Andraos – Psycho 777: Nin Jekyll, nin Hyde
Por César Varela [Rock Compostelán]
Tantos anos exercendo a miña humilde profesión e de súpeto, o día converteuse en noite, nun abrir e pechar de ollos. Cantas veces teño pensado en estar do outro lado, ata que me vin mergullado nel, e pódovos garantir que a experiencia non foi realmente fantástica. Agora que o penso, parece que todo foi un soño e que non ocorreu de verdade, pero tampouco todo foi un caos. De todo se aprende! E ás veces, metido de golpe e ‘porrazo’ no allo, tamén experimentas sensacións positivas e extraordinarias, como foi o caso de coñecer ao Sr. Andraos, que tódalas mañás me sorprendía cun novo tema. Iso facía enriquecer aínda máis a miña perversa mente e desfrutar de fenómenos. O que é a vida! Ás veces, nunca sabes onde te vas atopar co personaxe que vai ocupar as liñas do próximo artigo da túa sección.
Hoxe ímoslle dar a volta á tortilla e deixarnos de empanadas. Saímos da tixola, para caer nas brasas. Pasamos do Rock ao Trap sen máis contemplacións nin prexuízos. Non todo vai ser Rock, que grazas a el, estamos como estamos…
Así que, sen máis demora, preséntovos a Andraos, que dende os 13 anos ata a actualidade (32), foi un fervente afeccionado á música urbana. Durante esta etapa da súa vida, puido desenvolver unha profunda conexión e fascinación polos diferentes xéneros que compoñen este vasto universo musical.
Un dos xéneros que captou especialmente a súa atención ao longo destes anos foi o trap. Este estilo, coa súa innovadora mestura de hip-hop, synthpop e sons electrónicos, logrou cativalo e converterse nunha das súas principais fontes de inspiración.
Un exemplo claro do seu interese polo trap é a canción ‘Loco sin estarlo’, unha peza que reflicte a súa propia experiencia e perspectiva sobre a vida e a sociedade. Esta composición, permítelle expresar de xeito auténtico e persoal, as emocións e pensamentos que lle acompañaron ao longo desta viaxe musical e espiritual.
Ademais de ‘Loco sin estarlo’, ten outras creacións, como ‘¿Loco o cuerdo?’ ou ‘Despertar en el caos’, que tamén se enmarcan dentro do mesmo xénero.
Estas cancións, aínda sen ser interpretadas, representan a súa constante exploración e evolución dentro desta escena musical.
A medida que foi medrando e madurando como oínte e apreciador da música urbana, a súa conexión co trap, foise fortalecendo cada vez máis. Este xénero, coa súa capacidade para reflectir as realidades e desafíos da sociedade contemporánea, converteuse nunha ferramenta fundamental para poder expresar as súas propias vivencias e perspectivas.
E ata aquí, unha nova experiencia neuronal, recreativa e funda-mental.
Ata o próximo capítulo!
Sayonara, Baby!