos sobrantes e recortes como material de recheo acolchado para protexer as nosas pezas. Obtemos o noso cartón de provedores locais responsables que cumpren con todas as normas sobre ecoloxía e medio ambiente, contando con certificacións FSC e PEFC.

Concienciados co noso compromiso pola sustentabilidade e un mundo máis limpo, demos un paso máis para que tanto a Ribeira Sacra coma o planeta no que vivimos sexa un lugar mellor onde vivir. Desde primavera de 2023, dispoñemos dunha instalación de enerxía fotovoltaica de autoconsumo que nos permite alimentar os fornos cerámicos e demais elementos eléctricos, reducindo así aínda máis a nosa pegada de carbono.

Cremos que un mundo máis limpo é un futuro mellor.

Barreiros Artesanía é unha empresa familiar, que comezaron teus pais nos anos 80. Que ten este traballo para querer continuar con el? Como foron os vosos inicios?

No meu caso, cando desde pequeno vives en primeira persoa o amor por este oficio e podes experimentar no taller como o fan os teus pais, coma se fose un xogo, nace en ti unha inquietude por querer descubrir o que podes chegar a crear coas túas propias mans. Para min o taller sempre foi a miña casa, o meu refuxio, ese lugar onde sae o mellor de min, o lugar  máxico onde as fráxiles pezas se converten en obxectos belos e brillantes, e onde as cores cobran vida grazas á maxia do lume. Estas vivencias foron as que determinaron que, por moi duro que sexa o camiño dun artesán, eu quixese percorrelo, porque o meu desexo é que o que eu consiga crear e imaxinar poida chegar a formar parte da vida das persoas.

Aínda que nós xa tiñamos un camiño percorrido grazas á experiencia dos meus pais, cando Raquel e eu tomamos as rendas do taller, quixemos incorporar novas liñas máis persoais e a nosa particular visión do mundo da porcelana. Sempre que se inicia algo novo, é difícil, pero compénsase coa ilusión e coas pequenas recompensas que vas recibindo das persoas que apostan polas túas creacións e saben valorar o esforzo e a dedicación que hai detrás de cada unha delas. 

Que obxectivos tendes para os vindeiros meses?

Actualmente temos moitas frontes abertas... necesitariamos que os días tivesen 48 horas para poder realizar todo o que nos gustaría. Pero, como sempre, hai que priorizar o que consideramos máis importante.

Temos varios proxectos abertos con restaurantes e con clientes particulares, no caso da iluminación.

Seguimos coa introdución do proxecto iniciado o ano pasado para o mundo do café de especialidade que, a día de hoxe, está tan en auxe. A nosa cafeteira V Tempo é a primeira cafeteira deseñada e creada integramente en España para a elaboración de café polo método de filtrado, cunhas calidades e capacidades únicas.

Todos os meses facémonos o propósito de crear pezas novas, que imos presentando nas distintas tempadas, sempre nos gusta estar en continua renovación e evolución.

E, loxicamente, seguimos atendendo a todo o público que queira achegarse ao noso taller para coñecer o noso traballo en primeira persoa e descubrir o fascinante que pode ser este oficio.

Que supón para vós pertencer a Artesanía de Galicia?

É un orgullo poder pertencer á gran familia de artesáns de Galicia, que é un exemplo de diversidade, esforzo e excelencia. Artesanía de Galicia é un referente na promoción e divulgación de todos os oficios artesáns e o seu apoio é fundamental para que todos nós poidamos ter a oportunidade de ensinar o noso traballo mesmo máis aló das nosas fronteiras.

Onde podemos mercar os vosos produtos?

As nosas pezas atópanse en tendas especializadas en artesanía e en galerías, en diversos puntos da península e nalgún cliente internacional.

Desde hai xa moitos anos, contamos cunha tenda en liña propia onde se poden comprar todos os nosos produtos practicamente desde calquera parte do mundo.

Ademais, temos a nosa tenda-exposición no noso taller, onde calquera persoa que veña a visitar a Ribeira Sacra pode achegarse e ver en persoa todas as nosas creacións.

“Utilizamos métodos de produción propios e materiais que minimizan os residuos, reducen o consumo de auga e enerxía e limitan o noso impacto no medio ambiente”

Fotos cortesía da Fundación Pública Artesanía de Galicia e Barreiros Artesanía

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.