Lidia Veiga: “O que verdadeiramente me inspira está na miña vida diaria, na familia, nos amigos…”
Por Silvia Castiñeiras

Lidia Veiga é unha desas persoas ás que quixeras ter coñecido de cativa, porque a bo seguro a vida sería ben animada e divertida. Dou fe de que a descrición que ten nas súas redes sociais, unha bule bule, é ben axeitada, e para iso só me fixo falta unha pequena conversa con ela. O de actriz e bule bule sería un gran comezo para un gran currículo. Ela xa ten un ben feitiño e intenso. Repasemos a traxectoria dunha trouleira de Arzúa que goza da súa profesión coma ninguén e coa que quedamos para tomar un capuchino en A Carrilana.
A vea artística venche de familia?
Na miña casa por parte paterna xa foron sempre moi trouleiros. Meu avó xa contaba moi ben os contos e meu pai estivo tamén no Luar. Esta vea artística creo que me vén máis de familia do que eu pensaba, son agora cada vez máis consciente diso. O certo é que sempre me axudaron moito a formarme e tamén houbo outros factores como unha profe que se me cruzou, Maca, e que me achegou ao teatro no instituto. Eu xa de nena era moi creativa e moi lercha.
Como foi esa infancia?
Con meu pai facía xogos de poñer voces aos animais nos documentais e desfrutábao moito. Non pensas que vai ser a túa profesión nin forma de vida, pero agradezo á miña familia pola crianza que me deron, polo seu apoio sempre en todo o que quixen facer. E iso que estaba nun pobo e non había tantas posibilidades.
Como chegas ao mundo profesional?
Cheguei despois de formarme na ESAD de Vigo, onde á vez que estudaba intentaba saír desa burbulla teórica e ir facendo as miñas cousiñas coa participación en curtas, colaborando en proxectos coas universidades… A idea era ir facendo de todo un pouco para ir tendo o meu material. Gústanme moito as curtas e aprender con eses proxectos que non teñen cartos, pero están cheos de ilusión. Así que a miña chegada ao mundo profesional foi unha mestura de sorte e de traballo.
Claro, porque logo hai que facerse un oco…
Si, logo sabes que tes que buscar unha persoa que te represente e iso… Resultou que fixen unha curta cun compañeiro de escena cuxa persoa que o representaba se interesou por min e chamoume. E o primeiro casting ao que me presentei, caeu! Foi na serie A Lei de Santos.
Que vertente che tira máis?
Esta é unha profesión moi diversificada e con opcións que semellan parecidas pero son moi diferentes. Falamos de ser actriz de teatro, audiovisual, de dobraxe… Ao final as técnicas e os códigos son distintos, e creo que iso é o que máis me gusta, o diferentes que son. É unha grandísima vantaxe que me poida dedicar a varias cousas, penso que estaría perdida se me encaixara nunha soa. O bonito son as esixencias técnicas de cada unha.
En que proxectos andas?
Compaxino varias cousas, este verán foron aparecendo proxectos audiovisuais e tamén estou coa xira da obra Iribarne, nunha segunda volta, na que fago moitísimos papeis, incluído o de bandeira. E así vou alternando traballos como a nova peli da produtora Sétima, As liñas descontinuas, ou a miña participación en Romería de Carla Simón, coa que tiña moitas ganas de coincidir. Tamén sigo con dobraxe e co podcast Exército Mekemeke.
E tes algún referente?
Teño boa memoria emocional e os meus referentes, aínda que pareza raro, están fóra da profesión. Son a miña familia, os meus catro avós, os meus pais, a miña parella que me apoia en todo, os meus amigos… O que verdadeiramente me inspira está na miña vida diaria como persoa, coa xente que teño. No mundo profesional ao final es moi cambiante, segundo o momento vital no que te atopes gústanche máis uns ou outros.
Pareces tamén moi entu-siasmada coa dobraxe, en que momento estás neste campo?
Uf, apaixóname a dobraxe! Foi meu pai quen me insistiu neste campo. Dicíame… “con esa voz e co que che gustan os debuxos animados…”. Así que fixen un curso e foi o mellor que me puido pasar. Coñecín a Antón Rubal, que é o meu padriño neste eido, e fixen varios rexistros. Encantaríame poder dedicarme a isto moi habitualmente, algo que, ademais, foi un salvavidas durante moitos meses a nivel de supervivencia económica (risas).
O certo é que non se ten moito en conta nos estudos de interpretación esta parte e creo que debería ter peso ao igual que a dicción e a fonética. É un traballo moi digno e que engancha moitísimo. E teño que dicir que é unha disciplina moi complicada a nivel técnico.
E que personaxes dobraches?
Case todo o que fixen foi en galego, o cal é un pracer. É un traballo moi guai, como volver á infancia cando vía o Xabarín. O que máis fixen foron voces de meniños e meniñas, tamén fixen de tartaruga… e na serie Bloques de cores son o vermello! (máis risas).
“Eu xa de nena era moi creativa e moi lercha, e de familia trouleira”

“Penso que gran parte da miña disciplina como actriz vén dos anos de natación"
AUGA CON LIMÓN
Poñerlle un pouco de sabor á vida creo que é algo que ten dominado Lidia Veiga, se ata lle pon sabor á auga! “Encántame beber auga con xeo e con limón, e aínda que non a pido conscientemente por iso, beber auga é esencial para coidar a voz. Pero gústame así con moito limón eh, que colla ben de sabor”, conta ela case con seriedade, pero desta vez imos coas cousas menos serias do día a día...
E o de pegar a culler no nariz?
Pois outra cousa que fago así porque si. Non sei, tenme certo xeito facer iso, é un reto. É algo que fago desde pequena en calquera sitio e non coido nas reaccións dos demais. Esta do Carrilana complicóuseme, eh! (risos).
Que tal a vida en Santiago?
Levo aquí instalada uns meses coa miña parella, nunha zona moi tranquila, non estou no centro, centro. Aínda que Arzúa sempre é o meu campamento base, xa pasara algunha tempada aquí por algún traballo, como cando fixen a obra do Centro Dramático Galego Un hotel de primeira sobre o río. Así é a nosa vida, hoteis, pisos alugados por meses...
E xa tes algún sitio favorito?
Se che digo a verdade aínda non descubrín ben Santiago como debería, pero mira xustamente cando estaba na obra no Salón Teatro viña moito ao Carrilana, encantábame vir facer o brunch.
Tes máis vida cultural aquí?
En Arzúa teño que dicir que sempre se coidou bastante a parte cultural, e como teño unha avoa que se apunta a todo e é moi trouleira, cousa que había, cousa á que ía e me levaba xa desde pequena... Fun ao teatro, a concertos... xa podía caer un diluvio que non faltabamos!
E o da natación?
Empecei de moi pequena e estiven no club de Arzúa, un dos mellores de Galicia, e tamén fun á selección galega. Gañei medallas, fixen récords... e tiven a oportunidade de ir ao Centro de Alto Rendemento de Pontevedra, pero entón decidinme pola actuación e desvinculeime do mundo da natación. Foron tardes e tardes da miña vida na piscina. Penso que gran parte da miña disciplina como actriz e a capacidade de esforzo vén de aí.